Carlos Lage Dávila

político cubano

Carlos Aurelio Lage Dávila, nado na Habana o 15 de outubro de 1951, é un médico e político cubano, de ascendencia galega, que foi vicepresidente do Consello de Estado de Cuba entre 1993 e 2009.

Infotaula de personaCarlos Lage Dávila
Biografía
Nacemento15 de setembro de 1951 Editar o valor em Wikidata (72 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCuba Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de Cuba Editar o valor em Wikidata

Nos seus anos de estudante foi líder da xa desaparecida Unión de Estudantes Secundarios, da Federación Estudantil Universitaria (FEU) e da Unión de Mozos Comunistas (UJC). Foi destituído do seu posto de Secretario do Consello de Ministros polo presidente Raúl Castro en marzo de 2009, o que provocou a súa dimisión como vicepresidente un día despois.

Traxectoria editar

Naceu o 15 de outubro de 1951 na Habana, sendo fillo dun inmigrante galego e dunha escritora de radionovelas.[1] En 1969 graduouse en Ciencias e Letras no Instituto Preuniversitario Especial "Raúl Cepero Bonilla". Ese mesmo ano ingresou na Escola de Medicina Victoria de Girón. Despois de graduarse, exerceu como pediatra militar en Etiopía, sendo xefe do continxente médico cubano nese país.

Asistiu como delegado ao X, XI e XII Festivais Mundiais da Mocidade e os Estudantes. No celebrado en Caracas en 2005, participou en calidade de presidente da delegación cubana. Foi membro do Comité Central do Partido Comunista de Cuba entre 1980 e 2009, así como deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular entre 1976 e 2009. Desempeñou, entre outros, os cargos de presidente da Federación Estudantil Universitaria (FEU) da Habana e presidente da FEU a nivel nacional. Tamén foi segundo e primeiro secretario do Comité Nacional da Unión de Mozos Comunistas.

Formou parte das representacións de Cuba no VIII Cumio do Movemento de Países Non Aliñados, así como no I e II Cumios Iberoamericanos. Para presentar o proxecto de resolución cubano sobre o bloqueo estadounidense contra Cuba, asistiu ao LI período de sesións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas en novembro de 1996.

Secretario do Consello de Ministros de Cuba editar

Dende 1986 ata a súa destitución en 2009 foi secretario do Comité Executivo do Consello de Ministros de Cuba, responsabilidade que durante o seu mandato foi practicamente comparable á dun primeiro ministro nunha república presidencial. Entre 1990 e 2006, estivo entre os impulsores de modestas transformacións económicas no sistema económico cubano.

Tamén entre 1993 e 2009 foi vicepresidente do Consello de Estado de Cuba. Como tal, foi elixido por Fidel Castro para a máxima representación do Estado en cumios iberoamericanos, reunións da ONU e investiduras de presidentes doutros países. En 2007 participou na celebración no Centro Galego da Habana do centenario do Himno Galego, acompañado entre outros polo vicepresidente cubano, "Gallego" Fernández, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e os deputados galegos Miguel Santalices, Xosé Ramón Paz Antón, e Ismael Rego.[2]

Goberno de Raúl Castro editar

O 24 de febreiro de 2008 foi reelixido vicepresidente do Consello de Estado. Ata o seu despedimento ocupouse da supervisión de actividades económicas e todo o relacionado coa Revolución Enerxética. Foi destituído o 3 de marzo de 2009, xunto a Felipe Pérez Roque.[3] Os despedimentos foron acompañados de cartas de aceptación da responsabilidade publicadas no xornal oficial Granma.[4]

Presente editar

Trala súa saída do goberno pasou a traballar no hospital Julio Trigo da Habana, en funcións administrativas.

Notas editar

  1. Fogel, Jean-François. "Fidel y su círculo de poder" (PDF) (en castelán). Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  2. "La Xunta homenajea a la emigración en La Habana". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de decembro de 2007. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  3. "Raúl Castro destituye a Roque y Lage en un nuevo gobierno menos fidelista". La Vanguardia (en castelán). 3 de marzo de 2009. Consultado o 15 de setembro de 2021. 
  4. "Carta de Carlos Lage Dávila". Granma (en castelán). 5 de marzo de 2009. Consultado o 15 de setembro de 2021.