Voo 605 de Indian Airlines

O voo 605 de Indian Airlines era un servizo regular doméstico de pasaxeiros dende Bombai ata Bangalore. O 14 de febreiro de 1990 o Airbus A320-231 con rexistro VT-EPN que operaba a ruta esnafrouse nun campo de golf mentres intentaba aterrar en Bangalore, matando 92 dos seus 146 ocupantes.

Voo 605 de Indian Airlines
Airbus A320 semellante ao do accidente
Resumo
Data  14 de febreiro de 1990
Causa  erro do piloto, fallos
de deseño do avión e
automatización
Lugar  val de Challaghatta próximo aeroporto HAL
Coordenadas  Coordenadas: 12°56′53″N 77°38′52″L / 12.948055555556, 77.647777777778
Orixe  aeroporto Chhatrapati Shivaji
Destino  aeroporto HAL
Finados  92
Feridos  54
Aeronave
Tipo de aeronave Airbus A320-231
Operador  Indian Airlines
Rexistro  VT-EPN
Pasaxeiros  139
Tripulación  7
Superviventes  54

O voo 605 foi o oitavo accidente con máis vítimas mortais na India. O accidente causou a segunda perda e accidente fatal dun Airbus A320, despois do voo 296 de Air France.[1]

Segundo o informe publicado polo equipo de investigación indio, a causa probable determinouse que foi a incapacidade dos pilotos para avanzar os aceleradores, incluso despois dos avisos de altitude de "400", "300" e "200" pés durante o descenso.[1] O informe dixo que a tripulación do voo 605 non era consciente da situación e do perigo que estaban enfrontando no momento, provocando unha reacción tardía durante o descenso.[1]

Tras o accidente o comité de investigación indio publicou 62 recomendacións para a Dirección Xeral de Aviación Civil india (DGCA), incluíndo o rexistro das horas nas cintas do control de tráfico aéreo e a formación de varios comités de investigación especializados en varios temas operacionais da aviación. Incluídas nas recomendacións estaba a adición dunha sirena de accidentes en Bangalore, a avaliación da porta de evacuación e as ramplas nos Airbus, e un cambio de deseño no botón dos instrumentos. O informe tamén instou o goberno a avaliar todos os aeroportos da India para evitar incidentes semellantes.[2]

O accidente xerou críticas na Asociación de Pilotos Comerciais india que afirmaba que o Airbus A320 tiña fallos graves. Alegaron que os sistemas do avión eran demasiado confusos e que a tripulación do voo 605 se esforzou por evitar o accidente.[2]

Voo editar

Engalaxe e aproximación editar

O voo 605 engalou do aeroporto de Bombai ás 11:58 hora local tras unha hora de atraso. Antes disto, o avión fora usado noutros dous voo o mesmo día do accidente, operando como voo 669 e voo 670, voando de Bombai a Goa e regresando. O aparello era un Airbus A320-231 con rexistro VT-EPN, que levaba 139 pasaxeiros e 7 tripulantes. A engalaxe e o voo foron normais.[2]

Ás 12:53 hora local, a trama de radar do voo 605 apareceu no radar de Bangalore. Entón solicitóuselle que virase á dereita e fixese unha aproximación visual á pista 09. A tripulación desactivou o piloto automático e despois cambiou á torre de Bangalore tras ser transferidos polo radar de Bangalore.[2]

Accidente editar

Mentres o voo 605 estaba intentando aterrar o tren de aterraxe tocou terra no Karnataka Golf Club, a uns 2 800 pés do aeroporto. A meirande parte da xente no avión, incluídos algúns tripulantes, pensaron que o avión tocara na pista. O voo 605 entón ascendeu, pero despois impactou contra o chan por segunda vez. O impacto causou que os cintos de seguridade de varias persoas rompesen, facendo que fosen proxectadas dos asentos e golpeasen o chan do avión. O voo 605 golpeou un terraplén. Os dous motores e o tren de aterraxe separáronse do avión. O aparello voou sobre unha estrada e esnafrouse nunha área de herba e rochas preto do aeroporto.[2]

Busca e rescate editar

Tras o accidente iniciouse un incendio e os superviventes comezaron a escapar dos restos ardendo. Varias persoas conseguiron saír do avión por unha abertura na fuselaxe. Os tripulantes de cabina que sobreviviron abriron a porta de emerxencia e comezaron a evacuar os pasaxeiros. No accidente morreron polo menos 92 persoas, 88 pasaxeiros e 4 tripulantes, mentres que 54 sobreviviron con feridas. 2 persoas morreron polas súas feridas tras o accidente.[2]

Segundo testemuñas, non chegaron brigadas de bombeiros ao lugar do accidente xa que non había instalacións para comunicarse entre a torre e os vehículos de bombeiros. Había dispoñible un transmisor de radio portátil para as comunicacións entre a torre e a estación de bombeiros do aeroporto, pero ese día non estaba operativo.[2]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Airbus A320-231 VT-EPN Bangalore-Hindustan Airport (BLR)". aviation-safety.net. Consultado o 2018-12-30. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Informe do accidente" (PDF). Archived from the original on 22 de decembro de 2016. Consultado o 2018-12-30.