Goián, Tomiño

parroquia civil do concello de Tomiño

San Cristovo de Goián é unha parroquia do concello de Tomiño. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 2.115 habitantes (1.045 homes e 1.070 mulleres), distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 1.560 habitantes.[3] Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.[4]

Goián
Igrexa de San Cristovo de Goián.
ConcelloTomiño[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas41°56′51″N 8°46′16″O / 41.9475, -8.77111111Coordenadas: 41°56′51″N 8°46′16″O / 41.9475, -8.77111111
Área11,08 km²
Poboación2.115 hab. (2022)
Densidade190,88 hab./km²
Entidades de poboación13[1]
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

Goián pertence á comarca do Baixo Miño, situada no extremo suroeste de Galiza. Esta zona está constituída xeoloxicamente por aliñacións montañosas que alternan granitos e xistos paleozoicos, e a elas acaróanse tres terrazas cuaternarias que descenden ata o actual leito do río Miño[5].

Historia editar

Preto do Miño aínda quedan terreos enlamados lindeiros coa veiga chamada da Lamamá. Tamén ó sur da antiga parroquia de Tollo hai terreos enchoupados, de feito este topónimo de orixe celta é un sinónimo de "barreira". Aquelas terrazas foron asento durante o Plistoceno dunha poboación que posuía unha cultura paleolítica, e da que quedaron gran cantidade de instrumentos tallados en cuarcita abbevillense e principalmente acheuliano. Tamén hai algún petróglifo, que parecen ser da Idade de Bronce[5] e restos de varios castros: San Roque, Atalaia, Soutelo, Tollo.

Así mesmo atopáronse restos romanos na beira da serra Argallo, como anacos de tégulas, muíños de man e restos dos alicerces dun muro relacionados quizais coas explotacións mineiras de estaño, pola cantidade de calicatas existentes próximas ó lugar dos achados. Tamén é moi posible que o camiño real que atravesaba a parroquia de Tollo ata o século XIX tivera a súa orixe nunha vía romana.

Idade Media editar

Nada se coñece desta parroquia na alta Idade Media. A primeira vez que aparece o seu nome é nun documento privado do 7 de setembro de 1258, no que o mosteiro de Santa María de Oia aforaba a María Pérez, alcumada a Cerveira, un casal que tiña in ipsa villa de Goyhan. O mesmo nome de Goián parece ser de orixe xermánica, procedente dun possesor dunha villa ou granxa que recibiu o seu nome, Gaudila -anis[5].

O mosteiro de Oia, por sucesivas doazóns reais e de particulares e por compras, foi conseguindo unha gran cantidade de unidades agrarias ata finalizar o século XIII, que se estendían dende o Val Miñor ata mais ala do río Miño en Portugal. Fundouse nas terras que posuía en Goián un priorado ó pé da serra do Argallo, no lugar de San Lourenzo, do que queda a capela do seu nome. Nunha pedra da fachada á dereita figura a inscrición 1517 A, e noutra á esquerda figura XP S M.

A familia Correa editar

Desde o século XIV a vila de Goián estivo ligada e vinculada á familia Correa. Segundo a árbore xenealóxica desta familia comeza con Lorenzo Correa, señor dos castelos de Cerveira e Goián, casado con María Suárez de Deza no século XIV. O seu fillo chamábase tamén Lorenzo Correa, casado con Leonor de Zúñiga. Non obstante, Felgueiras Gayo no seu nobiliario, considera ó segundo coma o señor de Cerveira e Goián.

Frei Filipe de la Gándara, no seu libro Armas y triunfos de los hijos del Reyno de Galicia, di que Paio Pérez Correa (1205-1275), fillo de Pedro Pérez e Dordia de Aguiar, foi nomeado décimo cuarto Mestre da Orde de Santiago en 1242, "hallándose en las conquistas a los moros de los Reynos de Murcia y Jaén, así como Triana en los arrabales de Sevilla, el Rey Fernándo III de León y Castilla (Fernándo III el Santo) dice que este caballero fué el que mayor explendor le dió a la orden". Frei Filipe de la Gándara sinala este cabaleiro como comezo da liñaxe dos Correa, pois o terreo máis antigo estaba en Salvaterra de Miño "en donde son señores"[6].

Por outra banda, o conde Pedro no seu catálogo, referíndose ao cerco de Sevilla en 1247, cita a Paio Correa o "vello", neto de Paio Ramírez, como un dos cabaleiros que tomaron parte na súa conquista: "este caballero fué uno de los hombres más ilustres de España, el cual destaco durante el reynado de Alfonso VI". Segundo o Conde, con el comeza a liñaxe[7]. Foi fillo de Urraca Heriz e avó do mestre de Santiago Paio Pérez Correa.

Deste señorío queda a casa-pazo chamada da Torre, construída no século XVII e reconstruída no XVIII, co escudo da familia na súa portada.

Idade Moderna editar

Durante a Guerra de Restauración, no reinado de Filipe IV, Goián foi escenario de varios feitos de armas. O primeiro ataque portugués á vila de Goián tivo lugar o 3 de marzo de 1664. Daquela contaba cuns 200 habitantes e outras tantas casas á beira do río Miño. Durante o ataque a vila foi saqueada e queimada e os seus moradores dispersados. A única defensa da vila eran unhas trincheiras de pedra e a casa-forte dos Correa. A raíz destes feitos, o Capitán Xeneral de Galicia, o Marqués de Tábara, en carta do 23 de maio de 1664 á xunta de guerra de España, sinalaba a conveniencia de construír un forte naquela parte. Noutra do 27 de agosto do mesmo ano, dicía que o forte se estaba construíndo, pero que non estaba acabado por falta de cartos.

O 26 de outubro de 1663 o Gobernador de armas de Entre Douro e Minho, Conde de Prado, ocupou o forte de Goián. En menos de dous meses quedaron acabadas as fortificacións portuguesas, compostas polo forte de Nosa Señora da Concepción (duns 50.000 m² do que quedan algúns restos e unha capela adicada a San Roque, construída en 1674), o forte das Chagas, a torre dos Correa e a torre dos Ratones, e unha ponte de barcas no Miño[8]. Desde aquí os portugueses ocuparon A Guarda o 22 de novembro de 1665. Outra columna de tropas entrou polo Rosal ata Gondomar, que foi destruído, e saquearon e incendiaron Bouzas. Unha terceira columna de tropas tomou o alto de San Colmado baixando ata O Porriño, que tamén foi saqueado e incendiado[9]. Non existen rexistros da retirada das tropas portuguesas de Goián, pero seguramente sería logo da paz acordada en Lisboa o 13 de febreiro de 1668.

Na entrada principal hai unha lápida flanqueada polos escudos de Girón á esquerda e o de Castillo á dereita. Na lápida figura a seguinte inscrición:

«FABRICOSE ESTE FVERTE REINANDO CARLOS
SEGUNDO REI DE LAS ESPAÑAS Y LA REINA GO
BERNADORA SV MADRE DOÑA MARIANA DE
AUSTRIA SIENDO GOBERNADOR Y CAPITAN GENE
RAL DESTE REINO EL EXCMº SEÑOR ARZOBISPO DE
SANTIAGO DON ANDRES GIRON ASISTIENDO A
ESTA FABRICA EL ILMº SEÑOR JVAN DEL CASTILLO
Mº DE Cº GENERAL DEL CONCEJO DE SV MJD
AÑO 1673»

Idade Contemporánea editar

A última vez que se usou o forte de San Lourenzo para actos de guerra foi cando as tropas do Baixo Miño se concentraron nel, mandadas polo portugués Serpa, para dende alí axudar á reconquista de Tui, no ano de 1811[10]. Na Guerra da Independencia española tomaron parte os tres fillos de María del Carmen Correa y Acevedo: o maior, Antonio Cadaval Correa, era Comandante Xeneral da provincia de Tui; José María, que ingresara en 1800 no exército e foi Mariscal de Campo, Inspector Xeral dos Exércitos de Cuba e Alcalde Ordinario da Habana; o máis novo, Manuel, perdeu a vida nesa guerra sendo tenente.

Na constitución de 1812 establecía que "se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no lo tengan, y en el que convenga lo haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por sí o con su comarca lleguen a las mil almas". Por ese motivo foron creados os concellos de Barrantes, Goián e Sobrada. Esta etapa de Goián como concello só durou ata 1814, cando ó regresar Fernando VII a España restaurou o réxime absolutista. Pero ó restablecerse en 1820 a Constitución de 1812, Goián figura como Concello Constitucional.

Durante un tempo relativamente longo (o reinado de Amadeu de Savoia, I República e Restauración) Goián foi declarada entidade local menor.

Emigración editar

Xa no século XVIII, había unha emigración temporal a Castela para traballar na construción. Na última década do século XIX a emigración mudou cara Brasil, sobre todo ó estado de São Paulo, ó ser abolida a escravitude en 1888. Recordo daqueles emigrados quedan na parroquia varias casas de estilo colonial. Entre 1955 e 1960 a emigración comezou a orientarse cara países de Europa como Suíza, Francia, Alemaña, Inglaterra ou Países Baixos.

Patrimonio histórico editar

Na arquitectura relixiosa, ademais da igrexa parroquial de San Cristovo, destacan as capelas de San Roque, San Lourenzo e a do Espírito Santo. Igualmente son de interese a casa indiana da Familia Ortega ou a Casa das do Correo, antiga parada da dilixencia de correos a comezos do século XIX.

Lingua editar

A lingua de Goián constitúe por si propia unha forma dialectal do galego[11]. Pertence á área lingüística occidental e posúe unha característica moi peculiar: a chamada ditongación goianesa. Este aspecto foi estudado en fondura por Manuel Fernández Rodríguez (CEG, 1969), María Jesús Pérez Alonso (1969) e Helena Pousa Ortega (tese de 1987),[12][13]. e despois profundado por ela mesma en 1991 e 2004 e comentado por Francisco Fernández Rei (1990) e Xosé Manuel Sánchez Rei (2011).[14]

Galería de imaxes editar

Lugares e parroquias editar

Lugares de Goián editar

Lugares da parroquia de Goián no concello de Tomiño (Pontevedra)

A Avenida de Ordóñez | A Avenida do Brasil | O Barrio Novo | A Calle | A Centinela | O Couto | Fontela | A Gándara | San Lourenzo | Soutelo | Tollo

Parroquias de Tomiño editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Tomiño

Amorín (San Xoán) | Barrantes (San Vicente) | Currás (San Martiño) | Estás (Santiago) | Figueiró (San Martiño e San Campio) | Forcadela (San Pedro) | Goián (San Cristovo) | Piñeiro (San Salvador) | Pinzás (Santa María) | San Salvador de Tebra (San Salvador) | Tebra (Santa María) | Sobrada (San Salvador) | Taborda (San Miguel) | Tomiño (Santa María) | Vilameán (San Bieito)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023. 
  3. IGE. "Nomenclátor de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 24/02/2021. Consultado o 23/8/2015. 
  4. "A GUARDA-TEBRA archivos". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2023-09-13. 
  5. 5,0 5,1 5,2 M. Fernández Rodríguez: Goián estudio histórico
  6. Fray Filipe de la Gándara: Armas y triunfos de los hijos del reino de Galicia
  7. Conde D. Pedro: Nobiliario do Conde de Barcelos D. Pedro.
  8. J. Garrido Rodríguez: Fortalezas de la Antigua Provincia de Tuy
  9. Conde da Ericeira: Historia
  10. Segundo o apéndice 6 da Reseña de la Reconquista de Vigo de Félix Estrada Catoyra
  11. "A lingua: o goianés". Smart Minho. Consultado o 2021-08-24. 
  12. Pousa Ortega, H. (1987). A fala de Goián. Estudio descritivo (Tese doutoral, Universidade de Santiago de Compostela)
  13. Pousa Ortega, H. (2009). O fenómeno da ditongación goianesa. Características principais.
  14. Sánchez Rei, X. M. (2011). Lingua galega e variación dialectal. Santiago de Compostela: Laiovento.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar