Monte de San Nomedio

monte no concello das Neves

Coordenadas: 42°08′07″N 8°24′46″O / 42.135173203361, -8.4128751849058

O monte de San Nomedio localízase entre as parroquias de San Xosé de Ribarteme e Taboexa, con cumio nesta última, no concello das Neves, na comarca pontevedresa do Condado. Pertence ao sistema montañoso dos montes da Paradanta. Acada unha altitude de 690 metros e elévase entre os vales dos ríos Termes ao sur, o Xuliana ao oeste e o Uma ao norte.

O monte de San Nomedio visto dende a parroquia de San Xosé de Ribarteme.
Ermida no cumio do monte.

No seu cumio existe unha sinxela ermida dunha soa nave dedicada a San Mamede (Sandomedio, San do Meio, San Omedio ou Santo Amedio), festividade que cada 7 de agosto dá lugar á celebración dunha romaría.

Lendas editar

 
Ermida no cumio do monte

Existen varias lendas que teñen a este monte das Neves como protagonista. A primeira é a lenda dos Sete Irmáns que, por outra parte, non é exclusiva del, xa que se pode atopar noutros puntos da xeografía galega como a comarca da Limia. Fala da existencia de sete irmáns santos (Filipe, Fins, Marco, Xián, Tomé, Trega e propio Mamede) que teñen cada un deles a advocación dun determinado monte da zona. A existencia de dúas pedras con certa aparencia de cadeira, unha no monte de San Nomedio e outra no próximo monte de San Fins é interpretada pola lenda como os lugares onde se acomodan os dous irmáns para falaren entre eles.

A outra ten que ver cun Boi de Ouro que os mouros levaron ao monte para louvalo e que, seguindo a lenda, deixaron soterrado alí. O animal máxico cobrou vida e permanece debaixo dunha laxe (coñecida na zona co nome de Laxe Negra) á cal chega de xeito subterráneo un brazo de mar. Ninguén pode mover a laxe para intentar ver ou coller o Boi de Ouro; se o fixer, o mar asulagará todas as aldeas de arredor.[1]

Notas editar

  1. Cuba, X. R., Miranda, X. e Reigosa, A., (2000), Dicionario dos seres míticos galegos, 2ª edición, Edicións Xerais

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar