Unha cesárea é un tipo de intervención cirúrxica na que se realiza unha incisión cirúrxica no abdome (laparotomía) e o útero da nai para extraer un ou máis bebés. A OMS adoita recomendar o seu uso cando un parto vaxinal podería conducir a complicacións médicas, que segundo a NOM-007 debería ser utilizada unicamente no 15% dos embarazos.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Non se debe confundir coa episiotomía, que é unha incisión no perineo para facilitar o parto. A cesárea faise por encima da pelve.

Historia editar

As cesáreas eran xa coñecidas e practicadas na antiga Roma, tal e como se contemplaba na Lex Caesarea: unha muller que morrese durante o embarazo tardío debía ser sometida a esta intervención coa finalidade de tentar salvar a vida do feto.

O primeiro dato que se ten dunha muller que sobreviviu a unha cesárea foi en Alemaña en 1500: Crese que Jacob Nufer, un castrador de porcos, lle fixo esta operación á súa esposa tras un prolongado labor. A maioría das veces, o procedemento tiña unha alta mortalidade. En Gran Bretaña e Irlanda a mortalidade en 1865 era do 85 %. As medidas claves na redución da mortalidade foron:

  • Acollida dos principios da asepsia.
  • A introdución da sutura uterina por Max Sänger en 1882.
  • Cesárea extraperitoneal e despois mudanza á incisión transversal baixa (Krönig, 1912).
  • Avances na anestesia.
  • Transfusión de sangue.
  • Antibióticos.

Viaxeiros europeos na rexión dos grandes lagos de África observaron durante o século XIX seccións cesáreas que eran efectuadas de forma regular. A nai expectante era normalmente anestesiada con alcol e usábase unha mestura de herbas para mellorar a recuperación. Dada a natureza ben desenvolvida dos procedementos empregados, os observadores europeos concluíron que foran empregados durante algún tempo.

O 5 de marzo de 2000, Inés Ramírez fíxose a cesárea a si mesma e sobreviviu, así como o seu fillo, Orlando Ruiz Ramírez. Crese que ela foi a única muller que se practicou a cesárea a si mesma e sobreviviu.[1]

Epidemioloxía editar

A Organización Mundial da Saúde estima que a taxa de cesáreas entre todos os nacementos nos países desenvolvidos está entre o 10 % e o 15 %, comparado con preto de 20 % no Reino Unido e 23 % en Estados Unidos. En 2003, a taxa de cesáreas no Canadá foi de 21 %, con variacións rexionais.

En anos recentes xerouse preocupación porque a operación se realice frecuentemente por outras razóns diferentes á necesidade médica. Por exemplo, aos críticos preocúpalles que as cesáreas se realicen porque economicamente dan máis utilidade para o hospital, ou porque unha cesárea rápida é máis conveniente para un obstetra que un longo parto vaxinal. Formáronse organizacións para aumentar a conciencia pública sobre as cesáreas e a súa incidencia que crece considerabelmente. Os partos atendidos por parteiras e fóra do hospital asócianse a unha taxa moito menor de cesáreas, controlada por todos os indicadores maternais e fetais relevantes.

Clasificación editar

 
Cesárea horizontal e cesárea vertical, representadas sobre a pintura O nacemento de Venus, de W.-A. Bouguereau.

Hai varios tipos de cesáreas:

  • A incisión clásica é lonxitudinal na liña media, o que permite maior espazo para o parto. Úsase de cando en cando, porque é máis susceptíbel de complicacións.
  • A máis común hoxe en día é a do segmento inferior, na cal se fai un corte transversal xusto por encima do bordo da vexiga. A perda de sangue é menor e a reparación máis fácil.
  • Unha cesárea histerectomía é o parto mediante cesárea e posterior extracción do útero, que se pode realizar en casos de sangrado intratábel ou cando a placenta non se pode separar do útero.
  • Algunhas veces practicáronse outros tipos, como a extraperitoneal.

Indicacións editar

 
Naipelo obtido por cesárea dunha nai de 15 anos de idade con hipertensión severa inducida polo embarazo.

Os xinecólogos recomendan a cesárea cando o parto vaxinal pode ser arriscado para o neno ou a nai. Algunhas posíbeis razóns son:

  • parto complicado prolongado ou distocia: pelve anormal, esgotamento materno, malformacións uterinas, posición fetal anormal, asinclitismo, hidrocefalia, pelve demasiado estreita.
  • sufrimento fetal aparente
  • sufrimento maternal aparente
  • complicacións como preeclampsia ou eclampsia
  • nacementos múltiples
  • mala colocación do bebe, (cabeza cara a arriba en lugar de cara á pelve)
  • presentación anormal
  • indución do traballo de parto errada
  • parto instrumental errado
  • macrosomía (bebé moi grande)
  • placenta moi baixa ou placenta previa
  • pelve contraída
  • evidencia de infección intrauterina
  • algunhas veces, cesárea previa
  • problemas de curación do perineo, derivados do parto ou da Enfermidade de Crohn, por exemplo.

Con todo, diferentes especialistas poden diferir en canto ás súas opinións sobre a recomendación dunha cesárea. Un obstetra pode sentir que unha muller é moi pequena para parir o seu bebé, pero outro pode estar en desacordo. De forma similar, algúns provedores de coidado poden determinar que o parto non progresa máis rapidamente que outros. Estes desacordos axudan a explicar por que as taxas de cesáreas son diferentes entre hospitais e médicos.

Riscos editar

 
Sutura da cara anterior do útero despois da extracción por cesárea dun bebé.
Véxase tamén: Violencia obstétrica.

Estatísticas dos anos noventa suxiren que polo menos unha muller por cada 2500 que teñan cesárea morrerá, comparado cunha en 10.000 para o parto vaxinal.[2] A mortalidade segue en descenso, pero o Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido declarou que o risco de morte é tres veces o dun parto vaxinal.[3] Con todo, non é posíbel comparar directamente as taxas de mortalidade dos partos vaxinais e por cesárea porque as mulleres que tiveron a cirurxía tiñan maior risco.

Os bebés nados por cesárea adoitan ter problemas iniciais para respirar. Ademais pode ser difícil a alimentación porque tanto a nai como o bebé están afectados pola medicación para a dor.

Unha cesárea é unha cirurxía maior, con todos os riscos e consecuencias que comporta. A dor na incisión pode ser intensa, e a recuperación completa da mobilidade pode levar semanas.

Anestesia editar

A nai xeralmente recibe anestesia rexional (espinal) ou epidural, o que lle permite estar esperta durante o parto e evita a sedación da crianza.

Na práctica moderna, a anestesia xeral para a cesárea é cada vez máis rara posto que se estableceu cientificamente o beneficio da anestesia rexional tanto para a nai como para o bebé.

Partos vaxinais despois de cesárea editar

Os partos vaxinais despois de cesárea (VBAC, polas súas siglas en inglés) non son infrecuentes hoxe en día. No pasado usábase unha incisión vertical para a cesárea que cortaba as fibras musculares do útero. As cesáreas modernas xeralmente se practican cunha incisión horizontal seguindo o percorrido das fibras musculares. O útero mantén entón mellor a súa integridade e pode tolerar as fortes contraccións dun parto futuro. Por razóns estéticas, a cicatriz das cesáreas modernas está por baixo da «liña do bikini». Cabe sinalar que este tipo de incisión non é recomendábel para a saúde, xa que, tarda moito máis tempo en sandar por que naturalmente, a nosa pel segue unha especie de secuencia que é vertical, polo que inclusive, nunca sanda completamente.

Actualmente non se admite o vello aforismo de «despois de cesárea, sempre cesárea». A menos que a causa que orixinou a primeira cesárea se manteña, por exemplo placenta previa ou pelve estreita, a conduta aceptada é a de deixar evolucionar o parto e actuar segundo a evolución.

Outro punto en que se desatou unha intensa controversia é sobre o dereito da xestante a elixir a vía do parto, é dicir, embarazada que desexa, sen causas obxectivábeis, que lle sexa practicada cesárea.

Notas editar

  1. "Self-inflicted cesarean section with maternal and fetal survival" (3). PMID 15001385. doi:10.1016/j.ijgo.2003.08.018. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2007. Consultado o 09 de xaneiro de 2018. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2009. Consultado o 09 de xaneiro de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Williams Obstetrics. 14ª edición. Appleton Century-Crofts, Nova York, 1971, páxinas 1163-1190.