Moeda de ocupación do Imperio do Xapón

A moeda de ocupación do Imperio Xaponés, coñecidos tamén como billetes do Banco de Desenvolvemento do Sur (oficialmente "billetes militares da guerra do Sueste Asiático", pola súa tradución do xaponés 大東亜戦争軍票, Dai Tō-A Sensō gunpyō), foi a moeda emitida entre 1942 e 1945 pola autoridade militar xaponesa, en substitución da moeda local, logo da conquista de colonias e a ocupación doutros estados durante a segunda guerra mundial.[1]

Un fotógrafo de guerra nunha rúa inzada de diñeiro xaponés de ocupación, en Yangón, Myanmar, 1945.

Historia editar

En febreiro de 1942 aprobáronse no Xapón as leis polas que se creaban o Banco de Financiamento en Tempo de Guerra e o Banco de Desenvolvemento do Sur. Ambas as institucións emitiron bonos para recadar fondos. O Banco de Financiamento de Tempo de Guerra prestaba diñeiro principalmente ás industrias militares, mais tamén a unha ampla gama doutras empresas, como as compañías de enerxía eléctrica, de construción naval e do petróleo.[1]

Pola súa banda, o Banco de Desenvolvemento do Sur prestaba servizos financeiros nas zonas ocupadas polo exército xaponés. Os billetes do Banco de Desenvolvemento do Sur utilizábanse de facto como diñeiro militar de emerxencia. En decembro de 1942, o saldo dos billetes do Banco de Desenvolvemento do Sur ascendía a máis de 470 millóns de iens e en marzo de 1945 superaba xa os 13.000 millóns.[1]

 
Milleiros de billetes da ocupación xaponesa foron queimados en 1945 logo da liberación dos territorios por parte das tropas aliadas, neste caso nas Indias Orientais Neerlandesas.

Os xaponeses, que xa estaban en guerra coa China, ampliaron en 1940 o alcance das súas operacións militares en Asia e entraron na segunda guerra mundial a finais de 1941 co ataque a Pearl Harbor. Durante esa contenda, o Xapón invadiu varios países asiáticos e ocupou vastos territorios, nos que estableceu administracións militares.[2][3]

A partir da toma das illas Filipinas, os militares xaponeses confiscaron toda a moeda forte, tanto a que estaba en mans públicas como a dos particulares, e substituíuna por papel moeda impreso localmente, que levaba unha proclamación de emisión militar.[4] Todos os billetes levaban unha alusión ao Goberno imperial xaponés e algúns amosaban tamén a "promesa de pagar ao portador á vista". Este diñeiro militar ficou sen valor logo do derrocamento da Administración xaponesa. Nese momento queimáronse varias toneladas de billetes, xa que a tropas xaponesas recibiron a orde de destruír os rexistros bancarios e calquera resto de moeda antes da capitulación.[5]

Coa fin da segunda guerra mundial, a moeda que circulaba en nome do poder xaponés perdeu inmediatamente o seu valor e foi rexeitada na súa totalidade. Ademais da emitida nas Filipinas, oubo tamén emisións de moeda militar xaponesa en Birmania (o actual Myanmar); na Malaisia británica, Borneo do Norte e Sarawak (a actual Malaisia); en Singapur; en Brunei; nas Indias Orientais Neerlandesas (a actual Indonesia) e nalgunhas zonas de Oceanía (Nova Guinea e as illas Salomón e Gilbert).[4][6][7]

As forzas aliadas e a poboación civil fixéronse con grandes cantidades desta moeda ao final da guerra. Moitos destes billetes conserváronse como recordo de guerra e actualmente están en coleccións privadas e de museos; o Museo Británico alberga máis de 200 exemplares.[8][9]

Emisións de papel moeda editar

Filipinas editar

O 10 de decembro de 1941, as tropas xaponesas desembarcaron na illa de Luzón.[10] Os xaponeses invadiron Manila o 2 de xaneiro de 1942,[11] e no proceso capturaron máis de 20,5 millóns de dólares en moeda estadounidense e local, así como unha cantidade descoñecida de divisas e lingotes de metais preciosos. Os xaponeses utilizaron esta moeda forte no estranxeiro para comprar materias primas, arroz e armas para alimentar a súa maquinaria de guerra, e no canto dela emitiron varias series de moeda fiduciaria para a súa circulación no territorio ocupado. A primeira emisión, en 1942, consistiu en billetes cos valores faciais de 1, 5, 10 e 50 centavos, e de 1, 5 e 10 pesos.[12][13]

En 1943 apareceron os "billetes de substitución" de 1, 5 e 10 pesos. En 1944 púxose en circulación o billete de 100 pesos e pouco despois o de 500 pesos, que trouxo consigo a inflación. Preto da fin da guerra, en 1945, os xaponeses emitiron un billete de 1.000 pesos.[12][13] As pranchas para este billete completáronse en Manila pouco antes de que as tropas estadounidenses entrasen na cidade o 3 de febreiro de 1945, e os xaponeses imprimiron o billete de 1.000 pesos mentres se retiraban de Manila a Baguio.[5]

Esta é unha mostra dalgúns dos billetes emitidos polos xaponeses en Filipinas:[12]

Anos despois de finalizar a segunda guerra mundial, o 8 de xaneiro de 1953 fundouse unha organización chamada The Japanese War Notes Claimants Association of the Philippines —JAPWANCAP— ("Asociación de Reclamantes de Billetes de Guerra Xaponeses de Filipinas").[13][14][15]

 
Billete do dominio xaponés en Filipinas co selo da JAPWANCAP.

O obxectivo desta enitidade era exercer presión sobre os gobernos estadounidense e filipino para trocaren ou pagaren unha fracción do valor das emisións militares xaponesas de moeda para Filipinas. A asociación custodiaba os billetes e emitía certificados de afiliación, tarxetas de identificación oficiais e cartillas de depósito, a cambio dunha cota.[13][14][15]

O Goberno filipino non amosou interese sobre este asunto e os esforzos da asociación foron infrutuosos. En 1967, JAPWANCAP demandou o Goberno dos Estados Unidos por reciprocidade e perdeu a demanda. As batallas xudiciais contra o Xapón prolongáronse durante décadas, con casos que chegaron ata as máis altas instancias xudiciais xaponesas.[15][16]

Malaisia, Singapur, Borneo do Norte, Sarawak e Brunei editar

Os xaponeses comezaron o seu ataque contra os territorios británicos da península Malaia o mesmo día que en Pearl Harbor, entrado por terra desde o norte. A base fortificada de Singapur caeu o 15 de febreiro de 1942,[17] e foi retida co resto da Malaisia británica polos xaponeses ata agosto de 1945.[18] O diñeiro de guerra creado polos xaponeses para estes territorios está expresado en dólares, do mesmo xeito que aquel ao que substitúe: o dólar malaio.[19]

En 1942, os xaponeses emitiron papel moeda con valores de 1, 5, 10 e 50 centavos, e de 1, 5 e 10 dólares. Ao principio, os billetes de 1, 5 e 10 dólares portaban números de serie, e posteriormente omitíronse.[20]

En 1944, a inflación levou á emisión dun billete de 100 dólares e en 1945 este billete substituíuse por un novo, e ademais engadiuse un billete hiperinflacionario de 1.000 dólares. A primeira serie de billetes, de 1942, así como o primeiro billete de 100 dólares, amosaban a inscrición THE JAPANESE GOVERNMENT PROMISES TO PAY THE BEARER ON DEMAND ("O Goberno xaponés comprométese a pagar ao portador cando o solicite"). Na emisión de 1945 esta mensaxe foi retirada dos billetes.[20]

Dado que os metais eran un material de guerra necesario, os xaponeses non emitiron moeda metálica durante as súas ocupacións. O diñeiro de ocupación, incluídos os valores máis pequenos, imprimíanse en papel. Así e todo, no Museo do Diñeiro do Banco Central de Malaisia, en Kuala Lumpur, exponse a cuñaxe dunha proba para unha moeda que demostra que se pensou en emitir tamén moeda metálica durante a ocupación. Trátase dunha peza de aluminio con valor de 20 centavos, co nome MALAYSIA no anverso e a data 2602, do calendario xaponés, equivalente a 1942, e un deseño tipicamente xaponés no reverso, cun Sol radiante e flores de sakura.[21]

O topónimo Malaysia utilizouse por vez primeira nunha moeda nesa proba de 1942, aínda que o nome oficial do país non cambiou de Malaya a Malaysia —adaptado en galego como Malaisia— ata o 16 de setembro de 1963. No entanto, Malaysia xa fora de uso común desde o século XIX, e o Ministerio de Finanzas de Osaca, no Xapón, verificou que a proba de 20 cents de 1942 fora cuñada na Casa da Moeda de Osaca, e que a inscrición MALAYSIA respondía á denominación xaponesa para esa rexión, naquel momento.[21]

Esta é unha mostra dos billetes emitidos polos xaponeses para os territorios de Malaisia, Singapur, Borneo do Norte, Sarawak e Brunei:

Birmania editar

Os xaponeses comezaron a invasión de Birmania —actual Myanmar— en decembro de 1941, e conquistaron Mandalay o 21 de maio de 1942,[22][23] obrigando os británicos a retirarse á India.[24] Birmania estivo retida polas tropas xaponesas ata a segunda campaña aliada de 1944, aínda que a rendición oficial non se produciu ata agosto de 1945.[25]

En 1942, o Goberno xaponés comezou a emitir unha serie de billetes para a Birmania ocupada con valores de 1, 5 e 10 centavos, e de ¼, ½, 1, 5, 10 e 100 rupias, que concluíu en 1944.[26]

Esta é unha mostra dalgúns dos billetes emitidos para a Birmania ocupada:

 
Billete de 5 kyat do estado monicreque de Birmania, cunha sobreimpresión posterior en caracteres xaponeses.[27]

Á parte da alusión ao Goberno xaponés como autoridade emisora e ao valor facial, expresadas en inglés, estes billetes amosan tamén a inscrición "Goberno do Gran Xapón Imperial" en caracteres xaponeses, así como o símbolo do Ministerio de Finanzas do Xapón.[26]

En 1943, os xaponeses, logo da conmutación da condena a Ba Maw, un aberto defensor do autogoberno birmano, instalárono como xefe dun estado monicreque.[28] O ano seguinte, o Banco Estatal de Birmania, do novo Estado, emitiu billetes de 1, 5 e 10 kyat, e en 1944 un billete de 100 kyat. En ningún destes billetes hai xa alusións ao poder imperial xaponés e as únicas inscricións están escritas exclusivamente en lingua birmana.[26]

Indias Orientais Neerlandesas editar

 
Un civil indonesio troca billetes de ocupación xaponeses por floríns logo da liberación do territorio polas forzas aliadas en 1945.

Tras a caída de Singapur en febreiro de 1942, os xaponeses atacaron as Indias Orientais Neerlandesas, que foron efectivamente tomadas o 9 de marzo de 1942 e retidas ata a rendición en agosto de 1945. En 1942, os xaponeses emitiron papel moeda correspondentes ao sistema do florín (gulden) e cos valores de 1, 5 e 10 cents, así como ½, 1, 5 e 10 gulden. Nos valores expresados en cents incluíuse a inscrición en lingua neerlandesa DE JAPANSCHE REGEERINGS ("O Goberno xaponés"), en tanto que nos expresados en guldens se engade a esta a expresión BETAALT AAN TOONDER ("paga ao portador"), seguida do valor facial do billete.[29]

En 1944 emitíronse senllos billetes cos valores de 100 e 1.000 rupias (roepiah), coa inscrición en lingua indonesia PEMERINTAH DAI NIPPON ("Goberno do Xapón"). No mesmo ano completouse a serie cos billetes de ½, 1, 5, 10 e 100 rupias, coa lenda xaponesa transliterada DAI NIPPON TEIKOKU SEIHU ("Goberno Imperial do Xapón").[29]

Tanto os billetes da serie de 1942 como os de 1944 amosan ademais, do mesmo xeito que os demais territorios, unha cartela na parte inferior do anverso cunha lenda "Goberno do Gran Xapón Imperial" escrita en caracteres xaponeses.[29]

Esta é unha escolma dos billetes emitidos para a ocupación das Indias Orientais Neerlandesas, correspondentes tanto ao sistema do florín (1942) como ao da rupia (1944):

Oceanía editar

En Oceanía emitiuse papel moeda de ocupación para o seu uso na Nova Guinea británica, nas illas Salomón e Gilbert e noutros pequenos postos insulares avanzados controlados polo Goberno xaponés que foran capturados para defender as illas da chamada Esfera da Coprosperidade.

En 1942, o Goberno xaponés emitiu billetes de ½ xilin (shilling), un xilin, 10 xilins e unha libra (pound) para o seu uso nestas zonas.[30] En ocasións entendeuse erroneamente que este diñeiro se imprimiu como preparación para unha posterior invasión de Australia, aínda que na realidade nunca se planeou tal invasión e estes billetes nunca foron utilizados en territorio australiano.[31][32]

Unión Soviética editar

O Ministerio de Finanzas do Xapón deseñou e produciu billetes especiais con valores faciais de 10 e 50 kopeks, de 1 e 5 rublos, e dun chervonets, para a súa futura posta en circulación nos territorios orientais da Unión Soviética, no caso de que se chagase a producir a súa ocupación. Todos estes billetes levan a inscrición en lingua rusa ИМПЕРАТОРСКОЕ ЯПОНСКОЕ ПРАВИТЕЛЬСТВО ("O Goberno imperial do Xapón"), así como a designación do seu valor facial en cifras e en palabras, e un número de serie.[33][34]

Os acontecementos históricos fixeron que estes billetes nunca chegasen a ser necesarios, polo que non chegaron a ser producidos masivamente nin a entrar en circulación. Durante os derradeiros momentos da guerra foron destruídos e só un pequeno número deles sobreviviu, polo que agora son obxectos de colección dunha gran rareza.

Billetes de propaganda editar

Como parte da guerra psicolóxica, a forza aérea británica lanzou en ocasións desde avións diversos panfletos propagandísticos para sementar o pánico entre a poboación baixo ocupación xaponesa. Para algunhas destas mensaxes utilizáronse parodias dos billetes de ocupación emitidos polo Goberno do Xapón. Un destes casos foi o dos billetes de 10 dólares da ocupación dos territorios da península Malaia, cuxa versión propagandística se produciu en imprentas de Calcuta, cunha faixa diagonal no anverso co texto en malaio Wang Jepun Akan Mati Bersama Jepun ("O Xapón e o seu diñeiro han desaparecer axiña"), en tanto que o reverso estaba ocupado por un texto en tres liñas, en malaio, en árabe e en chinés, co seguinte texto:[35]

Os billetes xaponeses xa non se están a utilizar en Birmania. O único diñeiro legal que se utiliza alí agora é o británico. Cando os británicos regresen aos estados malaios, a súa moeda volverá ser válida como antes. Os billetes xaponeses han desaparecer para sempre, xunto cos xaponeses, e os auténticos billetes británicos utilizaranse para sempre.

Unha estratexia similar foi a seguida polas forzas armadas dos Estados Unidos en Birmania, coa impresión en 1944 de billetes de propaganda similares aos emitidos polo Xapón con valor de 5 rupias para a súa circulación nese territorio. O anverso destes billetes de propaganda era moi similar ao orixinal, mais o seu reverso levaba mensaxes, unhas veces en lingua birmana e outras en lingua kachin.[35][36]

A tradución da mensaxe en lingua birmana é a seguinte:[35]

As malvadas autoridades xaponesas emitiron en segredo ordes a todas as forzas xaponesas estacionadas en Birmania para que gasten este diñeiro libremente, xa que se está a producir en grandes cantidades para mercar comida e contratar traballadores durante a guerra. Cidadáns de Birmania: coidado cos intereses ocultos dos xaponeses! [...] Aos cidadáns de Birmania: os billetes de papel que vos vedes na obriga de aceptar e a utilizar son simples anacos de papel sen valor impresos polos xaponeses. É doado para eles imprimir ese diñeiro, pero non o será facer que os aceptedes a cambio dos vosos alimentos e do voso traballo. Amigos, non vos deixedes enganar! Non aceptedes nin recoñezades os billetes xaponeses.

E esta é a tradución da mensaxe en lingua kachin:[35][36]

O Goberno militar xaponés ordenou ás súas tropas en Birmania manter en segredo as seguintes directivas. O Goberno militar está a emitir billetes para o seu uso [dos xaponeses] en Birmania. Gasten tanto como queiran para comida e outras cousas, pero non lle digan ao pobo kachin o segredo do diñeiro. [...] Kachin! Os xaponeses están a facer estes billetes sen valor para o teu uso. É doado conseguir estes billetes pero moi difícil comprar comida ou outras cousas. Evita estes billetes ou serás enganado.

Falsificacións editar

Os Estados Unidos falsificaron os billetes de ocupación xaponeses durante toda a guerra, en parte para intentar desestabilizar a economía local, desmoralizando así os xaponeses, e tamén para abastecer as guerrillas que loitaban contra os xaponeses. O xeneral MacArthur pediu á Oficina de Servizos Estratéxicos (OSS) que replicase os billetes xaponeses para Filipinas, aproveitando, ademais, a casualidade de que nos Estados Unidos se descubrira un almacenamento do mesmo papel que o Xapón utilizaba para a fabricación destes billetes.[5][37] As réplicas foron lanzadas en paquetes con paracaídas desde avións militares.[4]

Cando se esgotaron as existencias, a operación de falsificación trasladouse a Australia. En 1943 MacArthur solicitou e recibiu os seguintes billetes falsos: cinco millóns de billetes de 10 pesos, tres millóns de 5 pesos, un millón e medio dun peso e medio millón de 50 centavos.[36] As falsificacións estadounidenses distínguense por levar impresos os seguintes códigos: PA, PB, PE, PF, PG, PH, PI (50 centavos); PH (1 peso); PD (5 pesos) e PA, PB, PC (10 pesos)[13].[36]

A Oficina de Servizos Estratéxicos e a Dirección de Operacións especiais tamén falsificaron o billete birmano de 10 rupias.

O Commonwealth Bank of Australia, que daquela era o banco central do país, encargouse de producir o diñeiro falso de ocupación do Xapón. A correspondencia, descuberta décadas despois, da Comisión das Indias Neerlandesas ao gobernador do devandito banco o 5 de outubro de 1942 amosa unha solicitude e case 70.000 exemplares de billetes falsos de diferentes valores faciais. Tres meses máis tarde, noutra carta solicitábanse outros 70.000 exemplares de billetes falsos, xa que a subministración anterior "demostrara ser moi útil" e estaba xa esgotada.[38]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Ohnuki, M. (2002). "Modern Japanese Financial History as Seen Through Its Currency. 3.6 The Wartime Economic System". Bank of Japan.
  2. "World War II in the Pacific". Holocaust Encyclopedia.
  3. Gruhl, W. (2011). Imperial Japan's World War Two: 1931-1945. Transaction Publishers. ISBN 9781412809269
  4. 4,0 4,1 4,2 "Coins". En The New York Times. 2 de febreiro de 1992.
  5. 5,0 5,1 5,2 Slabaugh, A. (1963).
  6. Vicente, J. R. (2015). "Dinero japonés de ocupación". En Curiosidadesnumismaticas.blogspot.com. 23 de febreiro.
  7. Wong, H. S. (1996).
  8. "Japanese Imperial Government". The British Museum.
  9. Lua, N. "Japanese occupation money and the Battle of Balikpapan". Chinesemoneymatters.wordpress.com
  10. Morton, L. (1995). U.S. Army in World War II. The Fall of the Philippines. The War in the Pacific. "Chapter VI: The First Landings". Center of Military History. Páxinas 98-114.
  11. "Manila occuped by Japanese Forces". En Sunday Morning Herald. 3 de xaneiro de 1942.
  12. 12,0 12,1 12,2 "Philippines. Japanese Occupation WWII". Banknote.ws
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "History of Philippine Paper Money: Japanese Invasion Money". Phil-philately.com
  14. 14,0 14,1 Dowey, J. "Japanese Military Pesos After the War". Philipine Currency During World War Two (Guerrilla-money.com).
  15. 15,0 15,1 15,2 Vicente, J. R. (2019). "El fiasco del JAPWANCAP". En Curiosidadesnumismaticas.blogspot.com. 28 de septiembre.
  16. "The Japanese War Notes Claimants Association of the Philippines". U.S. Court of Claims. 17 de febreiro de 1967.
  17. "15 February 1942: Singapore forced to surrender". BBC.co.uk
  18. Fisher, Max. (2012). "The Emperor's Speech: 67 Years Ago, Hirohito Transformed Japan Forever". En The Atlantic. 15 de agosto.
  19. "Decree: The sole currency in Malaya shall be the Military Notes [...]". En Syonan Shimbun. 23 de febrero de 1942. Páxina3.
  20. 20,0 20,1 "Malaya. Japanese Government. 1942-1945 issue". Banknote.ws
  21. 21,0 21,1 Klinger, D. (2006). "Japanese Occupation Pattern Coin". En Kingler's Place (Davidklinger.blogspot.com)
  22. "Japanese conquest of Burma, December 1941-May 1942". Historyofwar.org
  23. Grant, I. L. (1999). Burma, 1942: The Japanese Invasion. Zampi Press. ISBN 978-0952108313
  24. Tinker, H. (1975). "A Forgotten Long March: The Indian Exodus from Burma, 1942". En Journal of Southeast Asian Studies. Vol. 6. Nº 1. Páxinas 1-15.
  25. Fisher, Max. (2012). "The Emperor's Speech: 67 Years Ago, Hirohito Transformed Japan Forever". En The Atlantic. 15 de agosto.
  26. 26,0 26,1 26,2 "Burma. Japanese Occupation & Japanese Puppet State". Banknote.ws
  27. "Burma: 5 Kyats ND(1944)". Banknote.ws
  28. Obituario: "Burma's First Prime Minister". En The Washington Post. 5 de xuño de 1977.
  29. 29,0 29,1 29,2 "Netherlands Indies - Japanese Occupation". Banknote.ws
  30. "Oceania. Japanese Government". Banknote.ws
  31. Stanley, P. (2008). Páxinas 159-162.
  32. James, T. "Counterfeit or replica: proof of Jap plan to invade Australia claimed by army". Tonyjamesnoteworld.biz
  33. "Japan. 10 Kopeek". Banknote.we
  34. "Japan. 50 Kopeek". Banknote.we
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 "Psychological warfare: Propaganda Notes!". Mintageworld.com
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 Friedman, H. A. "WW II Allied Propaganda Banknotes". Psywarrior.com
  37. "Counterfeit money not always a bad thing!". American Numismatic Association.
  38. Klinger, D. (2006). "Counterfeit JIM". En Klinger's Place (davidklinger.blogspot.com).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar