A anestesia (do grego ἀναισθησία, que significa 'insensibilidade') é un acto médico controlado no que se usan fármacos para bloquear a sensibilidade táctil e dolorosa dun paciente, sexa en todo ou en parte do seu corpo e sexa con ou sen perda de consciencia.

Paciente anestesiado en recuperación postoperatoria.

A especialidade médica encargada da aplicación da anestesia e dedicada á atención e aos coidados especiais dos pacientes durante as intervencións cirúrxicas e outros procesos que poidan resultar molestos ou dolorosos (endoscopia, radioloxía, intervencionista etc.) é a anestesioloxía. Así mesmo, ten ao seu cargo o tratamento da dor aguda ou crónica de causa extracirúrxica. Exemplos destes últimos son a analxesia durante o parto e o alivio da dor en pacientes con cancro.

A especialidade recibe hoxe o nome de 'anestesioloxía e reanimación, dado que abarca o tratamento do paciente crítico en distintas áreas, como son a recuperación postoperatoria e a emerxencia, así como o coidado do paciente crítico nas unidades de coidados intensivos ou de reanimación postoperatoria. A especialidade médica da medicina intensiva é unha rama máis da anestesiolocía.

Historia editar

 
Crawford W. Long, pioneiro no uso da anestesia.

Desde o principio da ciencia buscouse un medio para eliminar a dor. En marzo de 1842 en Danielsville, Xeorxia (Estados Unidos), o doutor Crawford Williamson Long foi o primeiro en usar anestesia (éter etílico) durante unha operación, ao administrala a un neno antes de extirparlle un quiste do colo; porén, só deu a coñecer esta información tempo máis tarde.

Foi o doutor odontólogo Horace Wells quen comezou a utilizar o óxido nitroso como anestesia, despois de telo visto usar ao autotitulado profesor e químico Gardner Q. Colton nos seus espectáculos, que consistían en administrar este gas a voluntarios do público. Isto poñíaos nun estado de euforia e de excitación (ás veces violentos), e perdían as súas inhibicións, o cal deleitaba ao público. Nunha ocasión, un dos voluntarios baixo o efecto do gas feriuse, e o doutor Wells observou que non sentía dor. Con base nisto decidiu comprobar en si mesmo se o óxido nitroso eliminaba a dor e, o 11 de decembro de 1844, tras aspirar o gas, o seu axudante John Riggs practicoulle unha extracción dental dun molar, sen que Wells se queixara. Ao despertar, Wells exclamou: "Unha nova era para a extracción de órganos dentais".

Máis adiante, o 16 de outubro de 1846, en Boston, foi William Morton, axudante de Wells, quen realizou unha exitosa demostración do uso da anestesia ao aplicarlla a un paciente do doutor John Collins Warren. O doutor Warren puido eliminar un tumor do colo de seu paciente sen que este sentira dor ningunha. Desde entón, Morton dedicouse a administrar anestesia, ocultando o tipo de gas que usaba (que el chamaba "letheon") para usalo en exclusividade, pero viuse forzado a revelar que se trataba de éter. Desde ese momento, o uso do éter difundiuse rapidamente.

A mediados de decembro de 1847, nun hospital de Edimburgo, o tocólogo James Simpson e o seu compañeiro Dunkan practicaron o primeiro parto sen dor empregando cloroformo, dado que o éter xa fora probado en xaneiro dese mesmo ano comprobando que, a pesar de quedar durmida a paciente, as contraccións do parto continuaban con normalidade. Pero o éter provocaba efectos secundarios que incitaron a Simpson a buscar outro gas con parecidos efectos pero sen os accesos de tose que xurdían despois da inhalación de grandes cantidades de éter. A nai quedou tan agradecida que chamou á súa filla "Anestesia".

En 1848 o doutor Jonh Snow perfeccionou a técnica de aplicación do cloroformo administrándoo en pequenas doses durante o parto. Este feito non se popularizou até o ano 1853, cando Snow aplicou cloroformo á raíña Vitoria I do Reino Unido no parto do príncipe Leopoldo. Despois do parto, nomeou o doutor Sir.

A pesar da introdución doutros anestésicos inhalatorios (eteno, tricloroeteno, ciclopropano), o éter continuou sendo o anestésico xeral estándar até principios de 1960, para ser daquela substituído por potentes e non inflamábeis axentes inhalatorios, como o halotano, seguido logo polo enfluorano, e máis adiante polo isofluorano até chegar, na década de 1990, ao sevofluorano e ao máis recente desfluorano.

Para lograr o seu obxectivo, que é suprimir a dor, a anestesioloxía debeu experimentar diferentes formas de levar ao individuo a un coma farmacolóxico reversible, é dicir, anulando a actividade cortical a través de substancias que provocan unha estabilización da membrana celular da neurona a través dunha hiperpolarización da mesma, bloqueando a entrada do ión calcio a través da interacción con receptores GABA das membranas celulares. Esta é unha das teorías máis aceptadas da farmacoloxía, sen que aínda sexa a última palabra.

Tipos de anestesia editar

Existen tres tipos principais de anestesia:

  • Anestesia local: só se elimina a sensibilidade dolorosa dunha pequena zona do corpo, xeralmente a pel.
  • Anestesia locorrexional: elimínase a sensibilidade dunha rexión ou dun ou varios membros do corpo. Pode ser:
    • a) Troncular dun nervio ou plexo nervioso, ou
    • b) Neuroaxial: que actúa bloqueando o impulso doloroso a nivel da medula espiñal, e que á súa vez pode ser:
    • c) Rexional intravenosa ou bloqueo de Bier: técnica desenvolvida por August Bier, cirurxián de orixe alemá, e que consiste en deixar exangüe un membro por compresión cunha venda elástica, mantelo nesta condición cun torniquete pneumatico e —finalmente— enchelo cunha solución de anestésico local, inxectada por vía venosa. Mentres o anestésico local se mantén no membro que está illado polo torniquete pneumático, distribúese polos vasos sanguíneos e actúa directamente en todos os tecidos dese membro. O efecto nos nervios produce a anestesia de todo o membro, sen que o anestésico local chegue á circulación xeral, grazas ao torniquete. Ao terminar a cirurxía, libérase o torniquete para que o anestésico local remanente pase ao torrente circulatorio e sexa metabolizado polo organismo. En xeral, recoméndase liberar coidadosamente o torniquete e observar ao paciente durante ese período, para detectar a tempo os signos de toxicidade sistémica que poidan aparecer.
  • Anestesia xeral: prodúcese un estado de inconsciencia mediante a administración de fármacos hipnóticos por vía intravenosa (anestesia total intravenosa), inhalatoria (anestesia total inhalada) ou por ambas á vez (balanceada). Actualmente realízase a combinación de varias técnicas, no que se chama anestesia multimodal. Os compoñentes fundamentais que se deben garantir durante unha anestesia xeral son: hipnose, analxesia, amnesia,control autonómico e relaxación muscular. A anestesia xeral persegue varios obxectivos:
    • Analxesia ou abolición da dor, para o cal se empregan fármacos analxésicos;
    • Protección do organismo contra reaccións adversas causadas pola dor, como a reacción vagal; para iso, empréganse fármacos anticolinérxicos como a atropina e outros;
    • Perda de consciencia mediante fármacos hipnóticos ou indutores do sono, que dormen ao paciente, evitan a angustia e adoitan producir certo grao de amnesia;
    • Relaxación muscular mediante fármacos relaxantes musculares, derivados do curare, para producir a inmobilidade do paciente, reducir a resistencia das cavidades abertas pola cirurxía e permitir a ventilación mecánica artificial mediante aparellos respiradores que aseguran a oxixenación e a administración de anestésicos volátiles na mestura gasosa respirada.

Fármacos empregados en anestesia editar

Anestesia xeral
Na anestesia xeral empréganse:
Anestésicos locais
Na anestesia local empréganse:

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Bonofiglio, Francisco Carlos & Casais, Marcela N. (2006): Me van a anestesiar. Las respuestas a sus dudas sobre la anestesia. Buenos Aires: Ediciones sobre el hospital.
  • Gilsanz Rodíguez, Fernando (2006): Despertar intraoperatorio. Madrid: Sociedad Madrid Centro de Anestesiología y Reanimación.
  • Pinós, Tomás (1997): Hazañas médicas (Capítulo IV "Parto a la reina", páxs. 57-66) 1ª ed. Planeta. [1]

Ligazóns externas editar