Wiglaf de Mercia

rei de Mercia entre 827 e 829 e entre 830 e 839
Non confundir con Wiglaf, rei semi-lendario de Götaland (sucesor de Beowulf)

Wiglaf, finado c. 839, foi un rei de Mercia, reino situado no que hoxe constitúen as actuais Midlands inglesas, que gobernou entre 827 e 829 e desde 830 até a súa morte.

Infotaula de personaWiglaf de Mercia

Editar o valor em Wikidata
Biografía
NacementoI milenio Editar o valor em Wikidata
Morte839 Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaRepton (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Rei de Mercia
830 (Gregoriano) – 839 (Gregoriano)
← Ecgberht de WessexBeorhtwulf de Mercia →
Rei de Mercia
827 – 829
← Ludeca de MerciaEcgberht de Wessex → Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeCyneðryð (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosWigmund de Mercia Editar o valor em Wikidata
PaiBeornwulf de Mercia Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Mercia-113 Find a Grave: 6531618 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

A súa orixe familiar é incerta: os anos 820 foi un período no que houbo conflitos dinásticos no reino de Mercia polo que se descoñece a xenealoxía de varios reis desta época. O seu neto Wigstan foi considerado máis tarde como descendente de Penda de Mercia, polo que é posíbel que á súa vez Wiglaf tamén descendese de Penda, un dos reis de Mercia máis poderosos do século VII.

Wiglaf sucedeu no trono a Ludeca, quen morreu durante unha campaña contra Anglia Oriental. O seu primeiro reinado coincidiu co auxe do reino anglosaxón de Wessex, rival de Mercia, durante o reinado de Ecgbryht. Ecgbryht arrebatou a Wiglaf o trono de Mercia en 829 e gobernou directamente Mercia durante un ano. Wiglaf recuperou o trono en 830, probabelmente pola forza, aínda que poida que Wiglaf se mantivese baixo o señorío de Ecgbryht. Mercia nunca recuperou os reinos surorientais, aínda que Berkshire e talvez Essex volveron estar baixo control mercio. As causas da sorte cambiante de Mercia e Wessex son materias suxeitas á especulación, pero podería ser que o apoio carolinxio influíse no ascenso de Ecgbryht e a posterior recuperación mercia. Aínda que parecía que Wiglaf restaurara a independencia de Mercia, foi por pouco tempo, e a finais do século Mercia foi dividida entre Wessex e os invasores viquingos.

Wiglaf morreu sobre o 839 e probabelmente foi sucedido por Beorhtwulf, aínda que unha tradición rexistra que o seu fillo, Wigmund, reinou durante un breve período. Wiglaf foi enterrado en Repton, preto de Derby.

Contexto histórico editar

 
Mapa onde se mostran os principais reinos de Gran Bretaña sobre o ano 800.

Mercia fora o reino anglosaxón dominante durante a maior parte do século VIII, sendo Offa, morto en 796, o rei máis poderoso do seu tempo.[1] Coenwulf, quen ocupou o trono mercio pouco despois da morte de Offa, foi quen de manter a influencia de Mercia sobre os reinos de Kent, Anglia Oriental e Essex, e frecuentemente realizou incursións alén da muralla de Offa, no territorio de Gales.[2][3] Con todo, a morte de Coenwulf en 821 marcou o inicio dun período no que o mapa político de Inglaterra foi redefinido drasticamente.[4] Aínda que unha fonte do século XI afirma que o fillo de Coenwulf, Cynehelm, sucedeu brevemente ao seu pai no trono, o máis probábel é que quen sucedese a Coenwulf fose o seu irmán. Este reinou tan só dous anos antes de que fose deposto.[5][6]

O seguinte rei, Beornwulf, non era de estirpe real, aínda que se fixeron conxecturas, baseándose na letra B inicial, que estaba relacionado cos posteriores reis Beorhtwulf e Burgred.[7] Probabelmente a derrota do reino de Powys e a destrución do a fortaleza de Deganwy rexistradas na crónica galesa de Brut y Tywysogion en 823 levounas a cabo Beornwulf. Está claro que Mercia era aínda unha potencia militar naquel tempo. Con todo, en 825, Beornwulf foi derrotado por Ecgbryht de Wessex na batalla de Ellandun e morreu ao ano seguinte mentres dirixía unha infrutuosa campaña de invasión de Anglia Oriental. O seu sucesor, Ludeca, de liñaxe descoñecida, tamén invadiu Anglia Oriental, e do mesmo xeito que Beornwulf morreu durante a campaña en 827. Parece ser que estas derrotas próximas no tempo empeoraron as disensións dinásticas na autoridade real mercia. Fóra das fronteiras de Mercia, o reino de Wessex, no sur, era xa un reino poderoso e en expansión cando Wiglaf ascendeu ao trono.[6]

Liñaxe editar

A liñaxe familiar de Wiglaf non se coñece con certeza. Existen dúas teorías principais que sobre a xenealoxía dos reis de Mercia deste período. Unha delas afirma que había dúas liñaxes da familia real que competiron polo trono. Por exemplo, a mediados do século VII, Penda puxo as provincias conquistadas baixo o control de familiares seus. Un wigheard, que asinou uns foros a finais do século VII, era probabelmente un membro da súa liñaxe.[7][8] A outra teoría afirma que un número de grupos de familiares con poderes locais competirían pola sucesión. Os subreinos do Hwicce, o Tomsæche e o non identificado Gaini son exemplos deste tipo de poderes locais. As alianzas matrimoniais tamén puideron xogar o seu papel. Os magnates competidores, chamados nos "foros" dux ou princeps, poderían axudar ao ascenso dos distintos monarcas. Neste modelo, os reis mercios eran pouco máis que líderes da nobreza.[9]

Unha tradición medieval preservada en Evesham[10] recolle que Wigstan, o neto de Wiglaf, era descendente de Coenred, quen á súa vez era neto de Penda. Os avós de Wigstan foron Wiglaf e Coelwulf I; a tradición pode ser interpretada como que Wiglaf descendía de Penda, pero tamén podería ser que fose a esposa de Wiglaf, Cynethryth, quen descendese de Penda.[11] O nome de Cynethryth coñécese grazas a dous foros de Wiglaf datados en 831 e 836, e a historiadora Pauline Stafford anota que o seu nome parece remontarse até a familia de Coenwulf se non a unha liñaxe real anterior, pero como o mesmo Wiglaf, non hai certeza respecto ao coñecido sobre a súa liñaxe.[12][13][14][15] Na medieval Vida de San Wigstan menciónase unha conexión distinta, na que se afirma que as familias "B" e "W", facendo referencia ás iniciais dos nomes, estaban emparentadas.[16]

Os descendentes coñecidos de Wiglaf inclúen ao seu fillo Wigmund e ao seu neto Wigstan, comparten ambos o "Wig-" inicial no seu nome; os nomes familiares aliterativos son frecuentes nas dinastías anglosaxoas e a miúdo significa que pertencían á mesma estirpe real.[11][17] Entre outros posíbeis descendentes de Wiglaf inclúese ao último rei de Mercia, Ceolwulf II.[18] Grazas a "foros" de Mercia de finais do século VIII e principios do IX, coñécense un bo número de duces ou praefecti (ealdorman) con nomes similares, como Wigbald, Wigberht, Wigcga, Wigferth e Wigheard, pero non hai evidencias, á parte da similitude nos nomes, que mostren que estes nobres eran parentes.[19]

Primeiro reinado e derrota fronte a Wessex editar

 
Entrada para o ano 825 no manuscrito [C] da Crónica anglosaxoa, na que se narra o ascenso ao trono de Wiglaf.

A Crónica anglosaxoa cita o ascenso ao trono de Wiglaf na entrada do ano 827 (citado erroneamente baixo o ano 825)[20]. A entrada reza en inglés antigo,

Her Ludecan Myrcna cing 7 his fif ealdormenn mid him man ofsloh, 7 Wiglaf feng to rice[21].
Aquí foi morto Ludeca, rei de Mercia, e os seus cinco ealdormen con el, e Wiglaf accedeu ao trono.

En 829, Ecgbryht de Wessex invadiu Mercia con éxito e depuxo a Wiglaf.[22] A consecuencia inmediata para Mercia da derrota de Beornwulf a mans de Ecgbryht en 825 na batalla de Ellendum fora a perda do control dos reinos surorientais de Kent, Sussex, Essex e Anglia Oriental. As desastrosas expedicións militares contra Anglia Oriental levadas a cabo por Beornwulf e Ludeca en 826 e 827 respectivamente confirmaron a perda do control de Mercia sobre ese reino.[6][23] A vitoria de Ecgbryht sobre Wiglaf en 829 completou o seu dominio sobre o sur inglés, para, a finais do mesmo ano, recibir a submisión de Eanred de Northumbria en Dore, na fronteira setentrional de Mercia.[6][24] Estes acontecementos conduciron ao escriba anónimo da Crónica anglosaxoa a describir a Ecgbryht como o oitavo bretwalda ou "Soberano de Britania".[22]

Ecgbryht mantivo o control sobre Mercia até o ano 830. Mantívose no poder o suficiente tempo como para chegar a emitir moedas (cuñadas en Londres) coa lema "Rex M", referido a "Rex Merciorum", é dicir "Rei de Mercia".[25]

Segundo reinado editar

 
Retrato imaxinario de Ecgberht de Mercia, quen desposuíu a Wiglaf do trono durante un breve período.

Na Crónica aparece que no ano 830, Wiglaf volveu obter o reino de Mercia.[26] Xeralmente, a volta ao trono de Wiglaf foi interpretada polos historiadores como unha indicación do final do señorío de Ecgbryht sobre Mercia.[27] En particular, o historiador Frank Stenton argumentou que debido ás erratas da Crónica, é posíbel que Wiglaf recobrase o reino pola forza e que se Ecgbryht cedese o reino a Wiglaf, isto debería haberse mencionado.[28] Como evidencia de que Wiglaf actuaba como gobernante independente naquel tempo tamén se citan uns foros de 836; estes rexistran un concilio en Croft, en Leicestershire, ao que asistiu o arcebispo de Canterbury e once bispos, entre os que se atopaban algúns dos bispos saxóns occidentais. Wiglaf refírese á asemblea como "os meus bispos, duces e maxistrados", indicando que non só recuperara o control sobre o seu territorio, senón que tiña certo nivel de autoridade sobre a igrexa do sur de Inglaterra.[29] É significativo o feito de que Wiglaf aínda fose capaz de convocar tal grupo de persoas notábeis, os saxóns occidentais, xa que aínda que puidesen facelo, non celebraban tales concilios.[30][31]

Essex, que fora unha dependencia de Mercia, podería volver a estar baixo o dominio mercio: un tal rei Sigeric dos saxóns orientais, descrito como ministro de Wiglaf, aparece como testemuña nuns foros de Hertfordshire nalgún momento entre 829 e 837.[32] Cando aparentemente Ecgbryht perdeu o control da casa da moeda, Londres continuou sendo unha cidade mercia durante todo o segundo reinado de Wiglaf e mesmo despois deste.[29] Parece ser que Berkshire tamén volveu estar baixo control de Mercia, aínda que é posíbel que isto non se producise até despois do reinado de Wiglaf.[6] Talvez máis sorprendente, dado o poderío de Wessex, é o feito de que o territorio ao longo do curso medio de río Támesis que fora o corazón das terras do pobo Gewisse (o precursor do estado saxón occidental no século IX) quedase firmemente en mans de Mercia.[29] No oeste, ou Wiglaf ou o seu sucesor, Beorhtwulf, conseguiron someter aos galeses ao control mercio nalgún momento anterior a 853, cando se rexistra unha rebelión contra Mercia.[6]

Nuns foros de 831 promulgados en Wychbold, preto de Droitwich, Wiglaf declara que se trata de "o primeiro ano do meu segundo reinado"; é significativo que Wiglaf non fixese referencia Ecgbryht nestes foros, manifestando que había un ano que recobrara o poder, e recoñecendo a súa deposición momentánea.[29][33] En Anglia Oriental, o rei Aethelstan cuñou moeda, posibelmente a principios de 827, pero é máis probábel que fose sobre 830, despois de que a influencia de Ecgbryht se vise reducida co retorno de Wiglaf ao trono de Mercia. En parte, esta demostración de independencia de Anglia Oriental non é sorprendente, xa que é probábel que Aethelstan fose o responsábel da derrota e morte de Beornwulf e de Ludeca nas súas respectivas campañas contra Anglia Oriental.[6]

Tanto o repentino aumento de poder de Wessex a finais dos anos 820, como o posterior fracaso en manter a súa posición dominante, foron examinados polos historiadores en busca de causas subxacentes[6]. A razón esgrimida para explicar o colapso de Mercia foi un problema dinástico; sen ningunha dúbida, os anos 820 foron anos de inestabilidade na liñaxe real.[34] A falta de información detallada sobre a administración de Mercia e de Wessex fai que sexa difícil valorar outras teorías: por exemplo, suxeriuse que os saxóns occidentais tiñan un sistema tributario estábel que contribuíu ao seu éxito, ou que a mestura da poboación nativa e saxoa en Wessex, as fronteiras naturais e uns administradores capaces foron factores clave.[6]

Outra explicación que se propuxo para tratar de explicar os acontecementos deses anos é que a fortuna de Wessex dependía en certa medida do apoio carolinxio. As redes comerciais dos francos e os renanos colapsaron nalgún momento dos anos 820 ou 830, e ademais, en febreiro de 830 estalou unha rebelión contra Ludovico Pío, o que sería o primeiro dunha serie de conflitos internos que tiveron lugar nos anos 830 e posteriores. Estas distraccións puideron reducir a capacidade de Ludovico para axudar a Ecgbryht . Segundo esta visión, a retirada do apoio franco tería provocado que Anglia Oriental, Mercia e Wessex atopasen un balance de forzas sen a dependencia de apoio exterior.[6]

Con todo a recuperación de Wiglaf non foi completa. Efectivamente, a influencia de Ecgbryht reduciuse despois do ano 830, pero Mercia nunca logrou recuperar o control do sueste, a excepción posibelmente de Essex; quedando Anglia Oriental como reino independente.[6] Parece ser que Wulfredo, o arcebispo de Canterbury en tempos da vitoria de Ecgbryht , permaneceu leal a Mercia: a súa cuñaxe de moeda finaliza cando empeza a cuñaxe de Ecgbryht en Kent; uns foros de 838 que mostran que Ecgbryht accedía a devolver propiedades á igrexa en Canterbury parecen evidenciar que tomara con anterioridade propiedades da igrexa.[34] Aethelwulf, o fillo de Ecgbryht , foi rei de Kent durante o reinado do seu pai e o seu temor de que Mercia puidese seguir influíndo en Kent podería ser a razón pola que deu propiedades á igrexa de Christ Church en Canterbury.[6]

Moedas e foros editar

As moedas do reinado de Wiglaf son moi raras. Pódese distinguir entre os tipos con retrato ou el; e destas, só dúas moedas sen retrato serían do segundo reinado de Wiglaf. Á parte destas, non hai ningunha outra evidencia de cuñaxe mercia de moedas até o reinado do sucesor de Wiglaf, Beorhtwulf, que empezou ao redor do ano 840.[35] Isto mostraría que Wiglaf permaneceu suxeito ao dominio de Ecgbryht despois do ano 830, aínda que moitos historiadores consideran que Wiglaf recuperaría a súa independencia naquel tempo.[36]

Do reinado de Wiglaf sobreviviron "foros"; estes eran documentos nos que se entregaba terras a seguidores ou membros do clero e eran outorgadas polos reis, quen tiñan o poder de conceder as terras.[37][38] Un dos foros de Wiglaf, nos que se outorgan privilexios ao mosteiro de Hanbury no ano 836 non eximía aos monxes das obrigacións de construír murallas e defensas, indicando a súa preocupación polos asuntos defensivos. Os foros de Wessex non empezaron a mostrar estas exencións até o ano 846. Estas cláusulas explicábanse polo incremento da presenza viquinga en Britania: as incursións viquingas terían empezado polo menos a principios do ano 793, exércitos viquingos chegaron a Kent en 811 e desde 835 as incursións viquingas foron unha preocupación para os reis de Wessex.[39]

Os foros de 836 tamén conteñen unha referencia temperá ao trinoda necessitas, o conxunto de tres obrigacións que os reis da época daban aos seus súbditos. Estas obrigacións consistían na construción de residencias reais, a obrigación de pagar o feorn, un alugueiro en comida, ao rei e prestar hospitalidade aos serventes do rei.[40][41] Os privilexios outorgados eran uns gastos: Wiglaf e un ealdorman recibiron intereses en facendas e outro ealdorman recibiu seiscentos xilins de ouro.[42][43] É talvez notábel que en común con moitos outros foros mercios do século IX, esta é unha concesión de privilexios en lugar de terras: o cronista Beda comentara a principios de século que excesivas concesións de terras aos mosteiros estaban a deixar aos reis sen terras para outorgar á nobreza e os reis de Mercia poderían estar a tomar medidas para paliar este problema.[43]

Sucesión editar

 
Gravado do século XIX que representa a cripta de Renton onde foi enterrado Wiglaf.

En ningunha das fontes primarias se dá directamente a data da morte de Wiglaf, pero esta pode ser determinada da cronoloxía dos seus sucesores. Na Crónica anglosaxoa aparece que Burgred foi expulsado de Mercia polos viquingos no ano 874, tras un reinado de vinte e dous anos, e os foros indican que Burgred ascendeu ao trono na primeira metade de 852. Unha lista real outorga ao seu predecesor, Beorhtwulf, un reinado de trece anos, que é consistente coas datas obtidas dos seus foros. Por tanto parece que o reinado de Wiglaf terminou o ano 839. Unha tradición apunta que a morte de Wigstan se produciu en 849 e apúntase que o pai de Wigstan, Wigmund, o fillo de Wiglaf, podería ser rei, pero esta é a única evidencia de que Wigmund puidese reinar e debe ser tomada con cautela. Non se coñecen as causas do final de Beorhtwulf, pero parece que as tensións dinásticas eran un factor continuo na sucesión mercia, en contraposición a Wessex, onde Ecgbryht estableceu unha dinastía que perdurou con poucos altercados durante todo o século IX.[44]

Wiglaf foi enterrado en Repton, nunha cripta que aínda pode verse.[45] A igrexa do mosteiro que se atopaba no lugar naquel tempo foi construída probabelmente por Aethelbald de Mercia para albergar o mausoleo real; neste lugar tamén foi enterrado Wigstan, o neto de Wiglaf.[46][47][48] A bóveda e as columnas da cripta non son os orixinais e poderían datar do tempo de Wiglaf en lugar do de Aethelbald.[45]

Notas editar

  1. Blair, Roman Britain, páx. 274.
  2. Yorke 1990, p. 121.
  3. Kirby 1992, pp. 187–189.
  4. Kirby 1992, páx. 185.
  5. Para unha relación do mito e os problemas históricos deste, ver a obra de Alan Thacker, "Kings, Saints and Monasteries in Pre-Viking Mercia", en Midland History, 1985, páx. 8.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 Kirby 1992, pp. 189–193.
  7. 7,0 7,1 Por exemplo, Barbara Yorke (1990, páx. 119) considera que esta aliteración podería ser indicativa.
  8. Nome que recibía na Idade Media o arcebispo de Canterbury.
  9. Véxase Keynes, Mercia and Wessex in the Ninth Century, pp. 314-323, en Brown & Farr, Mercia; véxase tamén Williams, Military Institutions and Royal Power, pp. 304–305.
  10. Macray, Chronicon Abbatiae de Evesham, 1863, citado in Kirby1992, p. 191, n. 26.
  11. 11,0 11,1 Kirby 1992, pp. 190–192.
  12. Miller, Sean. "S 188" (en latín/inglés). Anglo-Saxons.net. Consultado o 21 de febreiro de 2008. 
  13. Miller, Sean. "S 190" (en latín/inglés). Anglo-Saxons.net. Consultado o 21 de febreiro de 2008. 
  14. Stafford, Political Women in Mercia, pp. 42–43, en Brown & Farr, Mercia.
  15. Outra Cynethryth foi a nai de Ecgfrith de Mercia, o predecesor de Coenwulf, e esposa de Offa.
  16. Yorke 1990, p. 120.
  17. Por exemplo, Barbara Yorke (1990, páx. 120) trata os elementos "Beorn", "Berht", "Cen", "Ceol", "Cuth" e "Wig" presentes nos nomes.
  18. Walker 2000, p. 208, táboa 1.
  19. Keynes, Mercia and Wessex in the Ninth Century, páx. 319, en Brown & Farr, Mercia.
  20. Hai un erro de dous anos na maioría das entradas desde 754 a 845.
  21. Jebson, Tony (8 de agosto de 2007). "Manuscript C: Cotton Tiberius C.i" (en inglés antigo). The Anglo-Saxon Chronicle: An Electronic Edition (Vol 3) literary edition. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2011. Consultado o 21 de febreiro de 2008. 
  22. 22,0 22,1 Swanton 1996, pp. 60–61.
  23. Yorke 1990, p. 122.
  24. Stenton 1971, p. 95.
  25. Blackburn & Grierson 2006, p. 268.
  26. Swanton 1996, pp. 62–63.
  27. Por exemplo, Blair (Roman Britain, páx. 219) comenta que Mercia recobrou a súa independencia; e Yorke (1990, páx. 122) di que durante o reinado de Wiglaf, Mercia asegurou os seus feudos en Midland.
  28. Stenton, 1996 p. 233f.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 Stenton 1971, pp. 233–234.
  30. Patrick Wormald, "The Age of Offa and Alcuin", páx. 128, en Campbell et al., The Anglo-Saxons.
  31. Patrick Wormald, "The Ninth Century", páx. 138, en Campbell et al., The Anglo-Saxons.
  32. Yorke 1990, p. 51.
  33. Kelly, "Wiglaf" Oxford Dictionary of National Biography.
  34. 34,0 34,1 Patrick Wormald, "The Age of Offa and Alcuin", en Campbell, The Anglo-Saxons, páx. 128.
  35. Blackburn & Grierson, Medieval European Coinage, páx. 292.
  36. Williams, "Mercian Coinage and Authority", pp. 223–224, en Brown & Farr, Mercia; "Military Institutions and Royal Power", pp. 305–306.
  37. Hunter Blair, Roman Britain, pp. 14–15.
  38. Campbel & John & Wormald (1991), pp. 95–98.
  39. Kirby 1992, p. 210.
  40. Stenton 1971, p. 289.
  41. "I will free them from entertainment of king and ealdormen, and from all building of the royal residence, and from that burden which we call in Saxon fæstingmen", é dicir "Disporei libremente deles para o entretemento do rei e os ealdormen, de todos os edificios da residencia real e desa carga que chamamos en saxón fæstingmen, Whitelock, English Historical Documents, páx. 478.
  42. Whitelock, English Historical Documents, páx. 479.
  43. 43,0 43,1 Patrick Wormald, "The Ninth Century", en Campbell, The Anglo-Saxons, pp. 138–139.
  44. Kirby 1992, p. 194.
  45. 45,0 45,1 Patrick Wormald, "The Age of Bede and Æthelbald", en Campbell, The Anglo-Saxons, páx. 95.
  46. Fletcher, Who's Who, pp. 98–100.
  47. Swanton, The Anglo-Saxon Chronicle, pp. 48–49.
  48. Fletcher, Who's Who, páx. 116.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar