Vella fritindo ovos
A Vella fritindo ovos é un cadro de Velázquez realizado na súa etapa sevillana. Hoxe en día atópase na National Gallery of Scotland, en Edimburgo, tras ser adquirido en 1955 por un valor de 57.000 libras esterlinas.
Vella fritindo ovos | |
---|---|
Artista | Diego Velázquez |
Data | 1618 |
Técnica | óleo sobre lenzo |
Dimensións | 100,5 cm cm × 119,5 cm |
Localización | National Gallery of Scotland (Edimburgo Reino Unido) |
A data do cadro, aínda que non está claramente definida, sitúase en torno ao ano 1618, antes do traslado definitivo de Velázquez a Madrid no ano 1623.
A técnica
editarEste cadro, ao igual que outros realizados na primeira época de Velázquez, está influenciado polo claroescuro; un foco de luz, que ten a súa orixe na parte esquerda do lenzo, ilumina a parte dereita do cadro, é dicir, á anciá, aos seus útiles e aos ovos que está a fritir, deixando escuro o resto de cadro, o fondo e o neno. Este claroescuro é moi intenso, de xeito que é difícil apreciar a parede que se atopa ao fondo do cadro, a cal só é posible identificar porque ten unha cesta colgando dela.
O realismo do lenzo é case fotográfico, Velázquez pon especial énfase en que os obxectos destaquen neste exemplo de bodegón, no que aparecen pratos, vasillas, potas, morteiros e xarras, destacando así o brillo especial do cristal ou a influencia da luz no melón que porta o rapaz. A fritura da vella está incriblemente lograda, tanto que semella que o aceite fervendo está a saltar diante dos ollos do espectador.
Os pés e as mans son as partes máis expresivas do corpo e, observando detidamente o lenzo, apréciase que o pintor traballou as mans da vella con moito detalle, ao igual que acontece coas mans do rapaz, que suxeita o melón e a vasilla.
O emprego de personaxes populares é recorrente nas pinturas da primeira época de Velázquez, chegando a utilizar modelos da súa contorna familiar en moitos casos; así por exemplo, a muller que aparece sita neste cadro aparece tamén na obra Cristo na casa de Marta e María.
O lenzo destaca asemade polas súas cualidades tenebristas, altos contrastes de luces e sombras, ao mesmo tempo que Velázquez fai uso de tonalidades clásicas e tenues, amosando un claro predominio das cores ocres e pardas. O virtuosismo do pintor queda patente nos detalles, coma o xeito de plasmar a natureza morta, as mans da vella e os obxectos acortados segundo as regras da perspectiva.
A escena de organización oval, na que aparecen medias figuras en planos moi próximos, introduce ao espectador na acción conxelada.