Zaharrean Rugby Taldea

O Zaharrean Rugby Taldea foi un equipo de rugby da cidade de Donostia, en España, fundado en 1963 e desaparecido en 1993, que ó longo da súa existencia tivo varios nomes (Motobic Parte Vieja, Sociedad Deportiva Anoeta, Zaharrean Rugby Taldea e Club Deportivo Fortuna) conforme o equipo se integraba nas estruturas polideportivas duns clubs ou outros. Durante catro tempadas (1978/79, 1979/80, 1980/81 e 1981/82) o Zaharrean participou na máxima competición de liga do rugby español, a División de Honra.

Zaharrean Rugby Taldea
Fundación1963

Traxectoria

editar

Os primeiros equipos de rugby de Donostia naceron a comezos da década de 1960. O primeiro deles foi o Rugby Club Guipúzcoa, fundado en 1962, e que en 1964 pasou a formar parte do Club Atlético San Sebastián. Este equipo acabaría sendo campión nacional varias veces. O segundo equipo da cidade naceu en 1963 co nome Motobic Parte Vieja, sendo Motobic un concesionario de motos que patrocinou as actividades do equipo nos seus primeiros pasos.[1] A carencia dun terreo de xogo levou ó equipo a integrarse dentro da Sociedad Deportiva Anoeta, unha entidade polideportiva con seccións de atletismo, natación, baloncesto, balonmán, hóckey etc, que levaba a cabo as súas actividades nas instalacións da antiga cidade deportiva de Anoeta.[2]

A Sociedad Deportiva Anoeta desapareceu a finais dos anos 1970, rebautizándose o equipo de rugby en 1978 como Zaharrean Rugby Taldea. "Zaharrean" significa "Parte Vieja" en lingua vasca, e ademais era o nome dunha asociación de comerciantes da zona antiga da cidade que comezou a patrocinar ó equipo. O cambio de nome coincidiu co ascenso do equipo á máxima categoría do rugby nacional, a División de Honra. O Zaharrean competiu catro tempadas (1978/79, 1979/80, 1980/81 e 1981/82) dentro do Grupo Norte da División de Honra, que nesa época estaba formada por 32 equipos divididos en catro grupos xeográficos. Trala tempada 1981/82 o equipo descendeu de categoría e integrouse dentro doutra sociedade polideportiva da cidade, o Club Deportivo Fortuna[3] que lle daría nome até o fin da sección de rugby en 1993, ano de desaparición das vellas instalacións de Anoeta, que foron substituídas polo moderno Estadio Municipal de Anoeta.

Palmarés

editar
  • Campión da Copa FER: 1
    • 1970/71
  • Tempadas na primeira división de rugby: 4
    • 1978/79, 1979/80, 1980/81, 1981/82
  • Tempadas na segunda división de rugby: 4
    • 1977/78, 1982/83, 1983/84, 1984/85
  1. Equipos del pasado Arquivado 26 de decembro de 2016 en Wayback Machine., artigo de Noticias de Gipúzkoa. (en castelán)
  2. Campos de Deportes Anoeta, artigo de Euskomedia. (en castelán)
  3. Historia do CD Fortuna Arquivado 27 de decembro de 2016 en Wayback Machine. (en castelán)