Luna E-6

Familia de sondas luares soviéticas.

Baixo o nome de Luna E-6, Luna E6 ou Luna Ye-6 pola súa transliteración da lingua rusa, atópase unha familia de doce sondas espaciais soviéticas cuxa misión era aterrar na Lúa.[1][2]

Características editar

As sondas Luna E-6 foron sondas deseñadas pola oficina OKB-1 de Korolev para aterrar suavemente na Lúa e retransmitir fotografías desde a superficie. Tiñan unha masa duns 1470 kg.[1]

As sondas en si constaban de tres partes:[1]

  • O KTDU, un módulo cun motor foguete para facer correccións de traxectoria e para o freado lunar.
  • Un sistema de dous airbags para suavizar a aterraxe.
  • A ALS, a estación científica automática, de forma esférica, cun exterior que se abría en catro pétalos para deixar ao descuberto os instrumentos científicos e os sistemas de comunicacións e para estabilizar a sonda.

Durante o voo cara a Lúa a nave orientábase con cinco sensores, dous apuntando á Terra, dous á Lúa e un ao Sol. Ao chegar ás proximidades da Lúa a nave determinaba a vertical local e a 75 km da superficie o módulo KTDU acendíase para apagarse aos 25 km, hinchándose os airbags a unha presión dunha atmosfera e exectándose o módulo de superficie. O impacto contra a superficie tería lugar a unha velocidade de 15 m/s.[1]

Lanzáronse un total de doce sondas Luna E-6, das cales só unha, Luna 9, tivo éxito totalmente, converténdose na primeira sonda en aterrar suavemente na superficie lunar e retransmitir imaxes desde ela.[1]

Historial de lanzamentos editar

Voo[2] Data[1][2] Carga[1][2] Resultado[1][2] Notas
1 4 de xaneiro de 1963 Luna 4c Fallo parcial A última etapa non chegou a acenderse debido a un problema eléctrico, co que a etapa, xunto a sonda, quedou en órbita terrestre.
2 3 de febreiro de 1963 Luna 4d Fallo Un problema na última etapa fixo que reentrara na atmosfera terrestre, destruíndo a carga.
3 2 de abril de 1963 Luna 4 Fallo A sonda foi posta con éxito nunha órbita translunar, pero non conseguiu facer unha manobra de corrección orbital a medio camiño, fallando en alcanzar a Lúa.
4 21 de marzo de 1964 Luna 5a Fallo A última etapa non funcionou adecuadamente, co que a sonda non chegou a órbita.
5 20 de abril de 1964 Luna 5b Fallo A última etapa non funcionou adecuadamente, co que a sonda non chegou a órbita.
6 12 de marzo de 1965 Luna 5c (Kosmos 60) Fallo A última etapa non chegou a acenderse debido a un problema eléctrico, co que a etapa, xunto a sonda, quedou en órbita terrestre.
7 10 de abril de 1965 Luna 5d Fallo A última etapa non funcionou adecuadamente, co que a sonda non chegou a órbita.
8 9 de maio de 1965 Luna 5 Fallo A sonda foi posta en órbita de inxección translunar correctamente e chegou ás inmediacións da Lúa o 12 de maio, pero un fallo no sistema de propulsión impediu un freado adecuado, co que a sonda se estrelou contra a superficie lunar a demasiada velocidade.
9 8 de xuño de 1965 Luna 6 Fallo A sonda foi posta en órbita de inxección translunar correctamente, pero durante a manobra de corrección orbital a medio camiño o motor foguete non se deu apagado, co que a sonda pasou a máis de 159.000 km da Lúa.
10 4 de outubro de 1965 Luna 7 Fallo A sonda foi posta en órbita de inxección translunar correctamente e chegou ás inmediacións da Lúa o 7 de outubro, pero durante o descenso o sistema de propulsión apagouse prematuramente, co que a sonda se estrelou contra a superficie.
11 3 de decembro de 1965 Luna 8 Fallo A sonda foi posta en órbita de inxección translunar correctamente e chegou ás inmediacións da Lúa o 6 de decembro, pero durante o descenso o sistema de propulsión tardou demasiado en acenderse, co que a velocidade final foi demasiado alta e a sonda se estrelou contra a superficie.
12 31 de xaneiro de 1966 Luna 9 Éxito Primeira sonda en conseguir unha aterraxe suave na Lúa e retransmitir imaxes desde a superficie.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2011). "Luna E-6" (en inglés). Consultado o 10 de xullo de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Luna Ye-6" (en inglés). Consultado o 10 de xullo de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar