Arnold Machin

escultor, e deseñador de moedas e selos británico

Arnold Machin, nado en Stoke-on-Trent o 30 de setembro de 1911 e finado en Stafford Borough, no condado de Staffordshire, o 9 de marzo de 1999, foi un escultor e gravador e deseñador de selos e moedas inglés.

Infotaula de personaArnold Machin
Biografía
Nacemento30 de setembro de 1911 Editar o valor em Wikidata
Stoke-on-Trent, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte9 de marzo de 1999 Editar o valor em Wikidata (87 anos)
Eccleshall, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , deseñador de selos , medallista Editar o valor em Wikidata
EmpregadorRoyal College of Art (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios

WikiTree: Machin-172

Traxectoria editar

Primeiros anos e formación editar

Arnold Machin naceu en Stoke-on-Trent, Staffordshire, en 1911, no seo dunha familia de oleiros. O seu pai era un creador independente e construíu para Arnold as súas primeiras ferramentas de modelaxe.[1] Comezou a traballar á idade de 14 anos como aprendiz de pintor de porcelana de estilo chinés na compañía Minton Pottery,[2] onde permaneceu durante sete anos.[3][4][5]

Durante a Gran Depresión aprendeu a esculpir no Stoke-on-Trent College of Art, que estaba fronte á fábrica Minton.[1] Na década de 1930 mudouse a Derby, onde traballou en Royal Crown Derby ao tempo que se seguía formando na Derby School of Art.[5] Nesa cidade coñeceu a que despois sería a súa esposa.[2]

Tres anos máis tarde acadou unha bolsa de estudos que o levou a Londres, para continuar a súa formación no Royal College of Art,[5] onde se centrou principalmente na escultura, da man do profesor Ricard Garbe.[2] Alí concluíu os seus estudos en 1940 cun traballo de graduación en terracota titulado Mother and Child ("A nai e o neno").[3]

Carreira artística editar

 
Taurus the Bull (1945), obra de louza Machin, producida en asociación con Wedgwood.[6]

Durante a segunda guerra mundial, Machin foi encarcerado durante 12 meses por se declarar obxector de conciencia, e en 1943 retomou a súa actividade artística e comezou unha longa asociación coa compañía Wedgwood,[1] onde produciu moitos dos seus deseños, entre eles Taurus the Bull (1945), un exemplar do cal lle presentou o político británico Hugh Gaitskell a Nikita Khrushchev durante unha visita a Moscova en 1956.[5]

Varias das obras de terracota de Machin foron escollidas pola Royal Academy para a súa exposición de verán de 1947, entre elas Mary Magdalene ("María Magdalena"), Angela e, sinaladamente, Spring ("Primavera"),[5] un dos seus traballos máis sobranceiros, que foi adquirido no marco dun programa da propia Academia, para a Tate Gallery,[2] logo de estar exposto nun lugar preferente.[7] Como consecuencia desta exitosa experiencia, o 24 de abril de 1947, Machin foi elixido membro asociado,[3] e o 21 de febreiro de 1956 membro de pleno dereito da Royal Academy.[5][8]

Desde entón, Machin mantivo unha forte vinculación coa Academia, e entre 1959 e 1966 exerceu como profesor na súa Escola de Escultura,[1][8] ao tempo que mantiña outras relacións de tipo profesional con compañías como Wedgwood e Royal Worcester. Porén, a súa relación coa Academia rachouse a raíz da venda por parte desta dun debuxo de Leonardo da Vinci en 1962, que foi moi cuestionada por Machin.[3][9]

Ademais da Academia, Machin foi tamén profesor na Escola de Arte de Stoke-on Trent na década de 1940, onde el mesmo estudara, e posteriormente no Royal College of Art, entre 1951 e 1958.[2]

Outras das súas obras salientables son as de temática bíblica St. John the Baptist ("San Xoán Bautista") e The Annunciation ("A Anunciación"), ambas adquiridas pola galería Tate en 1994,[2][3][10] ou Fallen Angel ("Anxo caído", ca. 1956), que forma parte da colección da Royal Academy.[11]

En 1956 foi elixido académico e membro da Real Sociedade de Escultores Británicos.[1]

Entre os seus recoñecementos pola súa traxectoria artística destaca o nomeamento como Oficial da Orde do Imperio Británico, nas Honras de Aninovo de 1965.[2][3][5][12]

Deseño de selos e moedas editar

Moedas editar

En 1964 Machin foi elixido para realizar o deseño dunha nova imaxe da raíña Isabel II para os anversos da primeira serie da libra esterlina como moeda decimal, que estaba previsto introducir a partir de 1968. O busto creado por Machin utilizouse para todas as moedas británicas cuñadas desde 1964 ata 1984.[1][2][3][5] Do mesmo xeito, o deseño de Machin utilizouse nun gran número de emisións, tanto circulantes como conmemorativas, de diversos territorios de soberanía británica ou que forman parte da Commonwealth de nacións:[16]

Ademais deste icónico retrato, tamén son obras de Machin o reverso da coroa de 1972 conmemorativa das vodas de prata de Isabel II e o Príncipe Filipe,[17] así como ambas as faces da coroa de 1977 conmemorativa dos 25 anos de reinado.[5][18]

Selos editar

 
Placa de xeso co gravado orixinal de Machin da nova efixie para os selos de Isabel II.[19]
 
Selo británico de 10 xilins de 1969.

En 1965 pedíuselles a cinco artistas que presentasen deseños para un novo modelo da serie básica de selos británicos, e o seleccionado foi Arnold Machin, quen xa resultaba moi coñecido polo seu deseño previo do anverso das moedas. Inicialmente, Machin tomou o seu retrato creado para a moeda e deulle a volta para que a raíña ollase cara á esquerda, e logo gravou en xeso esta proposta.[20]

Mais o Comité Asesor de Selos solicitou que se tomasen novas fotografías da raíña para o deseño dos selos e, logo do consentimento desta, o 22 de xuño de 1966 o fotógrafo John Hedgecoe visitou o palacio con tal propósito, e as fotografías que el tomou —nas que a raíña loce un diadema, e non a tiara das moedas— servíronlle finalmente a Machin para que en outubro de 1966 fixese un modelo en xeso sobre ese novo deseño.[20]

Este novo deseño foille enviado á raíña para recadar a súa opinión e,[21] logo da aprobación real, a nova efixie serviu para a produción da nova serie básica de selos británicos, que se deu en coñecer como "serie Machin".[3] O primeiro selo impreso desta serie foi o de catro peniques, o 5 de xuño de 1967, en cor marrón oliva sepia, por desexo expreso da raíña —para lembrar o Penny Black—,[1] e logo expandiuse a todos os selos británicos, en diferentes cores. Considérase que este deseño é un dos retratos artísticos máis reproducidos da historia,[2] con máis de 200 mil millóns de copias producidas.[20]

En varias ocasións, a propia raíña achegouse con suxestións para a substitución do retrato do selo levada a cabo por Machin. Aínda que considerou alternativas, nunca aprobou ningún deseño novo, e estipulou que calquera substitución tería que ser "un traballo de verdadeira calidade".[22]

O 5 de xuño de 2007, os selos deseñados por Machin aínda estaban en uso no seu 40 aniversario e, para conmemorar a ocasión, o Royal Mail emitiu un selo conmemorativo cunha fotografía de Machin. Tamén estaba dispoñible para a venda nunha folla miniatura, así como dous selos dunha libra co deseño de Machin en diferentes cores.[1]

En 2017, Royal Mail celebrou o 50.º aniversario cunha gran cantidade de produtos, entre eles follas en miniatura, paquetes de presentación, sobres de primeiro día, un folleto de selos cos valores máis pequenos, un folleto de selos de prestixio, unha cuberta para medallas e novos selos xenéricos.[23][24]

Vida familiar editar

Machin casou en 1949 coa autora e pintora Patricia Newton. O matrimonio adquiriu unha casa en The Villas, Stoke-upon-Trent, onde ambos traballaban, aínda que Arnold viaxaba semanalmente a Londres, onde tamén tiña un pequeno estudio. Os Machin tiveron un fillo, Francis (1949-2007), que tamén foi artista.[1]

En 1956, a parella recibiu a atención da prensa británica cando Machin pediu á súa muller que o encadease a un antigo farol metálico que estaba fronte á súa casa, nunha zona residencial vitoriana en Stoke-upon-Trent, que estaba previsto retirar, en sinal de protesta.[2] Malia esta acción reivindicativa, o farol foi substituído por outro de formigón; con todo, o metálico foille regalado á familia, que o instalou no seu xardín, e Patricia encargouse de abrilo para que a veciñanza a puidese visitar.[1] Finalmente o farol foi restituído á súa situación orixinal.[9]

A partir da súa xubilación, Machin viviu na súa residencia Garmelow Manor, en Eccleshall, Stafford Borough, Staffordshire, ata a súa morte o 9 de marzo de 1999, aos 87 anos.[25][26]

Logo do pasamento de Francis, algunhas das posesións do seu pai que quedaran na casa familiar foron vendidas nunha poxa,[27] entre elas a cuarta das placas finais de xeso coñecidas gravadas por Machin para crear a serie de selos de Isabel II;[28] os outros tres consérvanse nos arquivos de Royal Mail.[1][19]

Na súa honra, o planeta menor (3109) Machin , descuberto en 1974, leva o seu nome.[29][30]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 "Arnold Machin - the sculptor of the "Queen's Head" was born in Stoke-on-Trent". Thepotteries.org
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Batkin, M. (1999).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Veasey, M. "1947 A Staffordshire Spring". En The Royal Academy Summer Exhibition: A Chronicle, 1769-2018.
  4. Machin, A. (2010). Páxinas 30, 41.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 "Arnold Machin". The Royal Mint Museum (Royalmintmuseum.org.ok).
  6. "Taurus the Bull". Birmingham Museum of Art (Artsbma.org).
  7. Machin, A. (2010). Páxinas 8-10, 13-14.
  8. 8,0 8,1 "Arnold Machin RA (1911 - 1999)". Royal Academy (Royalacademy.org.uk).
  9. Machin, A. (2010). Páxina 126.
  10. Rothenstein, J. (1947). “The Tate, 1897-1947”. En The Times. 21 de xullo. Páxina 5.
  11. "Fallen Angel, ca. 1956". Royal Academy (Royalacademy.org.uk).
  12. The London Gazette. Suplemento 43.529. 29 de decembro de 1964. Páxina 13.
  13. "5 Sovereigns - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
  14. "1 Dollar - Elizabeth II 2nd portrait". Numista.com
  15. "1 Cent - Elizabeth II". Numista.com
  16. "Arnold Machin". Numista.com
  17. "25 New Pence - Elizabeth II Silver Wedding". Numista.com
  18. "25 New Pence (Crown) - Elizabeth II Silver Jubilee". Numista.com
  19. 19,0 19,1 "QEII The Machin Design: Harrisons' Photograph of Machin's Final Cast". The Postal Museum (Postalmuseum.org).
  20. 20,0 20,1 20,2 "The Machin Design". The Postal Museum (Postalmuseum.org).
  21. "Introduction of Machin Head designs. Submission to HM The Queen". The Postal Museum (Postalmuseum.org).
  22. Muir, D. N. (2007).
  23. Tomlinson, G. "50th Anniversary of an Icon". The Postal Museum (Postalmuseum.org).
  24. "Anniversary of 'Queen's head' design marked with new stamps". En BBC News (BBC.com). 5 de xuño de 2017.
  25. "Derbyshire’s Artistic Heritage - Arnold Machin and the Queen’s Head". Great British Live (Greatbritishlive.co.uk).14 de marzo de 2014.
  26. Thomas, R. (1999). "Arnold Machin, 87, Creator Of Ubiquitous Royal Portrait". En The New York Times. 14 de marzo de 1999.
  27. "Arnold Machin, Artist of an Icon – Press Release 22/08/2008". Cuttlestones. Auctioners & Valuers.
  28. Alleyne, R. (2008). "Arnold Machin plaster cast used for image of Queen on stamps is found". En The Telegraph. 3 de setembro.
  29. "(3109) Machin". Minor Planet Center (Minorplanetcenter,net).
  30. Schmadel, L. D. (2003). "(3109) Machin". En Dictionary of Minor Planet Names. Springer, Berlín. Páxina 256.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Predecesor:
Mary Gillick
 
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1965-1984
Sucesor:
Raphael Maklouf