Vasoira de pole

estrutura dalgunhas abellas para transportaren o pole

A vasoira de pole, tamén chamada cepillo de pole, ou scopa na bibliografía internacional, é unha estrutura, presente na maioría das abellas, que serve para carrexar o pole.

Abella coa vasoira cargada de pole

Etimoloxía editar

O termo scopa da terminoloxía internacional, e do que son adapatacións os nomes galegos aquí expresados, deriva do termo latino scōpae, scopārum, "vasoira".[1]

Estrutura e función editar

 
Vasoira abdominal de Megachile sp.

Esta vasoira ou cepillo é o nome de calquera das diferentes modificacións no corpo dunha abella non parasitaria que forman un aparello portador de pole. Na maioría das especies de abellas, a scopa é simplemente unha masa densa de pelos (ou setas) alongados, a miúdo ramificados, nas patas traseiras.[2] Cando están presentes nestas patas, os pelos modificados están case sempre na tibia, pero algunhas abellas, como as das familias dos halíctidos e dos andrénidos, presentan estas serdas tamén no fémur e/ou no trocánter, ou na parte terminal do tórax.[3][4]. Algunhas abellas teñen, ademais dos pelos das patas, moitos pelos modificados na superficie ventral do abdome que tamén se usan no transporte do pole. As especies dunha familia de abellas, a dos megaquílidos, carecen de pelos modificados nas patas, pero teñen unha extensa scopa na parte inferior do abdome.

As abellas e os abesouros teñen unha estrutura máis desenvolvida que a scopa: a corbícula ou cesta do pole, pero esta é máis especializada e é característica das abellas da familia dos ápidos. Varias especies de abellas teñen outros tipos de pelos modificados que recollen o pole, aceites florais ou outros produtos químicos das plantas; estes pelos poden levar estas substancias á cara, ás pezas bucais ou ás patas dianteiras ou medias, pero non se denominan vasoiras. O termo "vasoira" está restrinxido aos pelos adaptados para o transporte de pole.

Cando unha abella visita unha flor, o pole aséntase por todo o seu corpo. Para transferilo á vasoira, debe recollelo cunha especie de pincel feito con serdas máis duras, situado no tarso basal de todas as patas, especialmente das patas traseiras.[3]

Algunas especies de abellas transportan o pole internamente, no aparello dixestivo, e despois regurxítano no niño e, polo tanto, carecen de vasoira, ao igual que as abellas cleptoparasitas, que non recolectan pole.[3][4][5][6]

Só as abellas obreiras posúen esta estrutura.

Notas editar

  1. scopa no Merriam-Webater Dictionary.
  2. escova de pólena, en Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. Alemám, Inglês, Espanhol, Galego-Português. A Coruña: AGAL. ISBN 84-8730-512-1, p. 131.
  3. 3,0 3,1 3,2 Quaranta 2004.
  4. 4,0 4,1 Cane 2008.
  5. Hodges 1952.
  6. Proctor, Yeo & Lack 1996.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar