La novia oscura

novela de Laura Restrepo

La novia oscura é unha novela da autora colombiana Laura Restrepo, publicada en 1999.

La novia oscura
Autor/aLaura Restrepo
OrixeColombia
Linguacastelán
Xénero(s)Novela
Data de pub.1999
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

La Catunga é un barrio da vila colombiana de Tora, próxima a unha explotación petrolífera. Até alí chega unha nena que quere ser prostituta[1], e aprende o oficio da man de Todos Los Santos, a súa mentora. Nese período faise amiga de Sacramento, un rapaz que a axudou ao chegar á vila. Sacramento, doído ao ser consciente de que a nena vai comezar a ter relacións sexuais con homes, marcha da vila e comeza a mandarlle postais á rapaza.

Unha vez preparada, a nena toma o nome artístico de Sayonara e comeza a exercer. Axiña o nome de Sayonara comeza a ser coñecido e desexado por moitos homes da contorna. Entrementres, Sayonara vai coñecendo o resto de prostitutas do barrio, entre as que hai unha forte relación. Aos poucos vanse sabendo cousas do seu pasado, como que se chama Amanda e que os militares mataron o seu irmán. Co tempo, chegan á vila as súas irmás.

Sacramento atopa traballo, e fai amizade con outro rapaz, el Payanés. Durante unha forte doenza Sacramento pídelle ao amigo que se atopa a nena lle prometa que vai ir rescatala. El Payanés dá con ela, mais descobre que Sayonara e a nena son a mesma persoa. El Payanés e Sayonara prométense que se han ver unha vez ao mes, mais el non llo conta a Sacramento.

Cando Sacramento se recupera, vai á procura de Sayonara. Deixan a vila, onde non saiban da antiga profesión dela, e comeza a servir nunha casa. Sacramento e Sayonara casan, mais a relación non vai ben polos celos del. Sayonara regresa a La Catunga, pero atopa a vila cambiada. Volve coa esperanza de que El Payanés volva ir ao río onde prometeran encontrarse.

Narración editar

La novia oscura está redactada en primeira persoa desde o punto de vista dunha xornalista, que fala con Todos Los Santos, Sacramento e outros personaxes para saber do personaxe de Sayonara. Na realidade, a autora levou a cabo unha extensiva investigación en Barrancabermeja, que a levou a crear o personaxe de ficción[2].

Notas editar

  1. Juan Restrepo (2 de marzo de 2018). "Sobre ‘La novia oscura’ de Laura Restrepo". El Tiempo (en castelán). 
  2. Joaquín Marco (31 de maio de 2000). "La novia oscura". El Cultural (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2018. Consultado o 28 de decembro de 2018.