Evasión do San José Nº 2
A evasión do San José Nº 2 foi a fuxida de dezanove republicanos galegos desde Boiro ao porto de Leixões o 27 de xullo de 1936.
Historia editar
José Martínez Virel, alcalde de Boiro en funcións e responsable do Comité de Defensa da República, ordenou o urxente traslado dende Cabo da Cruz ata A Pobra do pesqueiro requisado San José Nº2. Ían con el o concelleiro Antonio Lago Outeiral, o sindicalista José Viturro, Moncho Somoza e outros que finalmente optaron por quedar en terra. Recolleron no peirao da Pobra ao motorista Manuel Ojea Torrecilla e dirixíronse ao porto palmeirán de Insuela, onde agardaban Elpidio Villaverde, José Rodríguez Alarcón e Pedro Díaz, vidos de Vilagarcía. Tamén embarcaron o alcalde socialista da Pobra Antonio Pérez Gómez e os seus correlixionarios Manuel Porteiro, Antonio Domínguez Fontán, Pastor Núñez e Carlos Iglesias. Aprovisionaron a motora de combustible e alimentos e á noite emprender a singradura.
Ante a chegada da columna do tenente Bernardo Espinar, que entrou en Boiro na tarde do día 27, saíu de Cabo da Cruz unha lancha na procura do San José Nº2. A bordo viaxaban Victorino Somoza, o seu sobriño Antonio, Emilio Blanco e Antonio Ferreirós, das Xuventudes Socialistas de Boiro; José Muñiz, cenetista de Escarabote, e o escribente do Concello Marcial de Diego. Localizado o pesqueiro incorporáronse á súa pasaxe. O barco, ás ordes de Virel e Villaverde e patroneado por Viturro e con Torrecilla de motorista, logo de rexeitar outros destinos e coa mira posta en zona republicana, colleu rumbo a Portugal e atracou ao día seguinte no peirao de Leixões.
Os tripulantes foron identificados e desarmados polas autoridades portuguesas. Foron detidos e recluídos no forte de Caxías, cerca de Lisboa, onde permaneceron ata que Salazar, ante as presións internacionais, dispuxo a súa evacuación xunto á doutros refuxiados españois. Elpidio Villaverde, José Martínez Virel e Antonio Pérez, o concelleiro Antonio Lago, Porteiro, Alarcón e Díaz, embarcaron para Francia a finais de agosto. O resto embarcou en outubro rumbo a Tarragona. Todos acabaron incorporándose á fronte de guerra. O San José Nº 2 retornou a Galicia pouco despois.
Os 19 fuxidos editar
- José Martínez Virel.
- Antonio Lago Outeiral.
- José Viturro Ozores.
- Ramón Somoza Rebollido.
- Elpidio Villaverde.
- José Manuel Rodríguez Alarcón.
- Pedro Díaz Abalo.
- Antonio Pérez Gómez.
- Manuel Porteiro Viña.
- Antonio Domínguez Fontán.
- Pastor Núñez Cariño.
- Carlos Iglesias Rodríguez.
- Victorino Somoza Rebollido.
- Juan Antonio Somoza Outeiral.
- Cipriano Juan Emilio Blanco Fuciños.
- Antonio Ferreirós Martínez.
- José Manuel Muñiz Santiago.
- Marcial de Diego Andreu.
- Manuel Ojea Torrecilla.
Véxase tamén editar
Bibliografía editar
- Pereira, Dionisio (2011). Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) (PDF). Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9914-182-4.
- Rodríguez Gallardo, Antón (15-12-2006). "De Insuela a Leixoes a bordo do pesqueiro «San José Nº 2»". La Voz de Galicia: L8.