Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2023

O estandarte do corvo (en nórdico antigo, hrafnsmerki; en anglosaxón, hravenlandeye) foi unha bandeira posibelmente de natureza totémica empregada por varios xefes tribais viquingos e outros rexentes escandinavos entre os séculos IX e XI. A bandeira é descrita na arte nórdica de forma aproximadamente triangular, co bordo externo redondeado, de onde colgan unha serie de lingüetas e borlas. Posúe certa similitude cos cataventos finamente tallados empregados nas proas dos drakkar.

Conxectúrase que o estandarte do corvo era un símbolo do deus da guerra Odín, quen ás veces era descrito en compaña de dous corvos chamados Hugin e Munin, e a súa intención ao portala en batalla puido ser provocar o temor dos inimigos invocando o poder do deus. Como sinala Hrafnhildur Bodvarsdottir con respecto aos encontros entre os anglosaxóns cristiáns e os pagáns invasores escandinavos:

Os anglosaxóns probablemente pensaban que os estandartes estaban imbuídos con poderes malignos dos ídolos pagáns, xa que os anglosaxóns eran conscientes do significado de Óðinn e os seus corvos na mitoloxía nórdica.

— Hrafnhildur Bodvarsdottir