Nosa Señora da Cela

(Redirección desde «Virxe da Cela»)

Nosa Señora da Cela, referida comunmente e máis coñecida como Virxe da Cela, é unha das diversas advocacións da Virxe María. É a patroa da parroquia de Baredo, no concello pontevedrés de Baiona onde se venera.[1] Grazas a isto, Cela é empregado como nome de muller.

Historia editar

 
A igrexa parroquial de Santa María de Baredo, onde se atopa a imaxe da Virxe da Cela.

Cando no século XVI, Henrique VIII, reinaba en Inglaterra, ordenou queimar e destruír todas as estatuas relixiosas no seu país. Algunhas foron lanzadas ao mar, impedindo a súa destrución.

Segundo a lenda, uns mariñeiros de Baredo viron algo que brillaba entre as rochas: tratábase dunha imaxe dunha virxe cun meniño no seu brazo, posiblemente de orixe inglesa. Deseguida collérona e escondérona nun lugar seguro, A Cela, tapada entre fentos e toxos. Correndo, foron a avisarlle a todo o pobo, pois estaban moi emocionados, aparecera unha virxe, a cal xa lle puxeran un nome: A Virxe da Cela. Un numeroso grupo de veciños, dirixiuse ao lugar onde a ocultaran. Alí decidiron construír unha ermida para renderlle culto.

En Baredo, non había ningunha igrexa para asistir á misa, nin cemiterio. A xente tiña que dirixirse andando ata Baíña. Non era un camiño curto nin sinxelo. Era necesario facer varias paradas para repoñer forzas ou apagar a sede nos días calorosos do verán. A Fonte dos Mortos era un lugar de parada obrigada para refrescarse, sobre todo cando levaban as caixas cos cadáveres dunha aldea ata outra. No inverno, cos temporais, nin sequera podían camiñar. A pesar de todas estas circunstancias, obrigaron a trasladar a imaxe para Baíña. Habilitaron un carro de bois, para facer a viaxe. Cando levaban un anaco de camiño, os bois paráronse e foron incapaces de facelos camiñar, probando moitos métodos para que andasen.

Máis tarde, construíron a igrexa actual, rematada no 1812, na que se segue venerando hoxe en día. E en 1810 conseguiu a independencia de Baíña.[2]

Actualmente a imaxe é moderna, xa que foi substituída a antiga (e sen saber máis nada dela). Desta dise que era de madeira e pequena, mais outros contradino.

A festa tradicional celébrase o 25 de marzo, mais logo foi traspasada á primeira fin de semana de xullo.

Notas editar

  1. Tamén se venera a Virxe de Cela no concello de Monfero.
  2. O Sol Xa Saiu, blog. "A lenda da Virxe da Cela". Consultado o 25/2/2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar