Voo 800 de TWA
O voo 800 de TWA (TWA 800) foi un Boeing 747-100 que estoupou e se esnafrou no océano Atlántico preto de East Moriches, Nova York, o día 17 de xullo de 1996 sobre as 8:31 horas EDT, 12 minutos despois de engalar no Aeroporto Internacional John F. Kennedy nun voo regular a Roma cunha escala en París.[1] As 230 persoas a bordo do avión morreron, sendo o terceiro accidente aéreo con máis mortes en territorio estadounidense.
Voo 800 de TWA | |
---|---|
Fuselaxe reconstruída do TWA 800
| |
Resumo | |
Data | 17 de xullo de 1996 |
Causa | Estoupido dun tanque de combustible |
Lugar | Moriches Inlet |
Coordenadas | |
Finados | 230 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747-131 |
Operador | Trans World Airlines |
Rexistro | N93119 |
Pasaxeiros | 212 |
Tripulación | 18 |
Superviventes | 0 |
Investigadores da Xunta Nacional de Seguridad do Transporte (NTSB) viaxaron ao lugar do accidente, a onde chegaron a mañá seguinte.[1] Inicialmente houbo moitas especulacións sobre se o accidente fora un ataque terrorista.[2][3][4] Debido a isto, o Federal Bureau of Investigation (FBI) iniciou unha investigación criminal paralela.[5] 16 meses despois, o FBI anunciou que non atopara ningunha proba dun acto criminal e pechou a súa investigación.[6]
A investigación de catro anos da NTSB rematou coa aprobación do informe do accidente o 23 de agosto de 2000. A conclusión do informe indica que a causa probable do accidente foi o estoupido de vapores de combustible/aire inflamables nun dos tanques de combustible, e aínda que non se puido determinar con certeza, a causa máis probable dese estoupido foi un curtocircuíto.[1] Como resultado da investigación desenvolvéronse novos requisitos para evitar futuros estoupidos nos tanques de combustible.[7]
Existen teorías da conspiración sobre o voo 800 de TWA, as máis frecuentes son as que falan dun ataque terrorista cun mísil ou dun lanzamento accidental dende un buque da Armada estadounidense, e que é un tema que o Goberno está encubrindo.[8][9] Porén, o gravador de voces da cabina non rexistrou ningún estoupido exterior antes de que se cortase a potencia pola explosión no tanque de combustible.
Accidente
editarO avión do accidente, un Boeing 747-131 con rexistro N93119, fora fabricado por Boeing en xullo de 1971; fora pedido por Eastern Air Lines, pero despois de que a aeroliña cancelase o seu pedido de 747 o avión foi mercado por TWA. O aparello completara 16 869 voos con 93 303 horas de operación.[1] O día do accidente o avión saíu de Atenas como o voo 881 de TWA e chegou ao Aeroporto Internacional John F. Kennedy sobre as 4:38 pm. O avión recargou combustible e cambiou a tripulación; os novos tripulantes eran o capitán de 58 anos Ralph G. Kevorkian, o capitán de 57 anos Steven E. Snyder e o enxeñeiro de voo de 63 anos Richard G. Campbell (todos eles con moita experiencia en TWA), ademais do enxeñeiro de voo de 25 anos en proceso de adestramento Oliver Krick.[1][10][11]
O persoal de mantemento en terra bloqueou a reversa do motor 3 (tratado como un elemento da lista de mínimos) debido a problemas técnicos cos sensores de reversa durante a aterraxe do TWA 881 no JFK, antes da saída do voo 800. Ademais, substituíronse varios cables da reversa do motor 3. Durante a repostaxe, o control de apagado volumétrico (VSO) crese que se disparou antes de que os tanques estivesen cheos. Para continuar a repostaxe a presión, un mecánico de TWA invalidou o VSO automático tirando do fusible volumétrico e dun disruptor de desbordamento. Os rexistros de mantemento indican que o avión tiña numerosos informes relacionados co VSO nas semas previas ao accidente.[1]
O TWA 800 foi programado para deixar o aeroporto JFK cara París ao redor das 7:00 pm, pero o voo atrasouse ata as 8:02 pm por unha peza do equipo de terra incapacitada e unha incompatibilidade pasaxeiro/equipaxe.[1] Despois de que se confirmase que o dono da equipaxe en cuestión estaba a bordo a tripulación preparouse para saír e o avión fixo pushback dende a porta 27 do TWA Flight Center. A rodaxe e a engalaxe realizáronse con normalidade.
Posteriormente o TWA 800 recibiu unha serie de cambios de rumbo e en xeral se lle asignaron incrementos de altitude ata subir ata a súa altura de cruceiro prevista.[1] O tempo na área era de ventos lixeiros con nubes dispersas e as condicións de luz eran as do solpor.[1] A derradeira transmisión de radio dende o avión foi ás 8:30 pm, cando a tripulación de voo recibiu e despois recoñeceu as instrucións dende o centro de control aéreo de Boston para subir ata os 15 000 pés (4 600 m).[12] Os últimos datos do transpondedor do avión graváronse polo radar da Federal Aviation Administration (FAA) en Trevose, Pennsilvania ás 8:31:12 pm.[1]
38 segundos despois o capitán dun Boeing 737 de Eastwind Airlines informou ao centro de control de Coston que acababa de ver un estoupido no aire, a uns 16 000 pés, e que caeu cara a auga. Posteriormente, moitas instalacións de control de tráfico aéreo na zona de Nova York recibiron informes dun estoupido de parte doutros pilotos que operaban na zona. Moitas testemuñas na área do accidente dixeron que viran ou escoitaran estoupidos, acompañados por unha ou varias grandes bolas de lume sobre o océano, e observaron cascallos, algúns dos cales estaban ardendo mentres caían.[1]
Varios barcos civís, militares e da policía chegaron á zona do accidente e comezaron a buscar superviventes aos poucos minutos do primeiro impacto coa auga, pero non atoparon ningún,[1] facendo do TWA 800 o segundo peor accidente de aviación nos Estados Unidos nese tempo.[13]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 NTSB (ed.). "Informe oficial do accidente" (PDF). Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "What happened to Flight 800?". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2024. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ The New York Times (ed.). "Investigators Focus Closely on Terrorism As Cause of Explosion : Chemicals Found on Jet Victims, U.S. Reports". Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ Time (ed.). "Terror on Flight 800: Who wishes us ill?". Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "Aviation and criminal experts probe TWA crash". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2024. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "FBI: No criminal evidence behind TWA 800 crash". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2024. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ CIA (ed.). "A Look Back … The Crash of TWA Flight 800". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2011. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ The New York Times (ed.). "Conspiracy Theories Rife On Demise of Flight 800". Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ CNN (ed.). "'Pierre Salinger Syndrome' and the TWA 800 conspiracies". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 29 de xaneiro de 2017.
- ↑ TWA (ed.). "Listaxe de pasaxeiros do voo 800". Archived from the original on 28 de setembro de 2012. Consultado o 23 de agosto de 2017.
- ↑ Daily News (ed.). "Doomed crewmen called hardy". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2016. Consultado o 23 de agosto de 2017.
- ↑ NTSB (ed.). "Group Chairman's Factual Report of Investigation – Cockpit Voice Recorder" (PDF). Archived from the original on 14 de xuño de 2007. Consultado o 23 de agosto de 2017.
- ↑ Flight Safety Foundation (ed.). "ASN Aircraft accident Boeing 747-131 N93119 East Moriches, NY". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de agosto de 2017.