Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2013

O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galicia como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

Emprégase a verba nacionalismo para designar o corpo de doutrinas que informan todo movemento de reivindicación da personalidade dos grupos naturais por frente da sorbencia dos Estados históricos. Neste mesmo senso empregámola nós. Nacionalismo galego quere dicir polo tanto, a doutrina que informa o movemento de reivindicación da personalidade de Galiza frente da sorbencia do centralismo español.

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos políticos.