Vilaia

subdivisión administrativa dalgúns países musulmáns

Unha vilaia ou vilaiete (en árabe ولاية wilaya; en turco e persa, vilayet; en húngaro: vilájet) é unha subdivisión administrativa dalgúns países musulmáns.

Uso moderno editar

Dependendo do país, pode ser traducido como "provincia", "prefectura", "estado" e outros.

  • Afganistán: componse de 24 provincias;
  • Alxeria: divídese en 48 provincias;
  • Marrocos: divídese en 16 rexións gobernadas por un vali, as cales se subdividen en vilaias, sendo entidades de segundo nivel;
  • Malaisia: divídese en 13 negeri (estados) e 3 wilayah persekutuan (territorios federais);
  • Mauritania: componse de 13 vilaietes (por veces chamados rexións), subdivididos en 53 moughataa;
  • Omán: divídese en 4 mohafazat e 5 mintaqah, estas últimas subdivididas en vilaietes (por veces chamados distritos);
  • Kenya: componse de 8 provincias subdivididas en vilaietes (ás veces chamados distritos);
  • Uzbekistán: divídense en viloyatlar (singular: viloyat);
  • Sudán: componse de 26 vilaietes (por veces chamados estados);
  • Tanzania: as 26 rexións do estado, chamadas mkoa en suahili, divídense en distritos, wilaya en suahili.
  • Taxiquistán: divídese en viloyatho (singular: viloyat);
  • Tunisia: componse de 24 vilaietes (ولاية wilāyah), chamados gouvernorats en francés;
  • Turcomenistán: divídese en welayat.

Uso histórico editar

A pronunciación turca da palabra (orixinalmente árabe) vilayet, era o nome das provincias do Imperio Otomán. No Imperio Otomán, unha reforma administrativa de 1864 dividiu o territorio en vilaietes.

Entre 1541 e 1686 existiu a vilaia Buda na Hungría conquistada polos turcos otománs, a cal era a principal despois das outras vilaias húngaras de Temesvár (1552), Eger (1596), Nagykanizsa (1600), Várad (1660) e Érsekújvár (1663). Logo de ser reconquistado polos Habsburgo, volveuse a unificar o reino de Hungría, e as vilaias deixaron de existir.

Outros usos editar

Os campos de refuxiados saharauís de Tinduf atópanse divididos en catro asentamentos, denominados wilayas, cada un dos cales está composto de varias dairas.

En hindi e urdú, o termo Vilayet é usado para referirse a calquera país estranxeiro.

En árabe, o termo ولاية wilāyah é usado para referirse os estados dos Estados Unidos, e todo o país é designado الولايات المتحدة (al wilāyat al mutahidah).