La Cuadra Centauro

O La Cuadra Centauro foi o único automóbil de turismo con motor de explosión producido polo fabricante La Cuadra de Barcelona (o primeiro fabricante de automóbiles da Península Ibérica).

La Cuadra Centauro

Fabricante La Cuadra
País España España
Deseño Marc Birkigt (motor)
Montaxe Barcelona, Cataluña
Período 1900-1901
Configuración
Tipo Automóbil de turismo
Carrozaría Faetón
Configuración Motor dianteiro / tracción traseira
Características técnicas
Motor Bicilíndrico, entre 905 e 1106 cm³
Potencia Entre 4,5 e 7,5 HP


Parte traseira do La Cuadra Centauro 7,5 HP.

Foi fabricado entre 1900 e 1901; a empresa desenvolveuno despois de varios fracasos con automóbiles eléctricos. Foron producidas dúas versións do Centauro: unha con 4,5 HP e outra con 7,5 HP. Os seus motores foron deseñados polo enxeñeiro suízo Marc Birkigt.[1]

Chasis e carrozaría editar

O Centauro estaba dispoñíbel con dúas carrozarías faetón; unha era bipraza sen portas e a outra era de catro prazas sen portas dianteiras e con dúas portas traseiras.

O chasis era de forma rectangular, con 2.100 mm de longo e 720 mm de largo, fabricado con ferro angular de 40 mm, que ademais estaba reforzado con madeira.[1]

Mecánica editar

Motores editar

Os motores do La Cuadra Centauro eran de 2 cilindros, refrixerados por auga, con bomba e radiador de serpentín.[1] O motor instalouse na parte dianteira do chasis e proporcionaba tracción ao eixo traseiro mediante unha cadea única, con diferencial.[1]

O motor bicilíndrico do Centauro 4,5 HP tiña un diámetro de 80 mm e unha carreira de 90 mm. Tiña unha cilindrada de 905 cm³ e a potencia que desenvolvía era de 4,5 HP (5 CV).

O motor do Centauro 7,5 HP tiña 80 mm de diámetro e 110 mm de carreira. A súa cilindrada era de 1106 cm³, e desenvolvía unha potencia algo superior á da versión anterior; 7,5 HP (8 CV).

Caixa de cambios editar

A caixa de cambios do Centauro tiña tres marchas cara a adiante (co mando debaixo do volante) e marcha atrás (esta última accionábase cunha panca instalada no chan), e o embrague tiña un cono de fricción.[1]

Suspensión e freos editar

O Centauro tiña unha suspensión con catro béstas semielípticas lonxitudinais, dúas en cada eixo. Os freos eran de tambor, sobre o eixo da transmisión.[1]

Produción e vendas editar

As cifras de produción foron moi baixas; La Cuadra planeara producir seis unidades do Centauro, mais non se sabe exactamente cantas foron fabricadas.[1]

Un Centauro con motor de 4,5 HP foi vendido ao empresario catalán Francisco Seix (un dos fundadores de Hispano-Suiza),[2] e outro coche foi vendido a Juan Pellisó e foi o primeiro vehículo que se matriculou na provincia de Lleida.[1]

Só se conservou un automóbil co motor de 7,5 HP, que foi matriculado na provincia de Soria coa matrícula española SO-2. O primeiro propietario foi Javier Olozábal Ramey.[1] Miguel Mateu descubriu o vehículo a finais dos anos 1920 e comprouno. Segue sendo propiedade da familia Mateu,[3] e participou no Rally de Sitges de automóbiles antigos.

Referencias editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Historia de La Cuadraen Vehículoclasico.es. Arquivado 08 de xuño de 2009 en Wayback Machine.. Consultado o 17-7-2023.
  2. Emilio Polo: La Hispano-Suiza. The origins of a legend. 1899–1915 (en inglés), p. 428–445. Wings & Flags, Madrid (1994). ISBN 84-920031-1-1.
  3. Emilio Polo: La Hispano-Suiza. The origins of a legend. 1899–1915 (en inglés), p. 50–59. Wings & Flags, Madrid (1994). ISBN 84-920031-1-1.