Na mitoloxía grega, os Curetes foron sete ou nove xenios[1], fillos de Soco e Combe e nados en Eubea. Por veces, como é o caso de Hixino ou Estrabón, confúndense cos Coribantes[2]. Os seus nomes eran Primneo, Mimante, Acmón, Damneo, Ocítoo, Ideo e Meliseo.

Rea observa ós Curetes danzando e a Amaltea aleitando a Zeus (gravado de 1811, segundo un baixorrelevo romano)

Existe a lenda de que os Curetes tiñan dotes adiviñatorias, grazas ás cales puideron explicar a Minos, rei de Creta, como devolver a vida ó seu fillo Glauco, que morrera afogado dentro dun bocoi de mel no que caeu mentres intentaba cazar un rato.[3]

O seu pai Soco expulsounos de Eubea, polo que tiveron que andar vagando, xunto coa nai, por diferentes lugares de Grecia: Creta, Cnossos, Frixia (onde coidaron de Dioniso) e a Ática. Aquí, conseguen vingarse de Soco e así poder regresar a Eubea.

Combe tamén foi chamada Calcis, porque disque inventou as armas de bronce, ou porque os Curetes bateron as súas armas de bronce para que o estrondo permitira pasar desapercibido a Zeus. Noutras tradicións, os Curetes eran fillos de Apolo e da ninfa Dánae, ou de Zeus e Hera ou mesmo fillos de Xea.

Zeus editar

A súa intevención máis coñecida foi a de encargarse do coidado de Zeus ata a súa pubertade, cando este naceu na illa de Creta. A nai, Rea foi parir alá para evitar que o pai, Cronos, devorase á criatura, como xa fixera cos fillos anteriores, e deixouno baixo a protección dos Curetes e das ninfas Melisa (que o alimentaba con mel) e Amaltea (representada como a cabra que daba o leite necesario para criar a Zeus meniño. Para protexer a Zeus e que os espías de Cronos (os corvos) non o descubrisen, o berce do meniño estaba colgado do teito (ou dunha árbore), de forma que non formaba parte do ceo nin da terra, e os Curetes cantaban e bailaban golpeando os seus escudos e armas para disimular os prantos de Zeus[4]. Segundo Hixino non houbo tales Curetes, senón que Rea "reuniu uns rapaces, deulles unhas lanzas e uns escudos de bronce e ordenoulles dar voltas á árbore facendo ruído" (Fábulas 139).

A pesar desta protección, Zeus non dubidou en matalos a todos cun raio cando fixeron desaparecer a Épafo, fillo que tivera Zeus con Ío. Hera, a celosa esposa de Zeus, perseguiu á nai e mandou ós Curetes que secuestraran o fillo. Ó final, Ío atopouno e terminou sendo rei de Exipto.

Pero Hera pediu ós Curetes que o fixeran desaparecer [a Épafo, fillo de Ío] e estes así o fixeron. En canto Zeus se enterou, exterminou ós Curetes, en tanto que Ío o buscaba andando errante por toda Siria.
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 3)

Outros Curetes editar

Outros Curetes foron os habitantes dun territorio de Grecia en épocas remotas, de onde foron expulsados por un rei vido do Peloponeso co nome de Etolo, fillo de Endimión. O territorio tomou o nome de Etolia no seu honor. Estes Curetes participaron na cacería do xabaril de Calidón e terminaron loitando contra os habitantes de Calidón, enfrontados por quedar coa pel e a cabeza do animal (instigados por Ártemis). Foron derrotados polos calidonios, comandados por Meleagro, fillo de Eneo.

Notas editar

  1. Non existe concordancia sobre o número de Curetes que, segundo as fontes, oscilan entre dous e nove.
  2. Bailaríns varóns tocados cun casco, que rendían culto á deusa Cibeles, bailando ó son de distintos instrumentos.
  3. Non obstante, a tradición máis común di que foi Poliido quen soubo onde estaba o corpo de Glauco e logo resucitouno.
  4. Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 1, 6-7.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Curetes.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].