Zona euscalduna de Navarra

zona linguística de España

A zona euscalduna de Navarra[1] é, segundo a Lei foral do éuscaro, a zona lingüística do noroeste da Comunidade Foral de Navarra na que o éuscaro é a lingua tradicional da súa poboación e na que, polo tanto, en aplicación do principio de predominio lingüístico consagrado no Amelloramento de Navarra, esta lingua ten cooficialidade xunto co castelán.

Distribución por concellos das zonas euscalduna, mixta e non euscalduna trala reforma de 2017.

En 2017 produciuse un cambio significativo na composición das zonas. Pola Lei Foral 9/2017, do 27 de xuño, un concello (Atetz) pasou da zona mixta á zona euscalduna e 44 concellos da zona non euscalduna pasaron a formar parte da zona mixta. En 2001 o 67,3 % dos habitantes desta zona era euscaldún.[2]

Xeografía

editar

O ámbito euscaldún comprende 64 pequenos concellos (ningún dos cales supera os 10 000 habitantes), todos eles situados nos vales atlánticos e pirenaicos do noroeste de Navarra. En 2012, a poboación total desta zona representaba o 9% da poboación total da provincia.

Situación sociolingüística

editar

Se observamos as porcentaxes absolutas de 2018, vemos que a maioría dos 75 810 navarros que falan éuscaro de 16 ou máis anos viven fóra da zona euscalduna de Navarra: 29 459 na zona euscalduna (38,9% do total), 42 551 en zonas mixtas (56,1%) e 3 800 en zona non euscalduna (5%).[3]

En canto ao número de bilingües receptivos (persoas que entenden o éuscaro pero non o falan), a maioría das 42 994 persoas de 16 ou máis anos viven nunha zona mixta: 5.187 na zona euscalduna (12% do total dos bilingües receptivos), 32 217 na zona mixta (75%) e 5 590 na zona non vascófona (13%).[3]

En canto á evolución da competencia lingüística, dende 1991 ata 2018, a competencia lingüística nos tres dominios non evolucionou da mesma forma. A porcentaxe de falantes de éuscaro na zona euscalduna é practicamente a mesma (60,3% en 1991 e 60,8% en 2018) e incrementouse noutros dous ámbitos: de forma continuada na zona mixta, do 5,2% ao 12,4%; e na zona non euscalduna pasou do 0,6% ao 2,6%.[3]

Concellos

editar

Dende 2017, a zona está composta polos seguintes concellos: Abaurregaina, Abaurrepea, Altsasu, Anue, Araitz, Arantza, Arano, Arakil, Arbizu, Areso, Aria, Aribe, Arruazu, Atetz, Auritz, Bakaiku, Basaburua, Baztan, Bera, Bertizarana, Betelu, Donamaria, Doneztebe, Etxalar, Etxarri Aranatz, Elgorriaga, Eratsun, Ergoiena, Erroibar, Esteribar, Ezkurra, Garaioa, Garralda, Goizueta, Hiriberri, Igantzi, Imotz, Irañeta, Irurtzun, Ituren, Iturmendi, Labaien, Lakuntza, Lantz, Larraun, Leitza, Lekunberri, Lesaka, Luzaide, Oitz, Olatzagutia, Orbaizeta, Orbara, Orreaga, Saldias, Sunbilla, Ultzama, Urdazubi, Urdiain, Urrotz, Uharte Arakil, Ziordia, Zubieta e Zugarramurdi.[4]

De entre eles, os concellos máis importantes son Baztan (uns 7.800 habitantes), Altsasu (uns 7.600 habitantes), Leitza (uns 2.900 habitantes), Etxarri Aranatz (uns 2.400 habitantes) e Irurtzun (uns 2.200 habitantes).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para euscalduna.
  2. Aldasoro Lecea, Eduardo. "La evolución de la enseñanza en euskera en Navarra: una perspectiva pedagógica" (PDF). Euskomedia. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de novembro de 2016. Consultado o 15 de novembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Nafarroako datu soziolinguistikoak 2018" (PDF). gobiernoabierto.navarra.es. xuño de 2020. 
  4. "44 localidades navarras ganan derechos para el euskara al pasar a la ‘zona mixta’". naiz.eus. 22 de xuño de 2017. Consultado o 15 de novembro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar