Wikipedia:Sobre Galicia/maio 2020

Ricardo Carballo Calero, nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués. Empregou os pseudónimos de Eduardo Colmeiro, Erik Larsson, Fernando Cadaval, Ilex, José Loureiro, Leopoldo Calero, Martinho Dumbria, Namiq Ziyá.

En 1981 foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 1984 concedéuselle a Medalla Castelao, en 1986 pechou o Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística que deu lugar á creación da Mesa pola Normalización Lingüística, e en 1987 obtivo o Premio da Crítica de narrativa galega pola súa novela Scórpio.