Voo 1285 de Arrow Air

O voo 1285 de Arrow Air foi un avión McDonnell Douglas DC-8 operado nun voo chárter internacional que levaba tropas estadounidenses do Cairo á súa base en Fort Campbell, Kentucky, e facendo escalas en Colonia, Alemaña e Gander, Canadá.[1]

Voo 1285 de Arrow Air
Restos do avión nun hangar en Gander.
Resumo
Data  12 de decembro de 1985
Causa  formación de xeo xunto
cun cálculo errado de
peso e velocidade
(un informe menor
apunta a un estoupido)
Lugar  Gander, Canadá
Coordenadas  Coordenadas: 48°54′43″N 54°34′27″O / 48.911944444444, -54.574166666667
Orixe  O Cairo
Derradeira escala  Gander
Destino  Fort Campbell, Kentucky
Finados  256 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell Douglas DC-8
Operador  Arrow Air
Rexistro  N950JW
Pasaxeiros  248
Tripulación  8
Superviventes  0

Na mañá do xoves 12 de decembro de 1985, pouco despois de engalar en Gander de camiño a Fort Campbell, o avión entrou en perda, estrelouse e ardeu a media milla da pista de aterraxe matando os 248 pasaxeiros e 8 tripulantes a bordo.[2] Trátase do accidente aéreo con máis mortos en chan canadense e o segundo peor dun DC-8,[3] tras o accidente do voo 2120 de Nigeria Airways seis anos despois.

O accidente foi investigado pola Xunta Canadense de Seguridade (CASB) que determinou que a causa probable do mesmo foi a resistencia inesperadamente alta e redución de sustentacón, probablemente debido a contaminación por xeo nos bordos de ataque dianteiros e a superficie superior das ás, ademais dun peso subestimado do avión.[4] Un informe menor afirmou que o accidente podería ter sido causado por un estoupido a bordo de orixe descoñecida antes do impacto.[5]

Accidente

editar

O avión, un McDonnell Douglas DC-8-63CF, fora fretado para transportar persoal do exército estadounidense, todos membos da 101ª División Aerotransportada, de volta á súa base en Fort Campbell, Kentucky. Os soldados completaran un despregue de seis meses no Sinaí, nunha misión da Forza Multinacional de Paz e Observadores.[3] O DC-8 implicado no accidente, con rexistro N950JW, fora construído en 1969, e fora arrendado a Arrow Air pola súa compañía nai International Air Leases.[4]

O voo fíxose en tres partes, con paradas para recargar en Colonia e Gander.[4] O avión deixou O Cairo ás 20:35 UTC do mércores 11 de decembro de 1985, e chegou a Colonia o xoves 12 de decembro ás 01:21 UTC.

Antes de saír cara Gander ás 02:50 UTC embarcou unha nova tripulación formada polo capitán John Griffin, o primeiro oficial John Connelly e o enxeñeiro de voo Michael Fowler.[4] O avión chegou ao aeroporto de Gander ás 09:04, onde os pasaxeiros saíron do aparello mentres era recargado. Testemuñas informaron que o enxeñeiro de voo realizou unha inspección externa da aeronave, despois da cal os pasaxeiros volveron subir.[4]

O DC-8 comezou a súa carreira de engalaxe na pista 22 dende a intersección da pista 13 ás 10:15 UTC (06:45 NST). O avión rotou preto da pista de rodadura A, 51 segundos despois de soltar os freos, a unha velocidade duns 167 KIAS.[4] Testemuñas informaron que o avión tivo dificultades para gañar altitude tras a rotación. Xa no aire o avión chegou aos 172 KIAS e comezou a decrecer novamente, causando que o DC-8 descendese. Tras cruzar a autoestrada Trans-Canada, situada a uns 270 metros do final da pista 22, a moi pouca altura, a inclinación da aeronave incrementouse e continuou descendendo.[4]

Condutores na autoestrada dixeron que viron un resplandor brillante saíndo do avión antes de que se esnafrase xusto antes do lago Gander, a uns 1 100 metros do final da pista.[4] O avión rompeu. golpeou un edificio baleiro[4] e estoupou; isto iniciou un grave incendio debido á gran cantidade de combustible que o avión tiña para o voo. Os 248 pasaxeiros e 8 tripulantes morreron.[4][3]

  1. The Citizen (ed.). "258 killed in Gander plane crash". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  2. Montreal Gazette (ed.). "Terror bomb ruled out in Canada's worst crash". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Aviation Safety Network (ed.). "Descrición do accidente". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 "CASB Majority Report". Consultado o 28 de xaneiro de 2017. 
  5. "CASB Minority Report". Consultado o 28 de xaneiro de 2017.