Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2012

A denominación popular Caso do metílico designa un abrocho de intoxicación alimentaria acaecida en Galicia e nas Canarias no ano 1963, por consumo de bebidas alcohólicas elaboradas a partir de alcohol metílico, co resultado de 51 falecidos e 9 persoas cegas, aínda que se estima que a cifra real de mortos puido contarse por milleiros. Polas obvias similitudes, o caso foi cualificado posteriormente como "a colza do franquismo". As primeiras mortes coñecidas acaeceron entre mariñeiros do concello de Haría, en Lanzarote, e xa puxeron de manifesto que a causa estaba na presenza de altas concentracións de metílico nas bebidas que alí vendía un adegueiro de Vigo. Pouco tempo despois observouse un incremento anómalo da mortalidade na comarca do Carballiño, que só se relacionou con aquelas cando a noticia dos mariñeiros mortos se publicou na prensa galega. A venda do alcohol contaminado foi coutada polas autoridades nun prazo relativamente breve, pero a distribución que se fixera antes de coñecerse a toxicidade do mesmo explica que se fosen producindo novas mortes. En decembro de 1967 tivo lugar o xuízo contra os 11 procesados, que resultaron con penas de cadea comprendidas entre 1 e 20 anos e indemnizacións que alcanzaban case os 20 millóns de pesetas. Ningún dos condenados cumpriu máis de 6 anos de cárcere e, ó declarárense insolventes, ningunha vítima ou familiar recibiu cantidade algunha como indemnización.