David (Donatello)

Estatua de bronce de Donatello

O David de Donatello é unha escultura exenta en bronce de 158 cm, realizada contra o ano 1440 (ou no 1430 segundo algúns estudosos) por encarga de Cosme de Medici, que a quería para os xardíns do seu novo pazo de Florencia.[1] Actualmente, atópase no Museo Nacional do Bargello. É unha escultura representativa do Quattrocento italiano, inspirada na época clásica e cunha composición claramente praxiteliana. Aínda que trata un tema bíblico, na escultura pódese ollar a gran semellanza que garda cun heroe da Antigüidade clásica. É a primeira estatua exenta da escultura renacentista que se fixo en bronce totalmente espida.[2][3]

David
ArtistaDonatello
Data1440
TécnicaEscultura en bronce
Dimensións158 cm ×  cm
LocalizaciónMuseo Nacional do Bargello (Florencia)

Dende o ano 2007 estase a facer unha restauración da obra para proceder á súa limpeza. Os traballos poden ser seguidos polos visitantes do Bargello mediante un ventanal que mostra a sala onde se efectúan os traballos de mellora.[4]

Contexto editar

A principios do século XV xurdiu en Europa unha sociedade mercantil, coa creación de bancos nas cidades máis prósperas, como París ou Florencia; nesta última, a prosperidade permitiu o ascenso ao poder da familia Médici coa súa conseguinte influencia política; e converteríanse nos grandes mecenas de todas as artes. A pesar de que os artistas continuaban sendo considerados como artesáns, melloraron a súa posición social grazas aos mecenados que procuraban elevar a posición dos seus artistas protexidos a oficios liberais.[5] Seguindo as observacións de Leon Battista Alberti: "...o artista neste contexto social non debe ser un simple artesán, senón un intelectual preparado en todas as disciplinas e en todos os terreos".

Ao longo do século XV apareceu en Italia o período denominado coma o quattrocento ou o rinascimento dell'antichità, movemento artístico que evolucionou as técnicas da pintura, especialmente o debuxo. No quattrocento utilizouse a perspectiva como medio para conseguir unha maior exactitude na expresión da realidade dende un determinado punto de vista[6], e perfeccionouse a técnica ao óleo. A arquitectura inspirouse na arte grega, cunhas liñas máis puras e con canons dunha grande harmonía; igualmente, na escultura, observouse un retorno á imitación da figura clásica, coa anatomía como centro de atención e buscando a perfección do corpo humano. Grandes artistas, como os arquitectos Filippo Brunelleschi e Leon Battista Alberti, os pintores Masaccio, Sandro BotticelliFilippo LippiPiero della Francesca, e os escultores Ghiberti ou Donatello, contribuíron ao esplendor da arte desta época.[7]

No ano 1436, Brunelleschi rematou a cúpula de Santa María del Fiore, a catedral de Florencia, un dos proxectos arquitectónicos máis importantes da cidade. En 1426 a Adoración dos Magos de Masaccio representou a renovación da pintura da época; as súas figuras perden o xesto grácil da arte gótica e ocupan un espazo verdadeiro dentro das leis da perspectiva lineal e o contraste da cor. En Florencia, esta concepción da arte xa practicábase por Brunelleschi, vinte e catro anos máis novo que Masaccio, e Donatello, co que había unha diferenza de quince anos.[8]

En 1425, o escultor Ghiberti recibiu o encargo da realización da porta este ou Porta do Paraíso para o baptisterio de San Xoán (Florencia), conseguindo nesta obra unha gran perfección no baixorrelevo. O axudante de Ghiberti foi Donatello.

Detalles biográficos do autor editar

Donato dei Niccolò dei Betto Bardi, nado en Florencia (1386-1466), é o escultor máis representativo da escultura quattrocentista italiana. Discípulo de Ghiberti até que chegou a independendizarse, e protexido de Brunelleschi (con quen estudou as ruínas clásicas de Roma), é un renovador de toda a escultura europea, e sobre todo da técnica do fundido en bronce. Por outra parte, estudou profundamente o ser humano como centro e razón de ser do Universo ao cal trata en toda unha gama de caracteres e valores, intentando penetrar na súa psicoloxía. As súas obras máis sobresaíntes son a Cantoría da Catedral de Florencia, o San Xurxo de Orsanmichele (en Florencia), a estatua ecuestre do Condottiero Gattamelata (en Padua) e o David, encargada por Cosme de Médici que foi colocada no patio do pazo dos Médici ata o ano 1495, cando Piero de Médici foi expulsado da cidade, sendo a estatua trasladada ao patio do Palazzo Vecchio.[9]

Historia editar

Descoñécese cando se realizou e as circunstancias que arrodean á obra, mais do pouco que se sabe é que foi encargada por Cosme de Medici á volta do exilio, cando Donatello adquirira xa fama en Florencia despois da súa formación inicial no taller de Ghiberti. Posibelmente tivera un destino público polo que a súa finalidade sería conmemorativa e simbólica: triunfo da intelixencia e triunfo dos Medici e, seguramente, estaba destinada para o seu novo pazo en Florencia, o que é coñecido como Palacio Medici Riccardi. Porén, a primeira referencia que se ten da obra é en 1469, nunha descrición da voda de Lourenzo, fillo de Piero, con Clarice Orsini e na que se cita que o David estaba sobre unha columna no patio do Palacio Médici.[10]Foi encargada por Cosme de Medici,

Donatello viaxou a Roma xunto con Brunelleschi para coñecer as ruínas romanas e se Brunelleschi revolucionou a arquitectura, Donatello fixo o mesmo na escultura tanto nas obras de vulto redondo coma nos relevos onde logrou plasmar a profundidade por medio da técnica do schiacciato, é dicir conseguir a tridimensionalidade diminuíndo paulatinamente o vulto das formas.

Historia de David e Goliat editar

David era fillo de Xesé, da tribo de Xudá. Vivía en Belén co seu pai e os seus irmáns, e pertencía a unha familia humilde que se dedicaba ao pastoreo. Como se relata en Samuel 17:51, os feitos iniciáronse cando o pai o envío onde estaba acampado o exército israelita para que obtivese noticias dos seus tres irmáns máis vellos. Ao chegar ao campamento, David decatouse de que un filisteo moi forte, un xigante chamado Goliat, estaba a desafiar en combate individual calquera inimigo; diante deste guerreiro ningún israelita se atrevía a enfrontarse. A pesar que era moi novo e inexperto na arte da guerra e que Goliat medía dous metros e medio, David rezou a Deus e pediu permiso ao rei Saúl para poder enfrontarse ao gran guerreiro. Lembrou ao rei que cando un león e un oso atacaran ao seu rabaño, fora capaz de matalos co seu tirafonda. Entón o rei deulle permiso para combater co xigante.

Así pois, David dirixiuse cara a onde estaba Goliat. Ía vestido cunha armadura do rei pero por ser demasiado pesada quitouna. Foi ata un torrente onde colleu cinco pedras e chegou ao campo de batalla co tirafonda como única arma. Goliat riuse de David ao velo tan novo, con aspecto delicado e mal armado. Entón o pastor puxo unha pedra no tirafonda e empezou a xirala e ao lanzala foi directamente á fronte do xigante derrubándoo a terra. David rapidamente colleu a espada de Goliat e cortouno a cabeza.

Análise da obra editar

Donatello interpretou este tema bíblico (tomado do Primeiro libro de Samuel) rompendo a tradición e o representa espido coma un heroe clásico;[10] de feito, foi o primeiro nu integral, de vulto redondo, que apareceu na escultura renacentista.[2][11]

Descrición editar

 
Detalle lateral do David, coa perna moi flexionada.

Fai a representación dun nu ponderado, natural, pero moi expresivo debido á firmeza das liñas compositivas xerais. Relátase a vitoria de David sobre Goliat, un xigante filisteo. Donatello mostra un David adolescente, nu, co pé sobre a cabeza de Goliat, que acaba de cortar coa propia espada do seu inimigo e que David aínda a suxeita na súa mandereita. Coa outra man soporta a pedra coa que feriu a Goliat. Ten a expresión serena e cobre a súa cabeza con sombreiro de palla típico da Toscana do que sobresaen as guedellas do pelo; leva tamén unha coroa de follas de amaranto, en clara alusión ao heroísmo grego, e os seus pés están calzados con botas. Na cabeza de Goliat encóntrase un helmo traballado polo miúdo con relevos historiados e adornos vexetais típicos do primeiro Renacemento (chamados «in candelieri»), e onde está representado un baixorrelevo dunha carroza alada por putti.[12]

A composición está moi estudada. A perna dereita dun David adolescente soporta o peso dun corpo lixeiro, mentres que a esquerda apoia sobre a cabeza do xigante derrotado. O ángulo xerado aquí contrarrestarase co brazo esquerdo apoiado na cadeira. O atrevido espido de David —leva só sombreiro e botas de coiro— realza a inclinación das cadeiras e recrea a curva praxitélica (como se mencionou anteriormente), ao tempo que dá movemento e sensualidade á anatomía do pastor. A superficie pulida e case negra do bronce mellora o atractivo do corpo xuvenil. A espada que sostén, a pedra na súa outra man e a súa mirada satisfeita tamén nos dan, a pesar da súa mocidade, unha idea da súa valentía. O Renacemento adoptou os elementos básicos que describira Vitruvio, quen mantiña:

...que a proporción da forma humana debía servir de paradigma para as proporcións das creacións do home. Xa que a natureza deseñou o corpo humano de forma que os seus membros estean debidamente proporcionados á figura no seu conxunto; Parece que os antigos tiñan unha boa razón para a súa regra, que nos edificios perfectos os diferentes membros deben manter relacións simétricas exactas co esquema xeral no seu conxunto.
D'Architectura (século I a. C.) Vitruvio

A modelaxe muscular é moi suave, borrosa, case feminina e o acabado que presenta o bronce é completamente liso para simular a suavidade da pel e constitúe un magnífico exemplo de estatuaria de bronce.[13]

Interpretación editar

Mais Donatello non só representa un tema bíblico de gran popularidade e cun aire relixioso, senón que tamén lle imprime un ton mitolóxico e social. Así, David está representado tras a súa vitoria sobre o xigante Goliat, despois de matalo coa súa honda e despois de cortarlle a cabeza, que aparece aos seus pés. A actitude que presenta o corpo, apoiado na perna dereita, mentres a esquerda se presenta lixeiramente dobrada, o que se pode valorar como contrapposto, innovación atribuída ao escultor Policleto.[14] Porén, para outros autores, ese contrapposto estaría moi esaxerado polo que supón unha clara influencia do estilo de Praxíteles, coñecido no mundo da arte como a "curva praxitélica" até o punto de ser denominado o "Praxíteles florentino".[15] En calquera caso, contribúe a romper a lei da frontalidade proporcionando unha movemento máis harmonioso para o corpo.

Representacións de esculturas de David na arte editar

O propio Donatello realizara anteriormente unha escultura de David, encargada para os contrafortes do coro da catedral de Florencia; para o mesmo sitio encargaron outra a Nanni dei Banco na que debía representar a Isaías. Se se comparan ambas as dúas esculturas obsérvase unha flexión do corpo de Isaías que continúa sendo gótica e que parece non ter un eixe central, a do David de Donatello presenta un contrapposto perfecto. Donatello realizouna en mármore cunha altura de 190 cm; a gran meticulosidade do rematado recorda a influencia que adquiriu cando traballou con Ghiberti.[16]

Verrocchio realizou un David en 1467-1470, en bronce, que é máis descarado e audaz, ademais de estar vestido; queda reflectido na escultura o mesmo momento vitorioso que o David de Donatello. Encóntrase no Bargello de Florencia. Michelangelo realizou un David en mármore no período de 1501-1504, cunha altura de máis de cinco metros; é o símbolo da tensión no instante previo de lanzarse ao combate contra Goliat. Encóntrase na Galería da Academia de Florencia.[17][18] Bernini executou cara aos anos 1623-1624 unha estatua barroca de medida real e en mármore. Representa a David no momento fugaz e sutil de disparar a súa pedra. Atópase na Galería Borghese de Roma.[19] Antonin Mercié realizou unha estatua en bronce no ano 1871, onde o David ten a cabeza de Goliat aos seus pés, como no de Donatello, pero leva un turbante e está a envaiñando a súa espada. Existen numerosas representacións, a maioría incorporan unha peza de tea cubrindo a zona xenital, aínda que as nádegas quedan ao descuberto. A escultura orixinal encóntrase no Museo de Orsay, en París.[20]

Notas editar

  1. Pijoan (1966), páx. 102
  2. 2,0 2,1 VV.AA. (1984), p. 721
  3. "Donato di Niccolo Donatello". epdlp.com (en castelán). Archived from the original on 03 de marzo de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2024. 
  4. "El 'David' de Donatello se restaurará en Florencia a la vista del público" (en castelán). El Mundo. 28 de xuño. Consultado o 19 de novembro. 
  5. Sureda, Juan (1988), pp. 18-19
  6. Castelfranchi Vegas, Liana (1997), p. 9
  7. Sureda, Juan (1988), pp. 10-13
  8. Sureda, Juan (1988), pp. 159-160
  9. Volum 7, La Gran Enciclopèdia en català, 2004, Barcelona, Edicions 62 ISBN 84-297-5435-0
  10. 10,0 10,1 Paoletti e Radke (2002), p. 257
  11. Encarta MSN (2007). "Donato di Niccolo Donatello" (en castelán). El poder de la palabra. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 19 de novembro. 
  12. Gilman (2008), p. 61
  13. Ceysson, 1996, p. 32.
  14. Plinio o Vello, Naturalis Historia (XXXIV, 56).
  15. Lord Balcarres (1903). Donatello (en inglés). Londres/ Nova York: Duckword and Co./ Charles Scribner's Sons. p. 69. 
  16. Ceysson, Bernard, pp. 28-29
  17. Volumen 6, Historia Universal del Arte, 1984, Madrid, Ed. SARPE, p. 793 ISBN 84-7291-594-8
  18. "Michelangelo Buonarroti: David" (en inglés). Art and the Bible. 2008. Consultado o 19 de novembro. 
  19. "David (1623)" (en español). Historia del arte. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2007. Consultado o 19 de novembro. 
  20. "Antonin Mercié (1845-1916)" (en francés). Aracade - L'art à contre-courant. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2008. Consultado o 19 de novembro. Reprodución do David de Antonin Mercié con roupa cubrindo a zona xenital 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Argan, G.C. (1987). Renacimiento y Barroco I. De Giotto a Leonardo da Vinci (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-243-2. 
  • Castelfranchi Vegas, Liana (1997). El Arte en el Renacimiento (en castelán). Barcelona: M. Moleiro Editor. ISBN 84-88526-26-1. 
  • Ceysson, Bernard (1996). La Escultura, La tradición de la escultura antigua desde el siglo XV al XVIII (en castelán). Barcelona: Carroggio. ISBN 84-7254-245-9. 
  • García Gaínza, María Concepción (1988). «Escultura en el Renacimiento». Historia Universal del Arte de Espasa. El Renacimiento (Volumen 6). ISBN 84-320-8374-7 - Páxinas 63-108.
  • Gardner, Helen, Fred Kleiner y Christin Mamiya (2006). Gardner's Art through the ages : the Western perspective. Thomson/Wadsworth, Australia. ISBN 0-495-00478-2 - Páxina 473.
  • Gilman, Benjamin Ives (2008). Manual of Italian Renaissance Sculpture As Illustrated in the Collection of Casts at the Museum of Fine Arts, Boston. Riverside Press,Boston. ISBN 978-0-554-80357-9 - Páxina 61.
  • Greenhalgh, M. (1982). Donatello and his sources. Duckworth, Londres. ISBN 0-8419-0827-3 - Páxina 166.
  • Janson, Horst y Anthony Janson (2003). History of art : the Western tradition. Prentice-Hall, Upper Saddle River. ISBN 0-13-182623-9 - Páxinas 408 - 423.
  • Paoletti, John; Radke,, Gary (2002). El arte en la Italia del Renacimiento. Colección: Arte y estética, nº 62 (en castelán). Madrid: Editorial akal. ISBN 84-460-1149-2. 
  • Pijoan (1966). Historia del Arte, Volumen 3. Barcelona, Salvat Editores. ISBN 84-345-3242-5.
  • Pope Genessy, J. (1989). La escultura italiana en el Renacimiento. Madrid. ISBN 84-89569-24-X.
  • Sureda, Juan (1988). Historia Universal del Arte, El Renacimiento I. Barcelona: Editorial PlanetaISBN 84-320-8905-2.
  • VV.AA. Gran Historia del Arte (volume V: El Renacimiento (I) (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-395-7423-1. 
  • VV.AA. (1984). Historia Universal del Arte (vol. 05: Desde el Otoniano al Renacimiento) (en castelán). Madrid: SARPE. ISBN 84-7291-593-X. 

Ligazóns externas editar