O griot ou jeli (djeli ou djéli en francés) é unha figura tradicional de África Occidental encargado de narrar historias. Constitúe unha síntese de cantante e poeta de carácter ambulante, e que está considerado como o depositario da tradición oral destes pobos. Malia que os griots deben memorizar sen erros moitas cancións e tradicións populares, teñen a habilidade de traducilos a contextos contemporáneos.[1]

Un griot nixeriano.

Os griots esténdense por varios países de África Occidental: Malí, Gambia, Guinea, Sáhara Occidental e o Senegal, e están presentes entre os pobos Mande (Mandinka, Malinké, Bambara etc), Fulɓe (Fula), hausa, songhai, Tukulóor, wolof, Serer, mossi, Dagomba, árabes mauritanos e outros grupos menores. O termo «griot» provén probablemente da transliteración ao francés, «guiriot», da palabra galego-potuguesa «criado».[2]

Denominación editar

Nas linguas africanas reciben moitos nomes:

  • Jeli nas zonas setentrionais dos Mande.
  • Jali nas meridionais dos Mande.
  • Guewel en wolof
  • Gawlo en pulaar (Fula)
  • Igiiw (ou igawen) en árabe Hassaniyya.

Os griots son unha caste endogámica, isto é, é a través do sangue que se transmite esta sabedoría e só a través del se pode acceder a ocupar esta función social.

Griots modernos editar

Dado que estes homes son os depositarios da historia do seu pobo, unha tradición que se transmite oralmente a través das músicas e poemas, e debido tamén ao seu carácter inmediato e de cultura en presente, que inclúe a sátira e a crítica social, son moitos os que viron unha continuidade entre estas tradicións da África Occidental e novos artistas e personaxes do mundo actual, especialmente entre aqueles de orixe africana.

Foron moitas as persoas que se sentiron influídas por estas figuras e é habitual relacionar aos Griots con movementos modernos coma o hip hop ou as músicas xamaicanas cun contido máis especificamnete político. Algúns mesmo se reivindicaron coma griots modernos. Este termo, por tanto, é bastante acaído para referirse a unha gran cantidade de artistas afroamericanos que mesturan no seu estilo canción, rapeo e declamación poética, cun forte contido crítico político-social, caso dos Watts Prophets, Last Poets, Mutabaruka, Linton Kwesi Johnson, Saul Williams, Gil Scott-Heron etc.

Notas editar

  1. Goethe Institute (ed.). "Os Griots de África Oriental: moito máis que contadores de historias.". Consultado o 23 de outubro de 2015. 
  2. Baba, the story-teller. (ed.). "Origin of the Word Griot.". Consultado o 23 de outubro de 2015. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar