Wallada bint al-Mustakfi

Poeta andalusí

Wallāda bint al-Mustakfī (en árabe ولادة بنت المستكفي), nada en Córdoba entre 994 e 1010[1] e finada na mesma cidade o 26 de marzo de 1091, foi unha poeta andalusí, filla de Muhammad al-Mustakfī, o efémero undécimo califa de Córdoba.

Infotaula de personaWallada bint al-Mustakfi
Nome orixinal(ar) ولادة بنت المستكفي Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento994 ↔ 1010 Editar o valor em Wikidata
Córdoba (Al-Andalus) Editar o valor em Wikidata
Morte26 de marzo de 1091 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Córdoba (Al-Andalus) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCalifato de Córdoba
República de Córdova (pt) Traducir
Taifa de Sevilla Editar o valor em Wikidata
RelixiónIslam Editar o valor em Wikidata
Cor dos ollosAzul Editar o valor em Wikidata
Cor do peloStrawberry blond hair (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta , escritora Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoPoesía Editar o valor em Wikidata
LinguaÁrabe andalusí Editar o valor em Wikidata
Familia
ParellaAbu-l-Walid Ahmad ibn Zaydun Editar o valor em Wikidata
PaiMuhammad III de Córdoba (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Foi unha muller segura e decidida, cun papel activo na sociedade malia ser unha muller no contexto árabe medieval. Os seus versos dan mostra da súa singularidade, e os motivos presentes neles asócianse á súa historia de amor co poeta Ibn Zaydun.

Traxectoria editar

Wallada bint al-Mustakfi naceu no berce do Califato de Córdoba nun momento de decadencia da Al-Ándalus árabe. Era filla de Muhammad al-Mustakfi, quen se convertería no undécimo califa de Córdoba, e da escrava cristiá Amin'am.

Tras o esplendor da carreira de Almanzor, destacado comandante do exército andalusí e conselleiro da nai do califa (co que tiña unha enorme influencia no califato), este sómese nun período de guerras civís por conflitos na sucesión do poder tras a morte do seu fillo, al-Muzáffar.

O seu pai, Muhámmad al-Mustakfí, accedeu ao poder como Muhammad III o 11 de xaneiro de 1024, tras asasinar ao seu predecesor, Abderramán V. Debido á turbulenta situación do califato, Wallada ostentou o título de princesa por pouco tempo, pois o seu pai foi asasinado menos de dous anos despois en Uclés (Cuenca).

Ao seu pai non ter descendencia masculina, Wallada tivo a oportunidade de cobrar a herdanza do seu pai e afastarse definitivamente da realeza. Ela continuaba solteira e independizouse de toda tutela masculina grazas á herdanza do pai. Abriu un pazo e salón literario onde se dedicou a ensinar poesía e canto tanto a mozas de boa familia como a escravas. Entre as súas alumnas destacou Muhya bint al-Tayyani, de condición moi humilde (filla dun vendedor de figos), a quen acolleu na súa casa. A moza terminou denigrando a Wallada en crueis sátiras.

Ao seu salón tamén acudían poetas e literatos do seu tempo, xunto a personaxes xurídicos prestixiosos quen admiraban o seu xenio e beleza. Entre as súas calidades destacaban atributos físicos (cabelo louro ou roxo, pel clara e ollos azuis), ademais de ser intelixente, culta e orgullosa. Os seus versos bordados nos ombreiros dos seus vestidos e andar pola rúa sen veo testemuñan a súa personalidade altiva. Foi descrita como coqueta e libertina segundo varias fontes:[2]

Por Alá, que merezo calquera grandeza
e sigo con orgullo o meu camiño
Dou gustosa ao meu amante a miña fazula
e dou os meus bicos para quen os queira

No ámbito da poesía era visto con polémica o feito de terminar poemas que non eran da súa autoría e ter batallas de versos en festas con homes nas que reclamaba a mesma posición cá deles. O seu gran namorado foi o poeta Ibn Zaydun, con quen mantivo unha relación secreta por mor da vinculación deste cos Banu Yahwar, liñaxe rival dos Omeias ao que ela pertencía. Sobre esta relación tratan oito dos nove poemas que se conservan dela. Semella que a relación se rompeu polo amorío de Ibn Zaydun cunha escrava negra de Wallada, o que pode ser certo, mais tamén responde a un tópico da poesía da época. O poeta dedicoulle feroces sátiras tras a ruptura.

Malia ser criticada polo seu estilo de vida, Wallada foi tamén admirada e defendida por moitos. Nunca deixou extinguir a súa fortuna e tampouco casou. Ao caer o réxime dos califas e instaurárense os reinos de taifas, foi amparada por dous supostos amantes, o escritor Ibn Hazm e o visir Ibn Abdus. Este último, o seu eterno namorado, ao parecer permaneceu canda ela e protexeuna até a súa morte, xa octoxenaria.

Wallada morreu o 26 de marzo de 1091, o día que os almorábides entraron en Córdoba.

Obra editar

Consérvanse poucas mostras da obra literaria de Wallada fronte ao que se cre que realmente escribiu. O seu xenio creador baséase nunha ampla formación literaria lograda grazas á súa posición na familia do califa. Foi coñecida como a muller máis culta, famosa e escandalosa da Córdoba do seu tempo. Na súa obra demostraba gran artificio e coñecemento das tendencias artísticas da época e era moi admirada a súa capacidade para crear versos.

Os poemas conservados teñen relación directa cos seus amoríos con Ibn Zaydun, que chamaron a atención ao longo do tempo pola romantización que dela se conserva. Segundo a lenda, coñecéronse nunha festa onde estiveron a contestarse versos durante toda a noite. Semella que a rivalidade inicial se transformou en afecto e posteriormente en amor.

Cóntase tamén que Ibn Zaydun lle enviaba a Wallada cartas anónimas con pequenos poemas. Porén, ela estaba tan desconcertada por non coñecer a súa autoría que os ignorou até que por fin recibiu un asinado.[3] O seu amor foi secreto e efémero, e, de feito, un dos poemas de Wallada fala da traizón de Ibn Zaydun. A separación supuxo que este pagase co cárcere a infamia. En canto saíu decidiu buscar a Wallada arrepentido, mais ela nunca máis lle volveu corresponder.

Disque o vían camiñando errante e con olleiras, enfermo de amor. Eran coñecidos os seus poemas, dolorosos e submisos, os cales suplicaban un perdón que nunca se lle concedeu. Consérvase en Córdoba o Monumento aos Namorados, inaugurado en 1971, en lembranza desta coita.

 
Monumento aos Namorados en Córdoba (Andalucía)
Estou feita para a gloria
Estou feita, por Deus, para a gloria,
e camiño, orgullosa, polo meu propio camiño.
Dou poder ao meu amante sobre a miña fazula
e os meus bicos ofrezo a quen os desexa.
 
Cando caia a tarde
Cando caia a tarde, espera a miña visita,
pois vexo que a noite é quen mellor encobre os segredos;
sinto tal amor por ti que se os astros sentisen
non brillaría o sol, nin a lúa sairía,
nin as estrelas emprenderían a súa nocturna viaxe.
 

Referencias contemporáneas editar

Moitos xornais do século XIX continuaban a mostrar a Wallada a Omeia como unha muller independente libre cuxos poemas seguían a ter relevancia na época. Algúns deles falaban, amais, do seu romance con Ibn Zaydun.

  • O número 30 do Semanario Pintoresco Español, lanzado o 7 de xullo de 1856, dedicoulles unha páxina a Wallada e o seu amante.[4]
  • O Álbum de señoritas y correo de la moda dedicou parte do número 308, publicado o 31 de maio de 1859, a falar sobre «Amantes célebres entre los árabes», e cataloga a Wallada como «a muller pola que existe a obra de Ibn Zaydún».[5]
  • O semanario La América mencionou a Wallada no peche do artigo sobre poetas andaluces o 24 de setembro de 1859.[6] O mesmo periódico publicou o mes seguinte o artigo «La edad de oro en la poesía árabe», que trata a poesía de Ibn Zaydun e menciona a Wallada como o seu eixo central.[7]

Outros semanarios como El contemporáneo (1861)[8], La Ciencia Cristiana (1877)[9] e El siglo futuro (1876)[10] sinalan a Wallada como unha das poetas máis influentes da lírica árabe. Estas publicacións visibilizaron a importancia da poeta na literatura hispano-árabe.

Recoñecementos editar

En 2000 publícase a súa primeira biografía, Wallada, la última luna, de Matilde Cabello.

O 15 de xullo de 2004 estreouse no Festival de la Guitarra de Córdoba Wallada (El sueño de un poeta cordobés), un musical de rock sinfónico andaluz.[11]

En febreiro de 2008 o grupo musical Saurom lanza unha canción e videoclip sobre a historia da poeta, «Wallada la Omeya», incluída no álbum Once Romances desde Al-Andalus.

En xullo de 2018 a asociación “Herstóricas. Historia, Mujeres y Género” e o colectivo “Autoras de Cómic” crearon un proxecto de carácter cultural e educativo para visibilizaren a achega histórica das mulleres na sociedade e reflexionar sobre a súa ausencia. Este proxecto consistía nun xogo de cartas, unha das cales estaba dedicada a Wallada.[12][13]

Notas editar

  1. Garulo, Teresa. "Wallada bint al-Mustakfi". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2023. 
  2. Jiménez Losantos, Federico (24 de xaneiro de 1999). "WALLADA: Una mujer fatal del siglo XI". Segunda República (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2023. 
  3. Fayanás, Edmundo (13 de novembro de 2017). "Wallada bint al-Mustakfi, la poetisa andalusí". Nueva Tribuna (en castelán). Consultado o 25 de xaneiro de 2023. 
  4. Simonet, J. Javier (27 de xullo de 1856). "MEDINA AZZAHRA". Semanario Pintoresco Español (en castelán) (30) (Madrid). pp. 237–239. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  5. Simonet, F. J. (31 de maio de 1859). "AMANTES CÉLEBRES ENTRE LOS ÁRABES. EBN ZEIDUN.". Álbum de señoritas y Correo de la moda (en castelán) (308) (Madrid). pp. 157–158. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  6. Simonet, Francisco Javier (24 de setembro de 1859). "EDAD DE ORO DE LA LITERATURA ÁRABE EN ESPAÑA". La América (en castelán) (1857) (Madrid). pp. 8–9. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  7. Simonet, Francisco Javier (8 de outubro de 1859). "EDAD DE ORO DE LA LITERATURA ÁRABE EN ESPAÑA". La América (en castelán) (1857) (Madrid). pp. 11–12. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  8. "VARIEDADES". El Contemporáneo (en castelán) (114) (Madrid). 5 de maio de 1861. p. 3. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  9. "LA MUJER ARÁBIGO-HISPANA". La Ciencia cristiana (en castelán) (2) (Madrid). 1877. pp. 413–433. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  10. "LA MUJER ARÁBIGO-HISPANA". El Siglo futuro (en castelán) (90) (Madrid). 19 de abril de 1876. p. 1. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  11. "Wallada El Sueño de un Poeta Cordobes" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2009. Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  12. "Participa en el Crowdfunding "Herstóricas Pioneras" en Verkami". Verkami (en castelán). Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 
  13. Pérez, Susana (8 de marzo de 2019). "Paseos urbanos con historia y mirada feminista". Madridiario (en castelán). Consultado o 26 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar