Crocodylus anthropophagus

Crocodylus anthropophagus
Rango fósil: 1,845 Ma-1,839 Ma[1]
Plistoceno

Reconstrución de Crocodylus anthropophagus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Xénero: Crocodylus
Especie: Crocodylus anthropophagus
Brochu et al., 2010

Crocodylus anthropophagus é unha especie extinta de crocodilo do Plistoceno de Tanzania. Viviu hai 1,84 millóns de anos.[1] Era un predador de gran tamaño que acadaba os 7,5 m de lonxitude.[2][3]

Etimoloxía editar

Crocodylus anthropophagus foi nomeado por Christopher A. Brochu, Jackson Njau, Robert J. Blumenschine e Llewellyn D. Densmore en 2010. O seu nome específico, anthropophagus, procede do grego anthropos, 'humano' e phagos, 'comedor', facendo referencia ás evidencias que hai de que este animal incluía os homínidos na súa dieta.[1]

Taxonomía editar

O espécime holotipo, NNHM-1001, comprende un cranio e un esqueleto parcial. Todos os espécimes descubríronse na garganta de Olduvai, Tanzania, en dúas diferentes formacións rochosas que datan de hai 1,845 e 1,839 millóns de anos no Plioceno-Plistoceno.[1] O cladograma de abaixo procede dun estudo de 2021 baseado no descubrimento dun novo cranio parcial de C. anthropophagus.[4]

Crocodylinae

Mecistops cataphractus

Crocodylus thorbjarnarsoni

Crocodylus anthropophagus

Crocodylus niloticus

Crocodylus checchiai

Crocodylus moreletii

Crocodylus intermedius

Crocodylus acutus

Crocodylus rhombifer

Crocodylus palaeindicus

Crocodylus palustris

Crocodylus ossifragus

Crocodylus siamensis

Crocodylus mindorensis

Crocodylus johnstoni

Crocodylus porosus

Crocodylus raninus

Crocodylus novaeguineae  

Crocodylus paleoafricanos
Crocodylus neotropicais
Crocodylus indo-pacíficos

Descrición editar

 
Material poscranial referido a Crocodylus anthropophagus.

O esqueleto é consistente co dos representantes vivos do xénero. A vértebra axe ten unha proxección na parte inferior (unha hipoapófise) que parece terse en grande medida fusionado coa propia vértebra. As vértebras son de forma procela, cunha proxección esférica que se estende desde a parte posterior que se une a unha cavidade cóncava do extremo frontal da vértebra precedente. Os fémures están lixeiramente dobrados tomando forma de S. Porén, C. anthropophagus carece do par de cristas óseas pouco profundas que van desde os ollos ao nariz como as dos Crocodylus indopacíficos, e carece de protuberancia (un inchamento do óso) no medio do morro como o dos Crocodylus neotropicais.

A premaxila dereita (o óso que constitúe o extremo frontal do morro) do holotipo conserva tres alvéolos dentais, cun notable espazo entre o primeiro e o segundo alvéolos. A maxila esquerda doutro espécime (o óso que forma o extremo posterior do morro) conservaba 13 alvéolos circulares, aínda que pode que conservase parcialmente un 14º. Había un espazo entre o 9º e o 10º. Os dentes eran todos cónicos e non serrados.

Tiña dous prominentes “cornos” triangulares sobre os oídos.[1]

 
Restos da mandíbula dun Crocodylus anthropophagus

Paleoecoloxía editar

Crocodylus anthropophagus foi o predador máis grande atopado polos devanceiros da actual especie humana na garganta de Olduvai, como indican os espécimes fósiles de homininos que conservan marcas de trabadas de crocodilo procedentes dese sitio. A súa localidade tipo está preto da de Homo habilis e Paranthropus boisei.[1]

Notas editar

Este artigo incorpora texto CC-BY-2.5 da referencia.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Christopher A. Brochu; Jackson Njau; Robert J. Blumenschine; Llewellyn D. Densmore (2010). "A New Horned Crocodile from the Plio-Pleistocene Hominid Sites at Olduvai Gorge, Tanzania". PLoS ONE 5 (2): e9333. Bibcode:2010PLoSO...5.9333B. PMC 2827537. PMID 20195356. doi:10.1371/journal.pone.0009333. 
  2. "Crocodylus anthropophagus". Palaeocritti.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2016. 
  3. Ewen Callaway (24 de febreiro de 2010). "Monster crocodile was ancient human nightmare". New Scientist. Arquivado dende o orixinal o 7 de decembro de 2021. 
  4. Azzarà, Beatrice; Boschian, Giovanni; Brochu, Christopher; Delfino, Massimo; Iurino, Dawid Adam; Kimambo, Jackson Stanley; Manzi, Giorgio; Masao, Fidelis T.; Menconero, Sofia; Njau, Jackson K; Cherin, Marco (2021). "A new cranium of Crocodylus anthropophagus from Olduvai Gorge, northern Tanzania". Rivista Italiana di Paleontologia e Stratigrafia (Research in Paleontology and Stratigraphy) 127 (2): 275–295. doi:10.13130/2039-4942/15771. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar