Vestiges of the Natural History of Creation

Vestiges of the Natural History of Creation (Vestixios da historia natural da Creación) é un libro de 1844 de historia natural especulativa e de filosofía escrito por Robert Chambers. Foi publicado anonimamente en Inglaterra, e expón diversas ideas sobre a evolución estelar xunto coa transmutación das especies progresiva, usando unha narrativa accesible na que vai incluíndo numerosas teorías científicas da época.

Vestiges of the Natural History of Creation
Páxina do título da 12ª edición de Vestiges of the Natural History of Creation (1884)
Autor/aRobert Chambers
OrixeReino Unido
Linguainglés
Xénero(s)Bioloxía evolutiva
EditorialJohn Churchill
Data de pub.outubro de 1844
editar datos en Wikidata ]

O libro foi inicialmente ben recibido pola educada sociedade vitoriana contemporánea e chegou a ser un éxito de vendas internacional, pero os seus temas non ortodoxos contradicían a teoloxía natural daquela de moda e foi denigrado polos cregos da época, e seguidamente polos científicos, que rapidamente atoparon fallos e deficiencias de leigo. As ideas do libro foron celebradas polos radicais, pero a súa argumentación seguiu sendo popular ante un público moito máis amplo. O príncipe Alberto leullo en alto á raíña Vitoria en 1845. Vestiges causou un cambio na opinión popular, que (como cría Charles Darwin) preparou a mente do público para as teorías científicas da evolución por selección natural formuladas no libro de Darwin On the Origin of Species de 1859.

Como se publicou anonimamente, durante décadas houbo especulación sobre a súa autoría. A 12ª edición, publicada en 1884, revelou oficialmente que o autor era Robert Chambers, un xornalista escocés, que escribira o libo en St Andrews entre 1841 e 1844 mentres se recuperaba dunha doenza psiquiátrica.[1] Inicialmente, Chambers propuxera para o libro o título The Natural History of Creation (A historia natural da Creación), pero os seus amigos persuadírono para que revisase o título en deferencia ao xeólogo escocés James Hutton, que salientara que a xeoloxía era insondable no tempo: "ningún vestixio dun principio, ningunha perspectiva dun final". Parte da inspiración da obra derivaba da Sociedade Frenolóxica de Edinburgo, cuxa influencia materialista chegou ao seu clímax entre 1825 e 1840. George Combe, que encabezaba o pensamento frenolóxico, publicara o seu influente libro The Constitution of Man (A constitución do home) en 1828. Chambers estaba estreitamente implicado con asociados de Combe como William A.F. Browne e Hewett Cottrell Watson, que contribuíron moito ás explicacións da teoría materialista da mente. Chambers morreu en 1871 e está enterrado na catedral de St Andrews, dentro da antiga capela de St Regulus.

Publicación editar

O libro foi publicado polo editor John Spriggs Morss Churchill en Londres. Puxéronse os máximos coidados en asegurar que a autoría do libro permanecese secreta para Churchill e o público. Despois de que Chambers completaba cada sección, a súa muller copiaba o manuscrito, porque Chambers era ben coñecido no oficio. Alexander Ireland de Manchester enviou o manuscrito ao editor. As probas foron entregadas de novo polo impresor Mr. Savill a Alexander Ireland, quen llas pasou a Chambers. Chambers revelou o segredo a só catro persoas: a súa muller, ao seu irmán William, a Ireland, e a Robert Cox. Toda a correspondencia dirixida ou procedente de Chambers pasaba por Ireland como intermediario. Dous anos despois da publicación inicial, en 1846, un tal Dr. Neil Arnott foi tamén engadido ao reducido círculo dos que coñecían o segredo.[2]

Contido editar

 
Diagrama da 1ª edición que mostra un modelo de desenvolvemento no que os peixes (F), réptiles (R), e aves (B) representan ramas dun camio que leva aos mamíferos (M).
Vestiges é moi fácil de ler, pero non sempre fácil de entender.
James A. Secord (1994) Introduction to the reprinted edition Vestiges of the Natural History of Creation, page xi.

O trabllo presenta unha teoría cósmica da transmutación como "a historia natural da creación" que agora chamamos evolución. Suxire que todas as cousas que existen se desenvolveron a partir de formas anteriores: o sistema solar, a Terra, as rochas, as plantas e os corais, peixes, plantas terrestres, réptiles e aves, mamíferos, e finalmente o home.

O libro empeza abordando as orixes do sistema solar, usando a hipótese nebular para explicar a súa formación enteiramente por medio das leis naturais. Explica as orixes da vida por xeración espontánea, citando algúns cuestionables experimentos que afirmaban que se xeraban espontaneamente insectos por medio da electricidade. Despois apela á xeoloxía para demostrar a progresión no rexistro fósil desde os organismos máis simples aos máis complexos, culminando finalmente no home, identificando imperturbablemente aos europeos caucasianos como o pináculo dese proceso, xusto por riba doutras razas e do resto do reino animal.[3] Incluso vai máis lonxe e conecta o poder de razoamento mental do home co resto dos animais como un paso evolutivo avanzado que pode ser rastreado cara a atrás a través do resto dos animais inferiores. Neste sentido, as ideas evolutivas presentadas en Vestiges pretenden ser completas e universais.

Contén varios comentarios que é interesante mencionar á luz dos debates recentes nalgúns países sobre o Deseño intelixente. Por exemplo:

Ningunha das especies de calquera criatura que floreceu antes o Terciario (agás os infusorios de Ehrenberg) existe agora; e dos mamíferos que se orixinaron durante esa serie, moitas formas desapareceron, mentres que das outras temos agora só especies emparentadas. Así, encontrar non só frecuentes adicións a formas previamente existentes, senón frecuentes retrocesos de formas que aparentemente se volveran inapropiadas (un constante cambio e avance), é un feito calculado moi convincentemente como para cativar a atención. Unha consideración sincera de todas estas circunstancias apenas pode deixar de introducir nas nosas mentes unha idea algo diferente da creación orgánica do que ata agora xeralmente se considera. (p.152)

Noutras palabras, o feito da extinción, que pode observarse nos estratos fósiles, suxire que algúns deseños eran defectuosos. A partir disto, o autor conclúe:

Debe entón chegarse a algunhas outras ideas con respecto ao modo no cal o Divino Autor procedeu na creación orgánica. (p.153)

Pero a suxestión non é un mecanismo, como Darwin proporía quince anos despois. O autor simplemente indica que un Deus continuamente activo é innecesario:

...como podemos supoñer que o Ser augusto que lle deu forma a todos estes incontables mundos polo simple establecemento dun principio natural que fluía da súa mente, ía interferir persoalmente e especialmente en cada ocasión cando un novo molusco ou réptil ía ser levado á existencia nun deses mundos? Seguramente esta idea é demasiado ridícula para ser considerada nin por un momento. (p.154)

Ademais suxire que esta interpretación pode estar baseada nunha teoloxía corrupta:

Así, a obxección baseada nas escrituras rapidamente se desvanece, e as ideas prevalentes sobre a creación orgánica aparecen só como unha inferencia errada sacada do texto, formado nun tempo no que a ignorancia do home impedíalle sacar de aí unha xusta conclusión. (p.156)

E loa a Deus pola súa prevision de xerar tan abraiante variedade por medio dun método tan elegante, mentres que reproba aos que sobresimplifican o Seu logro:

Para unha mente razoable deben aparecer os atributos Divinos, non diminuídos ou reducidos dalgún modo, ao supoñer unha creación por leis, senón infinitamente exaltados. É a máis estrieta de todas as visións da Deidade, e característica dunha clase humilde de intelectos, supoñer que El actúa constantemente por camiños particulares para cada ocasión particular. Iso, en primeiro lugar, réstalle valor grandemente á súa previsión, o máis innegable de todos os atributos de Omnipotencia. Isto rebáixao ao nivel dos nosos humildes intelectos. Moito máis digno del seguramente é supoñer que todas as cousas foron encargadas por El desde o principio, aínda que tampouco está El ausente dunha partícula da corrente dos asuntos naturais en certo sentido, vendo que o sistema completo está continuamente sostido pola súa providencia. (pp.156–157)

 
Esqueleto dun mamut extinto. Unha de entre as aproximadamente un cento de ilustracións de gravados introducidas na 10ª edición de Vestiges publicada en 1853.

Despois da súa publicación, houbo un crecente apoio ás ideas da coexistencia de Deus e a Natureza, nas que a deidade establecía as leis naturais en vez de intervir continuamente con milagros. Quizais por esa razón On the Origin of Species de Darwin foi aceptado tan doadamente, despois da súa publicación. Por outra parte, o coñecemento do escándalo e a experiencia da reacción dos seus amigos científicos confirmaron a reticencia de Darwin a publicar as súas propias ideas ata que tivera respostas ben elaboradas a todas as posibles obxeccións (aínda que, ao final, Darwin tivo que publicar o libro antes do que el quería).

Os Vestiges e Lamarck editar

"Ningún vestixio dun principio, ningunha perspectiva dun final..." James Hutton (1785) The Theory of the Earth.

O libro avogaba por unha visión evolutiva da vida co mesmo espírito co que o fixo o francés Jean-Baptiste Lamarck. Lamarck estaba desacreditado entre os intelectuais na década de 1840 e as teorías evolutivas (ou desenvolvementos) eran moi impopulares, excepto entre os políticos radicais, materialistas, e ateos. Charles Lyell criticara amplamente as ideas de Lamarck na súa segunda edición da súa monumental obra Principles of Geology (Principios de xeoloxía). Así, era natural que algúns críticos intentasen simplemente desestimar Vestiges como un libro lamarckista. Porén, Chambers tratou de distanciar explicitamente a súa propia teoría da de Lamarck negándolle ao mecanismo evolutivo de Lamarck calquera plausibilidade.

Agora é posible que os desexos e o exercicio das facultades entrasen dalgunha maneira na produción dos fenómenos que estivemos considerando; pero certamente non na maneira suxerida por Lamarck, cuxa completa noción é obviamente tan inadecuada para explicar a aparición dos reinos orgánicos, que só podemos situala con pena entre as loucuras dos sabios. (p.231)

Nun prefacio autobiográfico (anónimo) escrito en terceira persoa que só apareceu na 10ª edición, Chambers sinalou que "Oíra falar das hipóteses de Lamarck; peroparecéronlles que avanzaban nun círculo vicioso, e descartounas como totalmente inadecuadas para explicar a existencia das especies animadas."[4]

Notas editar

  1. Crawford, Robert (2011). The Beginning and The End of the World: St Andrews, Scandal and the Birth of Photography. Edinburgh: Birlinn. ISBN 9781841589800. 
  2. Ireland, "Introduction to the Twelfth Edition," en Chambers 1884, pp. vii-viii, xvii.
  3. Chambers 1844, pp. 217–218.
  4. Chambers 1853, p. vi.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar