As guerras dacias (101-102 e 105-106) foron dous curtos conflitos entre o Imperio romano e Dacia que tiveron lugar durante o mandato do emperador Traxano.

Guerras dacias

A Dacia sobre o ano 100.
Data 101-106
Lugar Dacia
Resultado Vitoria Imperial, conquista definitiva de Dacia
Belixerantes
Imperio romano Dacios
Líderes
Traxano Decébalo
Forzas en combate
Uns 150.000 lexionarios romanos e auxiliares. Uns 200.000 dacios, e roxolanos e bastarnas
Baixas
s/d Considerables (uns 500.000 prisioneiros)

Antecedentes editar

Durante o século I, a política romana respecto dos pobos veciños e ás ameazas potenciais era que estas debían ser contidas axiña. Na época de Augusto, cando os territorios ó sur do Danubio foron ocupados e convertidos na provincia de Mesia, asináronse varios tratados de alianza co reino dos dacios, que foron mantidos polos seguintes emperadores e reis dacios.[1]

A finais de devandito século ascendeu ó trono dacio Decébalo, quen rompeu o statu quo existente até entón e iniciou unha política agresiva, aliándose cos pobos situados ó norte e leste do seu reino.

 
Ouro dacio.

No ano 85 Decébalo atacou Moesia e saqueou varias vilas.[2][3] Domiciano ordenou unha inmediata campaña de castigo ó mando de Cornelius Fuscus que rematou nun sonoro desastre na Primeira batalla de Tapae polo que pediron unha tregua.[4] Tras o fracaso de Fuscus, Domiciano lanzou outra expedición comandada por Tettius Iulianus, que venceu con éxito a resistencia dacia na Segunda batalla de Tapae, pero con todo non puido aproveitar mellor a súa vitoria por mor das dificultades da xeografía local e a necesidade de reforzar a fronte de Pannonia ameazado por incursións sármatas.[5]

Domiciano viuse forzado a asinar unha humillante paz e pagar tributo ós dacios. Para algúns historiadores devandito tratado foi a causa do seu posterior asasinato no ano 96.

Malia os compromisos ós que chegara cos romanos, dende os seus dominios continuouse acosando ás caravanas e frotas de comerciantes, chegando mesmo a realizar actos de saqueo de poboacións fronteirizas.[6] Por todo isto, Dacia era vista polo Imperio romano como un inimigo potencial.

Ademais, nesa época, o Imperio romano estaba a pasar por grandes dificultades económicas, principalmente polas custosas campañas militares emprendidas por toda Europa. Os recursos naturais de Dacia, en particular o seu ouro, necesario para a cuñaxe de moedas, incitaron probablemente en parte o conflito.

A primeira guerra editar

 
Mapa da primeira campaña de Traxano.

Tras conseguir o consentimento do Senado romano, no ano 101, Traxano estaba listo para avanzar sobre Dacia, preparando un enorme exército, o máis grande dende os tempos de Augusto e que non se volvería a ver até a campaña de Marco Aurelio contra os xermanos.[7] Compúñase dunhas 14 lexións romanas máis vexillationes de varias outras, en total uns 150 000 homes.

A estratexia romana consistía basicamente en esmagar calquera resistencia dos seus inimigos co poder das súas lexións para logo iniciar o proceso de romanización da nova provincia, aliándose con xefes locais e impoñendo a súa organización administrativa e obras públicas.

Traxano partiu de Sirmio cunha forza de 7 lexións e 41 cohortes auxiliares mixtas de infantaría e cabalaría máis algunhas vexillationes. En total, preto de 86 000 homes. Marcha sobre Tapae, onde estaba atrincheirado Decébalo. Brillantemente logrou neutralizar a trampa que lle prepararon os dacios e sármatas no estreito paso montañoso.[8]

Traxano empezou entón a avanzar cara a Sarmizegetusa, e Decébalo lanzou un ataque contra Moesia coa intención de que parase a súa ofensiva. O emperador tivo que cancelar a súa ofensiva e enfrontarse á incursión bárbara, o que se logrou definitivamente na batalla de Adamclisi. Tras esta nova derrota, Decébalo non puido máis que retroceder cara ó interior do seu país, mentres que Traxano procedeu a asediar Sarmizegetusa e arrasouna.[9] Con isto finalmente o rei dacio rendeuse e aceptou as condicións impostas polos romanos.[10] Dacia quedou convertida nun Estado tributario e aliado de Roma, motivo polo cal varias lexións foron apostadas no seu territorio asegurando o dominio romano.

A segunda guerra editar

 
Mapa da segunda campaña de Traxano.

Ó pouco tempo do seu sometemento, Decébalo volveu lanzar ataques contra Moesia e as colonias romanas, incitando ás tribos dacias a rebelarse. Corría a primavera do ano 105 e Traxano volveu reunir as súas forzas, esta vez para a conquista definitiva de Dacia. Os romanos lentamente empezaron a tomar posicións e forzaron novamente con éxito o paso de Tapae.

No verán do ano seguinte Traxano iniciou a súa campaña final contra os dacios. Tres forzas romanas iniciaron o seu avance dende o Danubio: unha, ó mando persoal do emperador, partiu dende Drobeta e ocupou Tapae, pasando a asediar a capital dacia. Os locais rexeitaron o primeiro ataque romano pero finalmente a cidade caeu, resultando saqueada e queimada. Decébalo logrou escapar.[11] As outras columnas romanas partiron de Oescus e Axiopolis atacando o centro e leste de Dacia respectivamente. Do mesmo xeito que a primeira columna estas tamén avanzaron arrasándoo todo ó seu paso.

Finalmente Decébalo, perseguido de preto polos romanos, suicidouse para evitar a súa captura. Posteriormente grazas á traizón de Bicilis, un confidente do rei dacio, Traxano atopou o tesouro do rei inimigo preto do río Sargetia (tesouro que ascendía, segundo a avaliación de Jérôme Carcopino, a 165 500 kg de ouro e 331 000 kg de prata). Mentres que o avance romano continuou, a campaña deuse por finalizada coa toma de Porolissum, un enclave de resistencia situado no norte de Dacia.

Consecuencias editar

 
Columna de Traxano no Foro de Traxano en Roma, erixida como conmemoración das vitorias deste emperador en Dacia, para servir como mausoleo para as súas cinzas.
 
Trofeo de Adamclisi: monumento conmemorativo erixido por Trajano en 109, na Dobruja meridional, para conmemorar a súa vitoria sobre os dacios na batalla homónima.

As guerras foron un grande éxito para o Imperio romano. Traxano ordenou un total de 123 días de celebracións en todo o territorio imperial, morrendo ademais 10 000 gladiadores nos espectáculos realizados no Coliseo.[12] Tamén iniciou un inmediato proceso de colonización, atraendo a varios miles de cidadáns romanos, na súa maioría itálicos, a habitar nela. A poboación dacia en cambio viuse moi minguada; a maioría morreu ou foi escravizada (os historiadores falan que até medio millón de dacios foron vendidos como escravos) e moitos dos sobreviventes escaparon ás zonas fronteirizas do reino onde pasaron a chamarse os "dacios libres", presentando sempre problemas ós romanos aínda que nunca de importancia agás durante os anos 160 en alianza con outros pobos.

A conquista reportou unha inmediata ganancia para o Estado de 2 700 millóns de sestercios e ademais a longo prazo quedaron aseguradas as ricas minas do oeste de Dacia, que proporcionaron grandes ingresos fiscais ao Imperio.[13]

Aínda que as campañas resultaron moi custosas, as altas ganancias xeradas polas minas locais e a venda masiva de escravos dacios pagaron con fartura os custos. Grazas a isto Traxano puido iniciar un enorme programa de edificacións públicas e servizos sociais, que lle deu un grande apoio da poboación. Tamén serviu para financiar as seguintes campañas militares e favoreceu a expansión do comercio e da romanización por toda a área.[14]

Para asegurar a defensa da nova provincia, xa que estaba bastante aberta ós movementos de pobos da gran chaira europea, particularmente xermanos e sármatas, instaláronse dúas unidades lexionarias, a Lexión XIII Gemina en Potaissa e a Lexión I Italica en Novae. Dacia tamén serviu como contención das invasións bárbaras, impedindo un contacto inmediato entre estes pobos e as ricas provincias do interior do imperio.

A campaña de Dacia foi tamén a última campaña de conquista da civilización romana. A partir de entón os sucesores de Traxano empezaron a optar por tomar unha política exterior defensiva.[15]

Notas editar

  1. El Imperio Romano - Guerras Dacias
  2. Matyszak (2004), p. 216
  3. Luttwak (1976), p. 53
  4. Mattyszak (2004), p. 217
  5. "De Imperatoribus Romanis" (Repertorio de descripciones de batallas imperiales). 
  6. Vida y muerte en Roma: "Las legiones"
  7. "Marco Aurelio y la frontera del Danubio.". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2006. Consultado o 23 de febreiro de 2017. 
  8. "Las legiones de Julio César.". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2016. Consultado o 23 de febreiro de 2017. 
  9. Mattyszak (2004), p. 223
  10. Dictionary of battles and sieges: a guide to 8,500 battles from antiquity through the twenty-first century.
  11. Jaques, 2007, pp. 913-914
  12. The Population: Dacians and Settlers
  13. Grigore Arbore Popescu, Le strade di Traiano, in Traiano ai confini dell'Impero, Milán, 1998, pp. 190.
  14. Schmitz (2005), p. 8
  15. Documental: Las tribus germánicas.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar