Xosé González Varela

Xosé González Varela, nado en San Xurxo de Goá (Cospeito), diocese de Mondoñedo, contra 1750 e finado en Santiago en 1842, foi un avogado, catedrático de Universidade de Santiago, filósofo ilustrado e destacado afrancesado.

Infotaula de personaXosé González Varela
Biografía
NacementoCospeito, España Editar o valor em Wikidata
Morte1842 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónrelixioso Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Sábese que contra 1785 ingresou no Colexio de Santiago Alfeo (ou Colexio Novo) [1] de Santiago ata estudar Filosofía e Cánones. O seu expediente de ingreso hai moitas testemuñas de limpeza de sangue, segundo exixían as regras para ser colexial.

En 1794 dirixiuse ao Consello da universidade solicitando que sacara a concurso público as cátedras que quedaran vacantes a causa da expulsión dos xesuítas, e que se cubriran de forma transparente conforme a legalidade vixente, provocando unha forte polémica.

Era afeccionado a ler libros prohibidos pola Inquisición e parece que, co pretexto de substituír o bibliotecario universitario doutor Pedrosa, pasaba horas lendo no local onde se custodiaban tales libros. Este feito chegaría a ouvidos da Inquisición, que lle chamou a atención prohibíndolle expresamente que en adiante visitara dito lugar.

 
Entrada do Colexio de San Xerome, un dos lugares onde se reunían os liberais santiagueses.

Doutor en Artes, Teoloxía en Cánones, foi avogado dos Reais Consellos e vicerreitor do Colexio de San Xerome, lugar onde se reunía un club de afrancesados e ao que acudía Bazán de Mendoza (que era o seu fundador e presidente) e outros simpatizantes coas ideas modernizadoras. Alí planearon a renovación do ensino universitario e a provisión das cátedras tratando de romper o monopolio do clero regular.

En 1799 foi cesado de cargo de vicerreitor de San Xerome baixo o pretexto de que casara —o que ía contra as constitucións do Colexio— aínda que a verdadeira razón eran as reunións de afrancesados que tiñan lugar nos seus apousentos.[2][3]

Moitos catedráticos da Universidade compostelá simpatizaban coas ideas francesas. E González Varela tivo a oportunidade de expresar esta simpatía cando o exército francés invadiu Galicia. El, e outros catedráticos, apresuráronse a felicitar a Murat, lugartenente de Napoleón en España, a quen consideraban impulsor dun novo modelo político e social. Esa fidelidade sería recompensada co nomeamento de moitos deles para ocupar cargos públicos na cidade. Así, catro personaxes desta institución serían nomeados por Bazán Maxistrados inspectores da Policía Xeral da cidade de Santiago e a súa provincia, entre eles Xosé González Varela que se ocupará Quartel de las Parroquias de San Andrés, Salomé y Sar.[4]

Isto molestou moito a outros compañeiros de cátedra polo que, no claustro de 1 de xuño de 1808 —no que se creou o Batallón Literario—, González Varela foi suspendido da súa cátedra, xunto con Bazán de Mendoza e Xosé de la Vega, por manifestar sentimientos contraros a la causa pública en las actuales críticas circunstancias amenazando negarían certificados de curso al que se atreviese a decir que los ejércitos franceses que cruzan nuestra España tenían otras intenciones que las de amistad y nuestra propia felicidad.[5] A comezos de 1809 el e os seus compañeiros foron repostos nas súas cátedras polo xeneral Marchand.

Pero, como os outros ilustrados que simpatizaron cos ideais revolucionarios franceses, foron tachados de traidores. O clero, aliado coa aristocracia, encirraron aos campesiños para que combateran aos franceses e aos afrancesados. A Igrexa galega loitou con todas as súas forzas contra eles. E así, o xornal El Patriota compostelano convidaba a "escupir, abominar y desterrar a los acaudillados ateos que el infierno vomitó en Francia para que pasando los Pirineos enarbolasen el estandarte de la irreligión en España".[6]

Os ilustrados galegos convertéranse no branco de todas as críticas. A prensa denigrábaos considerándoos "perfidos e desnaturalizados patricidas". Cando os franceses marcharon de Santiago, a universidade sancionou e represaliou con dureza aos afrancesados. González varela foi declarado traidor por unha sentenza do 29 de abril de 1810 na que se revogaba o seu título de Doutor, o seu nome foi borrado de todos os libros da universidade (damnatio memoriae), foi expulsado da mesma e foron confiscados todos os seus bens.

Grazas á amnistía de 1820 puido reincorporarse á súa cátedra durante o trienio liberal.

Morreu en Santiago en 1842.

Obras editar

  • 1800: Discurso sobre el modo que tienen las pasiones de manifestarse y de obrar en cada hombre. Santiago.
  • 1801: Ars rationis. Metaphisica. Santiago.
  • 1801: Ars rationnandi, sive Logica, ad gallaicorum adolescentium usum potissimum accomodata. Santiago: Ignacio Aguayo.
  • 1803: Metaphisica generalis atque particularis ad gallaicoorum adolescentium usum ordinata atque elaborata. Saniago: Ignacio Aguayo.
  • 1808: Rationandi Ars, sive Logica, ad Gallaicorum Adolescentium usum potissimum accomodata. Regioque iussu ipsis praelegenda asignata in Lycoeo Compostellano: addita, correcta, et in multis emendata a suo Auctore Josepho Gonalecio Varela, In Typog. Compst. Ignacio Aguayo.

Traduciu ao español (1821) os Principios lógicos de Destut de Tracy (1754-1856), engadindo algunhas notas. (Este autor sitúase dentro do pensamento sensista de Locke e Condillac: o pensamento fúndase na actividade dos sentidos).

As obras lóxicas e metafísicas destinadas a servir de texto na universidade están escritas en latín moderno, por ser o idioma usado nesa institución. Pero mentres que a Metaphisica está escrita cun estilo argumentativo e siloxístico —usual na escolástica— a Logica, en cambio, adopta unha forma liñal e directa de describir e argumentar —facilitando así a súa comprensión— sen perder por iso rigor.

Notas editar

  1. Coñecido hoxe como Colexio de Fonseca.
  2. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma, pp. 16-17.
  3. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (coord.) (1988): Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. tomo 1, pp. 466 e ss.
  4. Santiago de Compostela. Ocupación napoleónica
  5. Barreiro Fernández, Op. cit., p. 548.
  6. Barreiro Somoza, José (1972): "El movimiento de los afrancesados gallegos", in Compostellanum, 17, pp. 163-188.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar