A Vixilia Pascual é unha celebración litúrxica que conmemora a Resurrección de Xesús e ten lugar na madrugada do Sábado Santo ao Domingo de Pascua. É a celebración máis importante do ano na maioría das confesións cristiás, e en todas elas ten un ritual moi semellante que inclúe os símbolos da luz e a auga, dado que na antigüidade os neófitos recibían o bautismo neste acto.

O Cirio Pascual acéndese este día por primeira vez, ademais de renovar as promesas bautismais xunto á pila

Liturxia católica editar

Na Vixilia Pascual, a Igrexa católica celebra unha liturxia especial, na que os sacerdotes e diáconos están revestidos de ornamentos brancos, sinal de ledicia pola resurrección de Xesucristo, aínda que normalmente, o sacerdote celebrante adoita vestir unha casula dourada por mor da gran solemnidade da celebración que é o centro do ano litúrxico.

Comeza a vixilia co templo completamente a escuras, acendendo e bendicindo un lume no atrio, nun lugar fóra do templo. Dese lume acéndese o Cirio Pascual, unha gran candea que simboliza a Xesucristo Resucitado. Acto seguido, comeza a procesión do sacerdote e os ministros, e os fieis que agardan dentro do Templo acenden as súas candeas propias da chama do Cirio a medida que o diácono avanza co cirio en alto pola nave central do Templo. O diácono detense en tres ocasións para cantar: "Luz de Cristo", ó cal os fieis responden: "Demos grazas a Deus". Cada vez o canto faise nun ton máis alto.

Chegados ó presbiterio, colócase no centro do mesmo, a carón do altar ou do ambón, e o sacerdote incénsao tres veces. Acéndense algunhas luces do Templo (quedando a media luz), e acto seguido, o diácono, o sacerdote ou un cantor entoa o Pregón pascual, antigo himno alusivo á noite de Pascua que proclama a gloria da Resurrección de Cristo.

Despois continúa coa Liturxia da Palabra, na que seminaristas ou fieis Laicos, proclaman sete relatos do Antigo Testamento alusivos o plan de salvación de Deus,[1] intercalados con salmos ou cánticos do Antigo Testamento.

Notas editar

  1. Thomas Talley di que as lecturas orixinais da vixilia católica eran Xénese 1, Xénese 22, Éxodo 14, Deuteronomio 31, Isaías 4, Isaías 54 e Baruch 3.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Thomas J. Talley, The Origins of the Liturgical Year, Nova York: Pueblo Publishing Company, Inc., 1986.