Os Nióbidas eran, segundo a mitoloxía grega, os fillos e fillas de Anfión de Tebas e Níobe. O mito di que Níobe ousou fachendear ante Leto porque esta só tivo dous fillos (Ártemis e Apolo), mentres que ela tivo moitos máis, un exemplo clásico de hybris.[1] Por este motivo, Apolo e Ártemis asasinaron os fillos de Níobe coas súas frechas. Apolo disparou aos varóns e Ártemis ás mulleres. Porén, segundo algunhas fontes houbo dous Nióbidas que suplicaron a Leto para salvarse: Apolodoro di que foron Melibea (Chloris)[2] e Amiclas.

Escultura dunha Nióbida arrepiada ante Ártemis na Galería Uffizi de Florencia.
Sarcófago romano (160 - 170 d. C.) no que se representa a Apolo e Ártemis matando os fillos de Níobe. Arriba, os Nióbidas asasinados.

Os Nióbidas foron soterrados polos deuses en Tebas. Ovidio remarcou que tódolos homes lamentaron a extinción da liñaxe de Anfión, mais ninguén consolou a Níobe, agás o seu irmán Pélope.[3]

Notas editar

  1. Robert Graves, The Greek Myths, 1960, §77.
  2. "Melibea puxérase tan pálida polo medo que aínda era alcumada Cloris cando casou con Neleo anos máis tarde." (Graves 1960:259).
  3. Ovidio Metamorfoses, VI.401-04.