Usuario:Xabier Cid/Sistema ferroviario

Durante as últimas semanas fóronse creando múltiples artigos sobre o sistema ferroviario español. Estes artigos son, na súa maior parte traducións automáticas de artigos da wikipedia española; algunhas fórono de bos artigos e outras de artigos que non tanto. Presentan por esa razón numerosos problemas, e non foron coidadosamente revisados. A rede de relacións entre uns e outros é moi complexa e fai moi difícil a corrección rápida. Por iso é necesario dispor un sistema coherente de estilo e denominacións ao que nos poidamos remitir.

O que escribo aquí non pretende ser unha norma, aínda que se a comunidade o cre importante podería debaterse, votarse e aprobarse; creo que, aínda que nestes momentos pode ser un problema voluminoso, as súas complicacións non afectan o conxunto do sistema e só a unha pequena parte. Por iso non creo que deba considerarse unha norma.

Pero ao mesmo tempo, crin que era importante ordenar os criterios para poder desenvolver un traballo de revisión e harmonización ao longo do tempo, e onde poidamos traballar varias persoas. A axuda dun bot pode ademais ser moi interesante.

Denominacións editar

As estacións de tren adoitan ter distintos nomes ao longo do tempo; ademais, conviven denominacións xeográficas con nomes propios. Os nomes oficiais das estacións son pouco claros: na actualidade é a empresa Adif a propietaria das instalacións, e ela dálles un nome determinado, que pode coincidir ou non co nome máis común, incluír trazos (-), trazos con espazos ( - ), ou simplemente a xustaposición de termos.

A diferenza doutras wikipedias, a Galipedia optou dende o comezo por identificar os artigos polo seu nome máis coñecido: así o artigo é Anxo Quintana e non Anxo Quintana González, por exemplo; para corrixir a variabilidade desas denominacións optouse por un sistema de redireccións procurando que estas non fosen infinitas, senón que se limitasen a denominacións correctas e ademais frecuentes.

Así pois, os nomes das estacións de tren deberían:

  • recoller a denominación máis simple de entre as comúns.
  • empregar de forma coherente e constante o termo "estación (de)", como xa se fai coas illas, por exemplo, e que permite unha desambiguación sinxela ao coincidiren moitas veces os topónimos das localidades cos nomes das estacións onde se sitúan.
  • empregar os nomes en galego dos termos comúns así como das cidades.

Ou sexa: estación de Chamartín e non estación de Madrid-Chamartín; estación Norte e non València-Nord; estación de Abando e non estación de Bilbao - Abando - Indalecio Prieto, etc.

Por outra parte, estes criterios deben aplicarse tamén ás liñas de alta velocidade, ao nome dos trens e equipamentos, etc., onde ao anterior hai que sumarlle un incorrecto uso das maiúsculas.

Neutralidade editar

Os artigos actuais presentan diversos problemas de neutralidade:

  • ao seren traducidos da es.wp, por exemplo, existe un punto de vista onde España é o centro: só se dan informacións españolas para procesos e feitos xerais, como a alta velocidade, ou xeograficamente empréganse conceptos como "aquí" e "no estranxeiro".
  • realízanse diversas previsións sobre as datas de construción de liñas futuras que, na súa práctica totalidade, están sen referenciar.
  • achéganse informacións demasiado funxibles, coma o tempo que tarda un tren en cubrir certa distancia entre cidades, que non van poder ser actualizadas. Xa neste momento hai diversas informacións desactualizadas, como por exemplo a que se corresponde coa cronoloxía da chegada do AVE a Barcelona.

Estilos editar

A wikipedia non é un folleto promocional. Polo tanto, non é necesario inzar os textos de negriñas, cursivas, e negriñas sobre cursivas.

Tampouco é necesario que os tipos de tren inclúan logotipos dentro do texto (que, por certo, habería que comprobar ata que punto están libres de dereitos), nin que a información sobre os distintos trens, en función da súa ruta, vaian nunha cor ou noutra.

Ligazóns relacionadas editar

Obviamente, ao estarmos a falar do sistema ferroviario español, todo está relacionado. As empresas que na súa historia xestionaron os trens, os tipos de trens, os conceptos xenéricos sobre largo de vías ou sobre tipos de velocidades... Pero a maior parte dos contidos relevantes ou imprescindibles xa están ligados dende o texto. Moitas veces os artigos inclúen tres ou catro artigos relacionados que non son específicamente relacionados, senón xerais. Un modelo con ligazóns é, sen dúbida, unha mellor opción.

Porén, nos artigos onde se describen as rutas, o emprego de ligazóns internas non é sistemático nin coherente. Non só estamos ante unha macedonia de denominacións produto da tradución automática; tamén hai determinados artigos (algunhas estacións maiores, p.ex.) que teñen ligazón interna sempre, e outros que só as teñen ás veces. Deeberiamos corrixir e completar esas ligazóns internas.

Categorización editar

Na actualidade, a categorización desta sección de contidos responde máis á estrutura interna das empresas do que a unha perspectiva neutral e internacional dos servizos e das infraestruturas. É necesaria unha resistematización dos conceptos.

Ortografía editar

Tres son os traballos principais pendentes dende un punto de vista ortográfico:

  • Revisión dos topónimos españois hipergaleguizados polo tradutor automático.
  • Revisión do léxico ferroviario e de numerosos castelanismos: sen ir máis lonxe, o largo de vía, por ancho de vía*
  • Revisión do emprego de maiúsculas.