Axuda:Conflito de edición

(Redirección desde «Wikipedia:Conflito de edición»)

Esta páxina trata dos conflitos de edición e de como resolvelos. Para comprender en que consiste un conflito de edición, considérese a seguinte situación:

  • Maruxa preme na lapela "Editar" dunha páxina.
  • Xan preme na lapela "Editar" da mesma páxina, mentres Maruxa está editando.
  • Maruxa remata as súas modificacións e preme no botón "Gardar a páxina". A páxina gárdase coa versión de Maruxa mentres Xan está aínda editando.
  • Xan remata as súas modificacións e preme no botón "Gardar a páxina". Xan recibe unha páxina de advertencia dicíndolle que se produciu un "conflito de edición", porque o software non puido xestionar as diferenzas entre as versións da páxina feitas por Maruxa e Xan. A páxina do conflito de edición dálle a Xan a posibilidade de mesturar as diferenzas manualmente.

A páxina do conflito de edición editar

Na parte superior da páxina do conflito de edición aparece unha caixa de edición coa versión de Maruxa, mesmo se Xan está a traballar só nunha das seccións.

Ao final da páxina do conflito de edición aparece unha segunda caixa de edición co texto que Xan pretendía enviar. Esta é a versión de Xan da páxina ou da sección que estaba editando.

No medio das dúas caixas móstranse as diferenzas entre as versións de Maruxa e Xan do artigo. Para a sección que Xan está editando mostra as modificacións de Xan e os posíbeis cambios de Maruxa, agás que o texto das dúas persoas coincidise. Para as demais seccións móstrase o texto novo completo como se se acabase de engadir.

Xan pode modificar o texto superior e premer no botón "Gardar a páxina". En caso de que Xan só estivese a modificar unha sección, interpretarase como a nova versión da sección producindo, polo tanto, unha duplicación das demais seccións, a menos que Xan as elimine antes de gardar.[1] A mellor solución neste caso é copiar o texto novo (por exemplo, no portapapeis do ordenador), cancelar a edición e intentalo de novo.

Ás veces, cando unha persoa preme no botón "Gardar a páxina", se o sistema vai lento, é posíbel que esa mesma persoa poida facer varias modificacións na páxina antes de que o sistema responda. Esta persoa provoca un conflito de edición consigo mesma. Neste caso, o texto da parte superior pode ser a versión máis antiga en vez da que contiña a primeira edición, isto é, o sistema percibe o cambio anterior, mais aínda non o procesou. Un momento máis tarde, mentres a persoa está a visualizar a páxina do conflito de edición, en segundo plano lévase a cabo a primeira modificación e o texto da parte superior deixa de ser o actual. Por esta razón, as diferenzas mostran a edición combinada e, no caso de estar só a traballar nunha sección, igual que antes, a "adición" das demais seccións. De elixir gardar o traballo neste tipo de conflito de edición, isto ha resultar na eliminación da edición anterior da páxina.

Resolución dun conflito de edición editar

Se Xan só fixo pequenas modificacións e Maruxa fixo grandes cambios, Xan pode decidir se quere traballar a partir da versión de Maruxa e reintroducir as súas modificacións nela. Xan tamén podería engadir un comentario do tipo "por conflito de edición" no resumo de edición ou utilizar o modelo {{conflito de edición}} nunha páxina de conversa para avisar a Maruxa e aos demais colaboradores de que se viu forzado a actuar así. Deste xeito, Maruxa pode comprobar o resultado final para asegurarse de que as súas modificacións non desapareceron.

Se Xan fixo grandes cambios e Maruxa só fixo pequenas modificacións, Xan pode decidir traballar a partir da súa propia versión. Ten a opción de copiar o texto da parte inferior na parte superior (ou simplemente copiar a sección na que estaba a traballar, se era o caso), cun comentario do tipo "por conflito de edición" no resumo de edición. A continuación, Xan pode ver o historial da páxina, localizar as modificacións de Maruxa e engadilas á súa propia versión nunha edición posterior.

Se tanto Maruxa como Xan fixeron grandes cambios, a cousa é máis complicada: Maruxa e Xan terán que proceder como mellor poidan e saiban. Por exemplo, se os dous engadiron unha cantidade longa de texto sobre o mesmo asunto, poida que o mellor sexa que Xan envíe as súas modificacións, e que tanto Maruxa como Xan revisen as dúas versións e decidan cal é a mellor.

Xan non debería limitarse simplemente a publicar as súas modificacións por riba das de Maruxa. Asumimos a boa vontade por parte de todos. Todos cometemos erros e é posíbel que as persoas que acaban de chegar non comprendan aínda as condicións nas que se produciu o conflito de edición, que son soamente técnicas. Porén, Xan non debería ignorar sistematicamente os conflitos de edición. Non é aceptábel que Xan escriba por riba do que fai Maruxa por preguiza. A mellor ferramenta para evitar problemas é consultar as diferenzas no historial da páxina.

Conflitos de edición lóxicos editar

Este é un conflito entre editores que resulta indetectábel para o mecanismo que decide mostrar a mensaxe de "conflito de edición".

Algúns colaboradores editan copiando o texto fonte nun editor de textos, realizando moitas modificacións (reorganizacións, adicións de contidos etc.) e, cando deixan o artigo ben ao seu gusto, pegándoo de novo na Wikipedia como unha edición única (nova). Se, entrementres, alguén realizou modificacións, estas modificacións hanse perder ao pegar o texto de volta. As persoas que colaboran desta maneira deberían proceder dun dos seguintes xeitos:

  • Pegar o texto de volta na mesma caixa de edición da que se copiou orixinalmente.[2]
  • Comprobar o historial da páxina por se se produciron edicións e, de ser o caso, fusionar as modificacións introducidas incluíndoas na edición que se pretende gardar.

Se a persoa editora emprega un software de terceiros para editar unha páxina desde un editor externo que non segue o primeiro dos puntos anteriores (ou unha medida equivalente) e causa un conflito de edición lóxico, este problema pode ser un erro do software do que debería informarse aos programadores do software.

Ás veces prodúcense erros durante a fusión dos contidos achegados por outras persoas. Dado que Xan é humano como o resto de usuarios, pode ser que elimine as modificacións de Maruxa. Os conflitos de edición lóxicos non son sempre visíbeis inmediatamente. Pode que, ás veces, Xan teña boas razóns para considerar que as melloras de Maruxa non son realmente útiles. Neste caso, Maruxa e Xan deben resolver as súas diferenzas de maneira amistosa.

Se Maruxa realizou unha modificación pequena que Xan desfixo accidentalmente, Maruxa non debe reverter até a súa versión. Non é aceptábel que Maruxa desfaga unha edición grande de Xan co único propósito de protexer as súas melloras menores ou castigar a Xan pola súa falta de coidado. Isto ten aínda maior importancia se a páxina foi modificada posteriormente por, digamos, María e Xavier.

O mellor é que Maruxa edite sobre a versión de Xan, reincorpore as súas modificacións menores e que deixe as grandes melloras de Xan intactas. Estaría ben que comentase algo no resumo de edición para indicar o que tivo que facer; por exemplo, "Reincorporo unha ligazón que Xan eliminou accidentalmente". Estaría aínda mellor que Xan pedise desculpas polo seu erro e que lle agradecese a Maruxa a súa contribución.

Se Xan repite o seu erro, Maruxa debería deixarlle unha nota amigábel na súa conversa cunha ligazón a esta mesma páxina e pedirlle que teña máis coidado no futuro. Isto cobra especial importancia no caso de persoas que acaban de chegar, que o máis normal é que non comprendan aínda como se resolven correctamente os conflitos de edición; se ben é certo que ocasionalmente os usuarios con experiencia poden necesitar tamén un recordatorio.

Reversión editar

Ao gardar unha versión anterior (é dicir, ao desfacer unha edición) ou unha versión nova baseada nela (isto é, modificar a reversión), o sistema de advertencia e prevención de conflitos de edición non actúa e unha posíbel edición nova feita no medio do proceso tamén se desfai. Para evitar este problema, pódese copiar o texto da caixa de edición da versión antiga na caixa de edición da versión nova. En certo modo, isto pode ocasionar conflitos de edición ocultos: poida que se escriba por riba das modificacións doutro colaborador sen percibilo. Sempre é moi recomendábel comprobar as diferenzas despois de desfacer unha edición, igual que se faría no caso dun conflito de edición. Convén sempre evitar as guerras de edicións.

Prevención editar

Dado que os conflitos de edición son irritantes e fan perder o tempo, unha idea útil pode ser modificar os hábitos de edición para diminuír a súa frecuencia.

Un dos xeitos máis doados é editar a porción do artigo máis pequena posíbel. Se só vas editar unha única sección do artigo, entón preme na ligazón "Editar" desa sección, no canto da ligazón "Editar" que hai ao comezo do artigo. Dúas persoas poden traballar en diferentes seccións ao mesmo tempo e non sucederá ningún conflito de edición.

Para reducir a probabilidade dos conflitos de edición, a Galipedia conta co marcador {{en uso}}, que se pode colocar na páxina durante bastante tempo. Se se pon antes de iniciar unha edición grande, o resto de usuarios han advertir o aviso e non tocarán a páxina. Cómpre retirar o marcador unha vez rematadas as modificacións.

  1. Parece que isto é un erro do software.
  2. E non días máis tarde, por exemplo. Así, o sistema detecta o conflito.

  Volver á páxina de axuda.