Whitehead Institute

O Whitehead Institute for Biomedical Research (en galego: "Instituto Whitehead para a Investigación Biomédica") é unha institución sen ánimo de lucro de investigación e docencia fundada en 1982 e localizada en Cambridge, Massachusetts (Estados Unidos). O instituto Whitehead fundouse como unha entidade autónoma no seo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e os seus 17 membros son, ao mesmo tempo profesores adscritos ao Departamento de Bioloxía do MIT. O Instituto tomou o nome do empresario e filántropo Edwin C. "Jack" Whitehead (c.1920-1992), quen escolleu a David Baltimore (Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1975) como primeiro director-fundador.[1][2]

Whitehead Institute for Biomedical Research
TipoInstituto de investigación en biomedicina, bioloxía molecular e xenética.
Fundación1982
MatrizInstituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT)
LocalizaciónCambridge, Massachusetts Estados Unidos
FundadorEdwin C. "Jack" Whitehead (c. 1920-1992)
Na rede
http://wi.mit.edu/ e https://wi.mit.edu/
editar datos en Wikidata ]

O Whitehead Institute é hoxe un dos centros do mundo máis senlleiros en investigación xenómica. O seu centro de investigación sobre o xenoma foi moi activo dentro do Proxecto Xenoma Humano, e a súa contribución na consecución da secuencia de xenoma humano, anunciada en xuño de 2000, estimouse en arredor dun terzo.[3]

En xuño de 2003, os filántropos Eli e Edythe L. Broad destinaron 100 millóns de dólares para a construción do Instituto Broad, un proxecto conxunto do Instituto Whitehead, o MIT, a Universidade Harvard diversos hospitais universitarios. Esta nova aventura, dirixida polo membro do Whithead Institute Eric Lander, tiña como obxectivo a difusión de ferramentas aplicables pola medicina xenómica no tratamento de doenzas. En 2008, Eric Lander deixou o Whitehead Institute e ambas as institucións pasaron a ser independentes.

Menos dunha década despois da súa fundación, o Instituto Whitehead foi nomeada como a máxima institución investigadora do mundo en bioloxía molecular e xenética, e nestes últimos dez anos os artigos publicados polos científicos do instituto sobre estas materias tiveron máis impacto que os de calquera das 15 principais universidades e institutos de investigación sobre ciencias da vida dos Estados Unidos.[4] O Whitehead Institute foi distinguido catro veces desde 2009 pola revista The Scientist como o mellor lugar para traballar para investigadores posdoutorados nos Estados Unidos.

Entre os investigadores do Whitehead Institute pódnse salientar os receptores da Medalla Nacional de Ciencia dos Estados Unidos nas edicións de 1997, 2010 e 2011, once membros da Academia Nacional de Ciencias, cinco membros do Instituto de Medicina e sete membros da Academia Norteamericana de Artes e Ciencias.[5]

Notas editar

  1. "Edwin C. Whitehead, 72, Dies"; Financed Biomedical Research. The New York Times. 4 de febreiro de 1992.
  2. "About us". Whitehead Institute.
  3. Kumar, Seema. "Whitehead scientists enjoy genome sequence milestone". MIT News on Campus around the World. 12 de xullo de 2000.
  4. "Best Places to Work Pstdocs 2013". The Scientist. 1 de abril de 2013.
  5. "Robert Weinberg to receive National Medal of Science fron President Clinton". Whitehead Institute. 14 de decembro de 1997.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • Sitio web do Instituto Whitehead.
  • Sitio web do Broad Institute of MIT and Harvard.
  • Sitio web do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts.