Decrecemento é un concepto económico, mais tamén político, acuñado na década de 1970, parcialmente baseado nas teses do economista romanés e creador da bioeconomía, Nicholas Georgescu-Roegen as cales foran publicadas no seu libro The Entropy Law and the Economic Process (1971).

A tese do decrecemento baséase na hipótese de que o crecemento económico - entendido coma aumento constante do Produto Interior Bruto (PIB) - non é sustentábel polo ecosistema global. Esta idea é oposta ao pensamento económico dominante, segundo o cal a mellora do nivel de vida sería independente do crecemento do PIB e por tanto, o aumento do valor da produción debería ser un obxectivo permanente da sociedade.

A cuestión principal, segundo os defensores do decrecemento - dos cales Serge Latouche é o máis notorio - é que os recursos naturais son limitados e polo tanto non existe crecemento infinito. A mellora das condicións de vida debe, entón, obterse sen aumento do consumo, mudándose o paradigma dominante.

Crítica ao pensamento económico dominante editar

Segundo os seus críticos, as principais consecuencias do produtivismo - entendido coma a énfase cara aos aumentos de produtividade e ao crecemento, nas sociedades industriais, tanto socialistas coma capitalistas - serían:

Aínda que o produtivismo teña sido parcialmente cuestionado polos defensores do desenvolvemento sustentábel, a crítica dos adversarios do crecemento é mais radical xa que consideran o propio desenvolvemento sustentábel como un oxímoro, unha contradición en termos. O desenvolvemento non pode ser sustentábel, unha vez que o aumento constante da produción de bens e servizos tamén provoca aumento do consumo de recursos naturais, acelerando xa que logo o seu esgotamento - lembrando que 20% da poboación mundial xa consome o 85% dos recursos naturais.

Alén diso, os adeptos do decrecemento tentan amosar que mesmo a esperada "desmaterialización da economía" - polo movemento do eixo da actividade económica cara ao sector terciario, menos demandante de recursos naturais e, particularmente, de enerxía - acabou por revelarse unha ilusión. Segundo Serge Latouche, a "nova economía" é relativamente inmaterial (ou menos material), porén, máis do que substitución da antiga economía pola nova, o que existe son relacións de complementariedade entre ámbalas dúas. No final, todos os indicadores mostran que a extracción de recursos continúa a medrar.

O decrecemento preséntase como un movemento que non ten cabida dentro do sistema capitalista, por significar unha ruptura na acumulación do retorno do capital.[1]

Presupostos da Teoría do decrecemento editar

Segundo Latouche, o concepto de decrecemento baséase, nun primeiro intre, na crítica antropolóxica da modernidade e do homo economicus, nos anos 1970, cando a mensaxe de Ivan Illich é a de que viviriamos mellor doutro xeito -ou sexa, sería desexábel saírmos deste sistema-. O segundo momento da teoría do decrecemento, ligado principalmente á ecoloxía e ao relatorio do Club de Roma cando se volve imperativo, por razóns físicas, saír dese sistema.

Fomos formatados polo imaxinario do 'sempre máis', da acumulación ilimitada, desa mecánica que parece virtuosa e que agora se mostra infernal polos seus efectos perniciosos sobre a humanidade e o planeta. A necesidade de mudar esa lóxica é a de reinventar unha sociedade nunha escala humana, unha sociedade que reencontre o seu sentido da medida e do límite que se nos impón, porque, como dicía o meu colega Nicholas Georgescu-Roegen, 'un crecemento infinito é incompatíbel con un mundo finito'.[2]

  • O funcionamento do sistema económico actual depende esencialmente de recursos non renovábeis e polo tanto non se pode perpetuar. As reservas de materias primas son limitadas, sobre todo en canto a fontes de enerxía, o que contradí o principio de crecemento ilimitado do PIB.
  • Non existe evidencia da posibilidade de separar o crecemento económico do aumento no seu impacto ambiental.
  • A riqueza producida polos sistemas económicos, non consiste soamente en bens e servizos. Hai outras formas de riqueza social, coma a saúde dos ecosistemas, a calidade da xustiza e das relacións entre os membros dunha sociedade, o grao de igualdade e o carácter democrático das institucións. O crecemento da riqueza material, medido só por indicadores monetarios, invisibiliza esas outras formas de riqueza.
  • As sociedades occidentais, dependentes do consumo superfluo, en xeral non perciben a progresiva perda de riqueza como a calidade de vida e subestiman a reacción das poboacións excluídas - por exemplo na violencia das periferias e no resentimento en relación a occidente, por parte dos países que non presentan o patrón de desenvolvemento económico occidental.

Para os teóricos do decrecemento sustentábel o PIB é unha medida parcial da riqueza e, se se pretende restabelecer toda a variedade de riquezas posíbeis, cómpre deixar de utilizalo coma guieiro. Neste sentido, defenden o emprego doutros indicadores coma IDH, a "pegada ecolóxica" e o Índice de Saúde Social.

Notas editar

  1. "In defence of degrowth". openDemocracy. Consultado o 2019-09-22. 
  2. LATOUCHE, Serge. Pequeno tratado do crescimento sereno. Sao Paulo: Martins Fontes, 2009.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar