Iriadona
Iriadona foi un grupo musical eumés cuxa música se encadraba no folk. A súa traxectoria abarca un período de vinte anos (1991-2011) cunha ampla paréntese intermedia na que algúns dos membros fundadores participaron noutros proxectos musicais.
Iriadona | |
---|---|
Orixe | Pontedeume, Galicia |
Período | 1991-2011 |
Xénero(s) | Folk galego |
Membros | Lidia Sanmartín, Miguel Ezquerro, Tino Casás, Manu Moares, Nando Vila |
Antigos membros | Xosé Dobarro, Xoán Cabalar, Tito Placer |
Na rede | |
Iriadona en Google Sites |
Fundación e primeira etapa editar
O grupo foi fundado en 1991 por Miguel Ezquerro, Xosé Dobarro, Xoán Cabalar, Tito Placer, Tino Casás, Nando Vila e Manu Moares.
Xa no seu primeiro ano de existencia, participou en Vilagarcía na final galega do III Certame de Música Folk[1]. En 1993 gañou en Sanxenxo o segundo concurso Pelegrín, Xacobeo 93, organizado pola Xunta de Galicia. Un dos premios dese concurso foi a gravación dun CD, que saíu á rúa no ano 1994[2] con dez temas propios e tradicionais, levando por título o mesmo do grupo.
Nese mesmo ano, o director e produtor cinematográfico galego Ismael González Díaz escoitounos nunha das súas actuacións e púxose en contacto con eles para participaren na súa próxima película 'O' de Amor, na que actuou como protagonista a actriz Mónica Pont. O seu rol na película é deles mesmos, e saen en varias escenas tocando a súa música[3].
Durante estes anos actuaron por toda Galicia e compartiron escenario con músicos da relevancia de Luar na Lubre, Os Cempés, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Pat Kilbride ou Söig Siberil.
Paréntese editar
Pouco despois de actuaren no filme de Ismael González, as ocupacións laborais da maioría deles e unha certa desmotivación dalgúns para continuaren fixeron que o grupo cesase nas súas actividades.
Algúns dos compoñentes continúan ligados á música. Tres deles -Dobarro, Nando e Manu- xunto con outras tres persoas, formaron na segunda metade dos noventa o grupo folk Atahíde[4], continuador en certa maneira de Iriadona. Chegaron a gravar unha maqueta e participaron nun CD dobre colectivo chamado Musiceum, feito enteiramente coa participación de músicos e grupos eumeses[5]. Neste mesmo CD participou outro grupo eumés, Trevinka, composto por tres membros de Iriadona -Tino, Nando e Manu- aos que se lles uniu o guitarrista Jose Esteban.
Reaparición e final editar
Na segunda metade da primeira década do século XXI, os catro membros que formaran Atahíde, xunto coa vocalista fenesa Lidia Sanmartín, retomaron o nome de Iriadona e comezaron a ensaiar de cara á gravación dun novo disco. Aínda que é de destacar a actuación durante dous anos consecutivos na localidade inglesa de Faversham[6], as actuacións nesta etapa non foron moi numerosas pois, segundo declararon, a súa intención era gozar coa música sen maiores pretensións. Foi por iso polo que a gravación do CD se demorou durante uns anos ata que, finalmente, saíu á rúa no 2010 co nome de Imos indo, con oito cancións tradicionais e tres propias[7]. Neste traballo notábase a madureza alcanzada polo grupo, e todo parecía indicar que era o comezo dunha nova etapa chea de bo facer.
Porén, o disco supuxo o comezo da fin do grupo. Quizais o feito de levar tantos anos xuntos fixo que buscasen outros proxectos musicais. Así, algúns deles uníronse a outros músicos locais para faceren música infantil, dándolle o nome de Palitroque ao novo proxecto.
Discografía editar
Notas editar
Véxase tamén editar
Ligazóns externas editar
- Páxina do grupo en Google Sites Arquivado 22 de setembro de 2016 en Wayback Machine.