Vladimir Kirilovich de Rusia

Vladimir Kirilovich de Rusia (en ruso: Влади́мир Кири́ллович), nado en Porvoo, Finlandia o 17 de agosto de 1917 e finado en Miami o 21 de abril de 1992, foi un pretendente ao trono de Rusia desde 1938 ata a súa morte.

Vladimir Kirilovich Romanov
Gran Duque de Rusia
Vladimir Kirilovich

Nacemento17 de agosto de 1917
Porvoo, Gran Ducado de Finlandia
Falecemento21 de abril de 1992
Miami, Estados Unidos de América Estados Unidos
Casa realRomanov
ProxenitoresCirilo Vladimirovich
Vitoria Melita de Saxonia-Coburgo-Gotha

Na rede
IMDB: nm4650521 WikiTree: Romanov-75 Find a Grave: 15993577 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

Nado como príncipe Vladimir Kirilovich de Rusia, en Porvoo no Gran Ducado de Finlandia, foi o único fillo do Gran Duque Cirilo Vladimirovich e a Gran Duquesa Vitoria Feodorovna. Os seus avós paternos eran o Gran Duque Vladimir Aleksandrovich e a Gran Duquesa María Pavlovna. Os seus avós maternos eran o Duque Alfredo de Saxonia-Coburgo-Gota e a Gran Duquesa María Aleksandrovna de Rusia.

A familia de Vladimir fuxira para a Finlandia despois da Revolución Rusa de 1917. Abandonaron Finlandia en 1920, cando se mudaron para Coburgo, en Alemaña. O 8 de agosto de 1922, o pai de Vladimir auto-declarouse curador do trono ruso. Dous anos despois, o 31 de agosto de 1924, o seu pai deu un paso máis lonxe e asumiu o título de "Tsar e Autócrata de Todas as Rusias.[1] Coa asunción do título imperial, Vladimir pasou a ser tsarévich e Gran Duque co estilo de "Alteza Imperial". En 1930, a súa familia deixou a Alemaña para vivir en Saint-Briac, na Francia onde o seu pai montou a corte.[2]

Na década de 1930, Vladimir viviu por algún tempo en Inglaterra mentres estudaba na Universidade de Londres[2] e traballaba na fábrica de equipamento agrícola Blackstone en Lincolnshire. Máis tarde regresou á Francia, mudándose para a Bretaña onde afincouse.[3]

Segunda guerra mundial editar

Coa morte do seu pai en 1938, Vladimir asumiu a xefatura da Familia Imperial rusa.[1] Ese mesmo ano, houbo suxestións de que el fose o rexente de Ucraína, mais rexeitou a idea, afirmando que nunca axudaría á disolver Rusia.[3]

Durante a segunda guerra mundial, Vladimir viviu en Saint-Briac-sur-Mer. En 1942 tanto el como a súa comitiva foron colocados nun campo de concentración en Compiègne despois de rexeitar escribir un manifesto onde incentivase aos refuxiados rusos a apoiar aos nazis contra a Unión Soviética.[3]

En 1994, o exército alemán trasladou a familia ao continente por temor a unha invasión costeira. Os alemáns estaban trasladándoos a París cando xurdiu unha orde de levalos a Wittel. Porén, Wittel demostrou ser pouco seguro, e foron trasladados á mesma Alemaña. Vladimir viviu nun castelo pertencente ao marido da súa irmá María Kirilovna, en Amorbach, Baviera ata 1945. Logo da derrota de Alemaña, Vladimir rexeitou seguir vivindo no país por temor a caer en mans dos soviéticos. Vladimir trasladouse a Austria, preto da fronteira con Liechtenstein. Máis tarde tratou de moverse xunto ao exército do xeneral Smyslovsky para cruzar a fronteira, pero nin en Liechtenstein nin en Suíza permitíronlle a entrada, tendo que permanecer na zona americana de Austria.

A súa tía materna, a infanta Beatriz de Saxonia-Coburgo-Gota, conseguiulle finalmente un visado español co que puido establecerse con ela en Sanlúcar de Barrameda.

Posguerra e matrimonio editar

Vladimir casou coa princesa Leonida Georgievna Bagration-Moukhransky o 13 de agosto de 1948 en Lausanne, Suíza. As leis paulinas que rexían á Familia Imperial ditaban que os fillos resultantes dun matrimonio entre iguais, é dicir, entre unha princesa proveniente dunha casa real do mesmo tipo que os Romanov, podían ser incluídos na liña de sucesión. A pesar de que a dinastía de Leonida, os Bagration, fora unha casa reinante en Xeorxia desde a Idade Media, os seus representantes non tiñan un trono desde 1505, ano no que pasaron a ser unha familia máis da nobreza rusa. Xurdiron entón algunhas controversias sobre a cuestión se o matrimonio de Vladimir foi igualitario e, polo tanto, se os seus dereitos pasaron á súa filla María ou a outra rama da familia, trala súa morte.[4] O estatuto real da Casa de Bragation foi recoñecido permanentemente por Rusia no Tratado de Georgievsk de 1783 e confirmado por un decreto de 1946 do propio Vladimir como xefe da Casa Imperial.[4]

Os xefes das outras ramas da familia, o príncipe Vsevolod Ivanovich, Roman Petrovich e Andrés Aleksandrovich escribíronlle a Vladimir en 1969 para informalo de que o seu matrimonio era desigual e a que a súa esposa non tiña orixes máis nobres que os doutras esposas de príncipes Romanov.[5]

En 1952, Vladimir apelou ás potencias occidentais para entrar nunha guerra contra a Unión Soviética. O 23 de decembro de 1969 escribiu un decreto polo que, na súa eventual morte, a súa filla sería a curadora do trono imperial.[6] Isto foi visto como unha tentativa de asegurar que o trono permanecía na súa rama da familia, acto que as outras ramas consideraron ilegal.[5]

A súa primeira, e única, visita a Rusia tivo lugar en novembro de 1991, pouco antes da caída do réxime soviético, cando foi convidado polo presidente da Cámara de San Petersburgo, Anatoly Sobchak.[3]

Distincións honoríficas editar

Rusas
  •   Gran mestre da Orde de San Andrés.
  •   Gran mestre da Orde de Santa Catalina.
  •   Gran mestre da Orde de San Alexandre Nevski.
  •   Gran mestre da Orde de Santa Ana.
  •   Gran mestre da Orde de Santo Estanislau.
Estranxeiras
  •   Cabaleiro gran cruz da Real Orde Vitoriana (Reino Unido).
  •   Bailío gran cruz de honra e devoción da Orde de Malta.
  •   Cabaleiro gran colar da Orde da Aguia de Xeorxia (Casa de Bagration).[7]
  •   Senador da Orde da Santa Raíña Tamara (Casa de Bagration).
  •   Cabaleiro da Suprema Orde da Santísima Anunciación (orde dinástica da Casa de Savoia, 1976).
  •   Cabaleiro gran cruz da Orde dos Santos Mauricio e Lázaro (orde dinástica da Casa de Savoia, 1976).
  •   Cabaleiro gran cruz da Orde da Coroa de Italia (orde dinástica da Casa de Savoia, 1976).

Devanceiros editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Almanach de Gotha, ed. (1998). Almanach de Gotha (182º ed.). p. 214. 
  2. 2,0 2,1 New York Times, ed. (13 de outubro de 1938). "Grand Duke Cyril Dies In Paris Exile": 23. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Hevesi, Dennis (22 de abril de 1992). New York Times, ed. "Grand Duke Vladimir Dies at 74; Pretender to the Throne of Russia". Consultado o 1 de agosto de 2008. 
  4. 4,0 4,1 Eilers, Marlene. Queen Victoria's Descendants. Rosvall Royal Books, Falkoping, Sweden, 1997. pp.82–83. ISBN 91-630-5964-9
  5. 5,0 5,1 Massie p 269
  6. imperialhouse.ru (ed.). "Maria I Wladimirovna". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2008. Consultado o 11 de agosto de 2008. 
  7. "Casa Real de Xeorxia". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 04 de febreiro de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar