Wikipedia:Material ofensivo

(Redirección desde «Wikipedia:MO»)

O propósito enciclopédico da Wikipedia abrangue a inclusión de material que pode resultar ofensivo para certos lectores, xa que a Wikipedia non está censurada. Porén, as verbas e imaxes potencialmente ofensivas non deben incluírse nos artigos agás que sexan tratadas de forma enciclopédica. Calquera material que poida ser considerado coma vulgar ou obsceno por parte do lector típico da Wikipedia[n 1] deberá empregarse só cando a súa omisión resulte na perda de información, relevancia ou precisión do artigo.

Como tratar o material potencialmente ofensivo nos artigos editar

Dentro dos artigos, as vulgaridades ou obscenidades deben amosarse ou ben tal e coma son na súa totalidade e propósito educativo e informativo, ou ben non incluírse en absoluto. As alteracións ou modificacións para suavizar un contido potencialmente ofensivo non deben realizarse. As verbas ofensivas incluídas desta forma nunca deben censurarse substituíndo certas letras por símbolos de tipo "-" ou "*". Porén, nas citas textuais si é aceptable o uso de [sic] para indicar a orixe de certas verbas ou vulgaridades.

As discusións sobre as inclusións de materiais visuais ou textuais explícitos ou potencialmente ofensivos poden tender a resultar conflitivas e deben tratarse con precaución. Coma en calquera outra conversa na Wikipedia, é importante manter o civismo e asumir a boa fe. Etiquetar contido con termos do tipo "pornografía" ou respostas que indiquen intencións de "censura" tenden a axitar a propia conversa e desviala do seu obxectivo de acadar un consenso.

Non deben incluírse no propio artigo advertencias de contido que indiquen que os artigos poden conter material (visual ou textual) potencialmente ofensivo. Tódolos artigos están cubertos polos termos indicados no Aviso de contido.

"Non censurada" non favorece especialmente ao contido ofensivo editar

A Wikipedia non está censurada, polo que os editores da mesma non deben eliminar material soamente por ser ofensivo, desagradable ou considerado non apropiado para certos lectores. Non obstante, isto non significa que a Wikipedia deba incluír material simplemente polo feito de ser ofensivo, nin que dito material se exclúa do resto de normas habituais en relación ao contido, coma por exemplo a neutralidade e a verificabilidade.

En especial, con respecto ás imaxes, os editores frecuentemente teñen que escoller entre alternativas con distintos graos de potencial "ofensa". Cando existan múltiples opcións igual de efectivas para amosar un determinado concepto, as opcións máis ofensivas non deben empregarse só por "alardear" de ser ofensivas. As imaxes que conteñan material ofensivo superfluo, innecesario, irrelevante ou gratuíto non se prefiren sobre as que non resultan tan ofensivas só por ir contra-censura. No seu lugar, as imaxes deben xulgarse soamente baixo as políticas habituais de relevancia e neutralidade.

Seguindo as indicacións da Fundación Wikimedia, as imaxes controvertidas deben seguir o principio de "mínimo asombro": debe prevalecer a escolla de imaxes que respecten as expectacións convencionais dos lectores para un determinado tema, tanto coma sexa posible sen chegar a sacrificar a calidade do propio artigo.

Por exemplo, os editores que escollan imaxes para artigos coma corpo humano teñen miles de imaxes de corpos nus e partes corporais dispoñibles, pero adoitan escoller imaxes que amosan o corpo humano dunha forma non-emocional, en posicións anatómicas estándar e non-sexuais, por riba doutras imaxes que poden resultar máis ofensivas pero menos informativas. Seguindo este exemplo, as imaxes con connotacións máis sexuais non se favorecen simplemente por ser máis ofensivas, senón que se escolle a imaxe máis neutral e informativa posible, aínda que esa mesma imaxe tamén poida resultar ofensiva para determinados lectores.

  1. A denominación "lector típico da Wikipedia" defínese aquí coma a xeralidade das convencións culturais e morais da maioría dos lectores da Wikipedia, non só dos editores habituais. A definición exacta deste punto de vista é variable e require consenso e un amplo espectro de conversa, xa que a visión cultural pode diferir amplamente segundo diversas circunstancias.

Véxase tamén editar