Xaque mate
- Para describir os movementos das pezas de xadrez neste artigo usouse a notación alxébrica.
- Véxase tamén: Regulamento do xadrez.
En xadrez, a posición de xaque mate, ou mate, é aquela coa que o último bando que moveu gaña a partida. É dicir, hai un xaque ao rei, que non pode ser evitado mediante ningunha xogada legal por parte do bando ameazado.
O xaque como xogada de ameaza de captura que é, só pode ser evadido dun dos tres seguintes xeitos:
- Interpondo unha peza entre a peza agresora e a peza agredida (isto non é posible contra o ataque do cabalo).
- Capturando a peza agresora.
- Movendo a peza agredida (o rei) a unha casa fora da acción das pezas contrarias.
Se ningunha das tres formas anteriores é posible, fálase entón dun xaque mate.
Mates básicos
editarA continuación preséntanse os mates fundamentais máis comúns onde un bando só ten ao seu rei e o outro ademais do seu rei ten o mínimo material para forzar ao xaque mate ao contrario.
- O xaque mate coa dama é o máis importante, xa que é moi fácil de realizar. Xeralmente ocorre logo que un peón é promovido a dama.
- O segundo xaque mate máis importante é o que se realiza coa torre, que tamén é moi fácil de facer.
- Os mates con dous alfís e cun alfil e un cabalo non son moi importantes, xa que a oportunidade para estes ocorre moi de cando en cando; dos dous, o máis frecuente é o mate cun alfil e un cabalo.
- O mate con dous alfís é moi fácil de realizar, pero o mate con alfil e cabalo é algo difícil e require de precisión.
Nótese que dous cabalos non poden forzar un xaque mate a un rei solitario.
Mate coa Dama
editarEstes diagramas mostran a posición básica de xaque mate cunha dama, a cal pode ocorrer en calquera beira do taboleiro. Obviamente, a posición exacta pode variar do diagrama. Sendo a quenda das negras, o mate pode ser forzado en non máis de dez movementos a partir de calquera posición inicial das pezas.
Na primeira posición, a dama está directamente enfronte do rei inimigo.
Na segunda posición, os reis están en oposición e a dama fai mate desde un flanco do rei.
Mate con dúas Torres
editarEste é o primeiro mate que debe practicar o principiante, xa que é o máis sinxelo e fácil de comprender. Débese de levar ao rei inimigo á banda con dúas torres usando o método coñecido como "a escaleira".Para conseguir este mate non fai falta a axuda do rei.
Mate cunha Torre
editarA continuación preséntase a posición básica de mate cunha torre, o cal pode ocorrer en calquera beira do taboleiro. Sendo quenda das negras, o mate pode forzarse en non máis de 16 xogadas a partir de calquera posición inicial das pezas.
Alfil e cabalo
editarA continuación, preséntanse os dous xaques mates básicos que poden realizar un alfil e un cabalo, o mate pode ser forzado soamente nunha esquina en que o alfil teña control. Sendo quenda das brancas, o mate pode forzarse en non máis de 33 movementos a partir de calquera posición inicial das pezas, exceptuando aquelas en que o rei negro realiza un ataque dobre ao cabalo e ao alfil e non é posible salvar material. Con todo, o proceso do mate é difícil e require xogadas precisas, xa que un pequeno erro pode resultar en táboas pola regra do quincuaxésimo movemento.
O primeiro diagrama mostra un mate realizado polo alfil co rei no recuncho.
O segundo diagrama mostra un mate executado polo cabalo, co rei nunha casa preto do recuncho e o alfil entre ambos os dous reis. Alternativamente, o cabalo pode colocarse en d7.