O HMS Endeavour, tamén coñecido como HM Bark Endeavour, foi un pequeno barco da Mariña Real Británica do século XVIII, famoso por estar ao mando do capitán James Cook.

HMB Endeavour

Réplica do HM Bark Endeavour
Historial
Características xerais

Características editar

O Endeavour era un barco carboeiro construído en Inglaterra, que foi botado en xuño de 1764 co nome de Earl of Pembroke. Era unha fragata de 32 m de eslora e 8,9 m de manga. Tiña un velame de 897 m2 e podía acadar unha velocidade de 7 a 8 nós (13 a 15 km/h). Os carboeiros estaban especialmente deseñados para albergar nas súas bodegas unhas 600 t de carbón, que levaban desde o norte de Inglaterra até Londres. Tiñan unha liña ancha e profunda, cunha popa estreita e carecían de mascaróns de proa. O Endeavour tiña tres mastros. Os paus trinquete e maior levaban grandes velas cadradas, mentres que o de mesana posuía velas cangrexas diante e detrás. Este tipo de velame permitía a estes barcos navegar con case calquera condición meteorolóxica, facendo fronte ás máis violentas tempestades. Ademais, se facía falta varar o barco, podía facerse sen sufrir ningún dano.

Historia editar

O 26 de maio de 1768 James Cook elixiu este barco, que foi reconvertido para que realizara súa primeira gran expedición ao gran Mar do Sur (océano Pacífico), dado que podía levar carga pesada e moitos homes para unha travesía tan longa. Na súa xuventude Cook navegara neste tipo de barcos polo que os coñecía ben. Para este caso as características do barco foron modificadas para albergar os víveres e o material científico. A medida que as provisións se ían esgotando deixarían sitio ao instrumental e aos espécimes de plantas e animais recollidos ao longo da viaxe.

Tras a adaptación, o buque estaba armado con 10 canóns de 4 libras e 12 canóns swivel.[1] Como condición de barco militar en misión científica, o His Majesty's Bark Endeavour tiña unha tripulación mixta composta de 85 mariñeiros, encargados das operacións do barco e as velas, e 12 militares con oficiais e infantes de mariña (Royal Marines), que impoñían a disciplina a bordo e protexían á embarcación de ataques hostís e, finalmente, científicos e artistas encargados de realizar observacións, debuxos e experimentos no tempo que durase a expedición.

Despois da expedición de Cook, o buque serviu en varias misións militares até que foi dado de baixa na Armada en setembro de 1774, e vendido e renomeado como Lord Sandwich en 1775. A finais do mesmo ano foi reclamado para enviar tropas á América británica para loitar na Guerra de Independencia dos Estados Unidos, sendo finalmente afundido na baía de Narragansett para evitar o desembarco de tropas francesas en Newport na batalla de Rhode Island.

Notas editar

  1. Canóns de groso calibre, usados nos navíos militares até principios do século XIX, que lanzaban bólas de pedra, e tamén podía lanzalas de ferro.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Allan, John (2002): The Fate of Cook's Ships. Cook's Ships – A Summary Update. Cook's Log volume 25 nº 3, Captain Cook Society.
  • Hosty, Kieran & Hundley, Paul (2003): Preliminary Report on the Australian National Maritime Museum's participation in the Rhode Island Marine Archaeology Project's search for HMB Endeavour. Australian National Maritime Museum.