Garganta de Olduvai

A garganta de Olduvai é unha barranca de 45 km de longo, parte do Gran Val do Rift, localízase ao leste da chaira do Serengeti, no norte de Tanzania. O nome provén de Oldupai, o nome masai da Sansevieria ehrenbergiana.
É un dos xacementos paleoantropolóxicos máis importantes do mundo e é fundamental no coñecemento dos primeiros homínidos. Louis Leakey e Mary Leakey foron os primeiros en realizaren escavacións paleoantropolóxicas, na década de 1950, labor que continuou a súa familia e moitos outros investigadores. Hai millóns de anos o lugar era un gran lago, e as súas ribeiras estaban formadas por sucesivos depósitos de cinsa volcánica. Hai 500.000 anos a actividade sísmica desviou unha corrente próxima, que asulagou o lago con sedimentos, hoxe aprécianse sete capas nas paredes da garganta. A estratigrafía é extremadamente fonda e as capas de cinsas e pedras volcánicas permiten a datación radiométrica dos achados. Os fósiles máis antigos atopados datan de hai 2,5 millóns de anos.
O depósito arqueolóxico máis antigo, coñecido como capa I, evidencia a existencia de acampamentos con presenza de industria lítica. Os ósos desta capa amosan un homínido primitivo coñecido como Australopithecus e os primeiros exemplares coñecidos de Homo habilis. Na capa II aparece a industria lítica propia do complexo abbevillense, na que predominan os machados de man bifaciais feitos polo Homo erectus datados en hai 1,5 millóns de anos. Na capa III e IV predominan as ferramentas achelenses e ósos fósiles con características do Home de Neanderthal datado en 600.000 anos. As capas superiores conteñen ferramentas feitas por humanos modernos.

Garganta de Olduvai no norte de Tanzania, 2011.

No cinema editar

En Olduvai situou Arthur C. Clarke o primeiro monólito na súa novela 2001: A Space Odyssey.