Armeria pubigera

especie de planta

Armeria pubigera é unha planta herbácea de folla perenne pertencente á familia Plumbaginaceae.[1][2][3] É un endemismo[4], fóra de risco de extinción[5], que se atopa nos rochedos graníticos, e ás veces nalgúns dos areais, do litoral atlántico galego e de Viana do Castelo.[1] É unha especie adaptada a eventos de rachas fortes de vento e ás augas salinas.[1][2]

É unha especie similar e fácil de confundir coa Armeria maritima, a herba de namorar. Identificáronse na Costa da Morte hibridacións desta especie con A. beirana, resultando en Armeria x carnotana Blanco-Dios, nothosp. nov.[6]

Descrición editar

É unha especie perenne cun cepo leñoso e con pouca ramificación, con talos floridos e de tipo herbáceo ou subarbustivo. As súas follas distribúense facendo unha roseta basal densa. Estas son planas e longas e lineais, de 0,3 a 0,8 cm de longas e de ata 0,2 cm de anchas, cuns ápices obtusos. Os nervios dos talos, que son de 1 a 3, son algo glabros e pouco ciliados. Os talos que frolan érguense dereitos ou algo tumbados e chegan dos 5 ata os 25 cm. Na súa parte superior teñen unha vaíña tubular que os cobre en parte.[1][2]

As flores saen en grupos de 2 a 5 flores e son sésiles. Teñen unha bráctea de cor verde e glabras de maior tamaño e cunhas manchas. A corola é de cinco pétalos soldados á base e ten un ton rosado.[1][2]

A súa reprodución adoita ir de marzo a setembro.[2]

Nome común editar

Para Armeria pubigera pódense empregar os nomes vernáculos de caravel mariño, herba empreñadoira ou cravo mariño[2], e segundo algunhas fonte tamén herba namoreira ou namoradeira[7].

Sinonimia editar

  • Armeria langeana[2]
  • Armeria parvula[2]
  • Armeria portensis[2]
  • Armeria pubigera subsp. depilata[2]
  • Statice pubigera[2]

Distribución editar

É un endemismo do litoral do noroeste peninsular ibérico, da costa atlántica.[4]

Hábitat editar

 
Nos rochedos preto do Faro de Corrubedo.

Medra en particular en áreas de rochedos do litoral, como nos cantís, e, ás veces en areais, entre os 0 metros e 50 da liña da costa.[1] Esta especie soporta as condicións de fortes rachas de ventos e augas e solos salgados. En concreto adóitase atopar en sistemas dunares[6] ou entre xunqueiras e en marismas.[2] Está adapta a condicións de alta exposición á luz, inda que é quen de medrar en zonas con sombra. Está nunha área con invernos moderados e alta humidade, e en solos con pouco nitróxeno e lixeiramente ácidos.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Flora Vascular (eds.). "Armeria%20pubigera". Consultado o 5/11/2018. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 Asturnatura (eds.). "Armeria pubigera (Desf.) Boiss. in DC.". Consultado o 5/11/2018. 
  3. Jardim Botânico, UTAD (eds.). "Flora Digital de Portugal: Espécie Armeria pubigera". Consultado o 5/11/2018. 
  4. 4,0 4,1 Ministerio para la Transición Ecológica, Goberno de España (eds.). "Parque Nacional de las Islas Atlánticas de Galicia: Armeria (Armeria pubigera)". Consultado o 5/11/2018. 
  5. European Environment Agency - European Union (eds.). "Armeria pubigera (Desf.) Boiss.". Consultado o 5/11/2018. 
  6. 6,0 6,1 Blanco-Diós, Jaime B. (2012). "Armeria X Carnotana (PLUMBAGINACEAE) nothosp. nov. para el noroeste ibérico" (PDF). Acta Botanica Malacitana (37): 171–172. 
  7. Jong, Y. et al. (2018). Pan-European Species directories Infrastructure (PESI), ed. "Armeria pubigera (Desf.) Boiss.". Consultado o 5/11/2018. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar