Vandana Shiva
Vandana Shiva (en devanágari: वंदना शिवा;), nada en Dehradun (Uttaranchal) o 5 de novembro de 1952, é unha científica, filósofa e escritora india. Activista a favor do ecofeminismo e da agricultura ecolóxica, defensora das sementes tradicionais e contraria aos cultivos transxénicos, recibiu o Premio Nobel Alternativo en 1993.
Traxectoria
editarShiva naceu en Dehradun, antigamente parte do estado indio de Uttar Pradesh. Durante os anos 70 participou no movemento Chipko, formado principalmente por mulleres que adoptaron a táctica de denuncia ecoloxista consistente en permaneceren abrazadas ás árbores para evitar que fosen pinchados.
En 1982 creou a Fundación para a Investigación Científica, Tecnolóxica e Ecolóxica, a cal conta entre as súas iniciativas o impulso e difusión da agricultura ecolóxica (programa Navdanya), o estudo e mantemento da biodiversidade (Universidade das sementes, Colexio Internacional para a Vida Sostíbel), fomentar o compromiso das mulleres co movemento ecoloxista (Mulleres Diversas pola Diversidade), ou a rexeneración do sentimento democrático (Movemento Democracia Viva).
En 1993, en recoñecemento á súa dedicación aos movementos alternativos e "... por situar a muller e a ecoloxía no corazón do discurso moderno sobre o desenvolvemento", recibiu o Right Livelihood Award, tamén coñecido como o Premio Nobel Alternativo. Outros premios que recibiu son o Global 500 de 1993 do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP) e o premio internacional do Día da Terra, tamén das Nacións Unidas.
Actualmente é unha líder do Foro Internacional sobre a Globalización, así como un membro destacado do movemento antiglobalización. No seu libro Manifesto por unha democracia da terra propuxo o concepto e a causa da democracia da terra como alternativa ao capitalismo.
En 2022 recibiu o premio Ignacio Ellacuría por ser "unha referente mundial no movemento ecofeminista internacional e na loita por preservar a biodiversidade e construír alternativas agrícolas sostibles fronte á crise climática".[1]
En xuño de 2024 será investida doutora honoris causa pola Universitat Pompeu Fabra.[2]
Notas
editar- ↑ Ferreira, Maialen (2022-11-30). "Vandana Shiva: "Debemos evitar que las empresas contaminantes estén al volante de la lucha contra el cambio climático"". elDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-12-08.
- ↑ "El 3 de juny, la UPF investirà doctora honoris causa la física, filòsofa i activista Vandana Shiva". UPF.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Right Livelihood Award [1] Arquivado 21 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
- Global 500 [2] Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.
- Sementes de resistencia, un artigo sobre Vandana Shiva -no Museo internacional de mulleres-.
- Videoentrevistas con Vandana Shiva con subtitulos en español recompiladas polo Profesor Juan Pablo Galeano Rey.
- Entrevista a Vandana Shiva