Wikipedia:Sobre Galicia/xuño 2008

Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas, etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza. O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na nosa terra e na nosa cultura, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados currunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis.