Viaje a la Alcarria

libro de viaxes de Camilo José Cela

Viaje a la Alcarria é un libro de viaxes de Camilo José Cela, publicado en 1948. Narra a viaxe do autor pola comarca de La Alcarria, na provincia de Guadalaxara. A obra está adicada a Gregorio Marañón.

Viaje a la Alcarria
Autor/aCamilo José Cela
OrixeEspaña
Linguacastelán
Xénero(s)Libro de viaxes
Data de pub.1948
Seguido porNuevo viaje a la Alcarria
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

A acción comeza nun piso de Madrid. O autor está no seu piso da rúa Alcalá, onde vive coa súa muller Charo e co seu fillo Camilo José Cela Conde, de poucos meses[1]. Alí primeiro decide o destino da viaxe, e logo vaga, consultando o libro Historia de Galicia de Manuel Murguía.

Ao cabo duns días, o 6 de xuño de 1946, o viaxeiro érguese cedo e vai camiñando até a estación de Atocha, onde colle o tren a Guadalaxara. Seguindo pola estrada de Zaragoza (estrada N-II) pasa por Taracena, e pouco máis adiante monta nun carro, e logo de cruzar Valdenoches chega até Torija. Pasa a noite nesa poboación, e desvíase da estrada cara a Brihuega. Na obra inclúe unha transcrición do texto da lápida da Puerta de la Cadena. Ao serán bótase a camiñar xunto ao río Tajuño, e fai noite xunto cun home vello a carón do camiño. Ao día seguinte pasan por Mansegoso e ao mediodía chegan a Cifuentes, onde o viaxeiro dorme.

Á mañá sae en dirección sur. Pasa por Gárgoles de Arriba e Gárgoles de Abajo cara a Trillo, onde fai noite. Ao día seguinte cruza o río Texo e rode as Tetas de Viana até chegar a Viana de Mondéjar. Non entra na vila, e despois de xantar continúa até La Puerta. Descansa nunha fonda e visita a vila. O alcalde conséguelle un carro para ao día seguinte ir até Budia. De camiño sorpréndeos unha tormenta, logo de pasar Durón. Chegan a Budia xa de noite, e atópase con Martín, un comerciante co que coincidira en Trillo. Pola mañá visitan xuntos a vila, e o autor visita o médico Severino Domínguez Alonso.

Antes de xantar diríxese cara a El Olivar e despois até Durón. No empalme coa estrada, de camiño a Pareja, a Garda Civil pídelle a documentación. Pasa a noite no cruzamento do camiño que leva a Chillarón del Rey, e ao amencer chega a Pareja. Vai a unha fonda para almorzar e asearse. Por un malentendido coa patroa do lugar non queda a durmir. Ao día seguinte desvíase até Casasana, onde xanta. Un home cun burro acompáñao e lévalle a equipaxe até Sacedón, pasando por Córcoles. En Sacedón encóntrase de novo co comerciante Martín, co que percorre a vila. Nunha tenda dun amigo de Martín falan da Vuelta a España (que se disputara entre o 7 e o 30 de maio), de Delio Rodríguez e de Julián Barrendero.

Pasa a noite en Sacedón, e marcha en autobús. Cruzan o río Texo, onde están a construír o encoro de Entrepeñas, e segue por Alhóndiga até Tendilla. Despois de xantar colle outro autobús que o leva por Fuentelviejo, e Hueva até Pastrana. Alí consegue aloxamento e descansa para ver a vila ao día seguinte. Pola tarde vai co alcalde en coche a visitar Zorita de los Canes.

Narración editar

A obra está narrada en terceira persoa, cun viaxeiro -o propio autor- como protagonista. A acción discorre en primavera. Amais da paisaxe e a paisanaxe, o autor describe a flora e a fauna do lugar. Ao longo da obra o autor menciona os xentilicios cos que son coñecidos os habitantes dos lugares, así como alcumes de persoas e coplas populares.

Edicións e adaptacións editar

A obra foi redactada entre o 25 e o 31 de decembro de 1947, e apareceu editada en marzo de 1948 en La Revista de Occidente, co antetítulo de Las botas de siete leguas, con fotos de Karl Wlasak. En decembro de 1952 editouse en Buenos Aires da man de Espasa-Calpe, na colección Austral, cunha reedición en xuño de 1953 e outra en xuño de 1961. En 1954 apareceu a cuarta edición da man de Destino, co subtítulo Con los versos de su cancionero, cada uno en su debido lugar; reeditouse en outubro de 1958. A sexta edición apareceu en novembro de 1958 en Papeles de Son Armadans, con xilografías de Jaume Pla. En 1989 apareceu no tomo 4º das Obras completas xunto con Del Miño al Bidasoa, con prólogo do autor datado en 1963.

Traduciuse ao francés como Voyage en Alcarria da man de Marie-Berthe Lacombe (Gallimard, 1961) e ao inglés como Journey to the Alcarria da man de Frances M. López Morillas (University of Wisconsin Press, 1964)[2]. En xuño de 1985 Camilo José Cela percorreu de novo esa zona, o que deu pé ao libro Nuevo viaje a la Alcarria.

Adaptación televisiva editar

En 1976, emitiuse en Televisión Española unha adaptación televisiva dirixida por Antonio Giménez Rico para a serie Los Libros,[3] con banda sonora de Luis Eduardo Aute,[4]

Notas editar

  1. Cela Conde, C. J. (1989): Cela, mi padre. Ed. Temas de Hoy. Páx. 24.
  2. Cela Trulock, C. J. (1989): Obras completas Tomo 3. Introdución a Viaje a la Alcarria, páx. 9-10. Ed. Destino.
  3. "La Fundación Cela organiza un viaje virtual a la Alcarria para conmemorar el trayecto del escritor". elmundo.es (en castelán). 6-6-2006. Consultado o 7-4-2020. 
  4. "Viaje a la Alcarria (TV)". filmaffinity.com (en castelán). Consultado o 7-4-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar