Ishupitta foi unha cidade hitita do nordeste do Imperio, na Terra Alta Hitita, ocupada polos kaskas no século –XIV. Foi un dos teatros da última campaña do rei hitita Suppiluliumas I pouco tempo antes da súa morte sobre o -1325/-1320.

Historia editar

Mursilis II na súa primeira campaña o segundo ano de reinado, cando volvía a Hattusa pasou preto de Ishupitta, onde os kaska da rexión negáronse a achegar os continxentes aos que estaban obrigados polos acordos cos hititas (continxentes que eran utilizados para loitar contra outros kaskas non sometidos) e o rei atacou a cidade e obrigounos, queimando unha das súas cidades na zona; pero pouco despois de saír o rei da zona, Ishupitta volvía a se rebelar. No terceiro ano de reinado, na segunda campaña, volveu á zona e derrotou outra vez aos kaska, pero os líderes da revolta, Pazzanna e Nunnuta, que ata había poucos anos foran vasalos dos hititas, puideron fuxir, e dirixíronse a Palhwisa (Palhwišša) onde serán derrotados.

No cuarto ano de reinado de Mursilis III, ao principio da súa terceira campaña, (que despois foi contra Arzawa), o rei loitou outra vez; nesta zona a cidade kaska de Pishuru acadara a hexemonía e reconstruíra a cidade de Palhwisa que Mursilis incendiara o ano antes, e o rei hitita incendiouna por segunda vez; os kaskas ocuparon entón a cidade de Kuzastarina, que Mursilis atacou e reconquistou; entón fixo un forte avance ata a cidade de Anziliya e conquistou os territorios das inmediacións.

Baixo Muwatallis II a cidade foi dominada polos kaskas, os cales se apoderaron entón das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando cara ao sur cruzando o río Marasanda ou Maraššanda e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). Pouco despois Ishupitta foi cedida por Muwatallis II ao seu irmán Hattusilis dentro do reino vasalo de Hakpis.